Opinión

Ignominia con Castelao

Cavilo con frecuencia que o noso país será normal cando a consideración e o trato, en especial desde o poder político, da figura e a obra de Castelao resulte concordante co que significan para Galiza. Devezo por que acabe, dunha vez, esa mestura de marxinación e reticencia con falsa e etérea devoción puntual, que mantén o seu pensamento político e a súa obra artística tamén fóra da circulación que merecen. Teño a sensación de que, dalgunha forma, Castelao segue no exilio dentro do propio país, e, o que é peor, sufrindo a soidade do que se ten por vello, caducado, anacrónico. Parece tratarse dunha reliquia, un talismán, que serve para ser invocado como símbolo dunha galeguidade que a todos nos uniría, santificando así o actual status do país, como se ese fose o obxectivo que Castelao se/nos tivese marcado. É dicir, aínda enriba, úsase o seu nome para lexitimar todo o que el aborrecía e atacar, na raíz, todo o que el e quen o acompañou no empeño, formularon e practicaron, como nacionalistas galegos, para Galiza ser dona de si mesma e recoñecerse como pobo con capacidade e vontade política. O día 30 de xaneiro, data do nacemento de Castelao en 1886, vén de ser conmemorado pola oficialidade nun acto marxinal e oportunista, no Panteón de Galegos Ilustres. Nel o pontífice Feixóo, de forma ignominiosa, invocando o nome do patriota galego, esconxurou todo o seu pensamento e conduta, diluíndoos nun inerte e fraudulento galeguismo (esta palabra comeza xa a ser ridícula, por non dicir odiosa!), un saco roto onde caberíamos todos, en especial a súa política. Por se fose pouco, permitiuse o luxo de condenar, por anacrónicos, a outros, xustamente os que están máis próximos ao pensamento do, máis que homenaxeado nesta ocasión, usado, sonando a burla, aldraxe e ignominia, en boca de quen o nega, coa súa conduta, todos os días do ano. Non sei se as tres institucións, un concello, unha fundación privada e un partido, que o acompañaron, como comparsas, ás que se lles supón unha identificación co legado de Castelao, aceptan este proceder manipulador. Tampouco sei que as leva a arroupar, coa súa presenza, o artífice dunha política deliberada, consciente, planificada, de maior dependencia e subordinación de Galiza, por non dicir, de españolización rampante e sen complexos. Ten algo que ver o pensar e o proceder de Feixóo co de Castelao? Ten o presidente da Xunta algunha preocupación polo legado artístico e político do noso gran home circular con normalidade na sociedade galega?

Permítaseme lembrar que o obxectivo estratéxico, para Castelao, era o federalismo xenuíno (a soberanía da nación para pactar a unidade en igualdade coas outras do Estado) ou, tras a experiencia histórica pola que pasou e a súa valoración da esencia imperial de España, a independencia. Castelao é inexplicábel sen o servizo á causa da existencia dunha nación, Galiza, e dos dereitos dun pobo, o galego. Representa a conciencia teórica e práctica da necesidade de acabar co deseño español que nos nega, deforma e espolia. Expresou a aspiración a ser normais e dignos, a comezar no uso da propia lingua galega, e termos conciencia dos nosos intereses colectivos. No Panteón de Santo Domingos respírase abandono, desleixo, soidade, como si os alí soterrados fosen clandestinos ou estranxeiros na propia patria. Que, aínda enriba, Castelao lle sirva, como reclamo de ocasión ou comodín, a quen conculca o máis esencial do seu testamento, para coar de matute a negación práctica máis estentórea de Galiza, agochada en galeguismo etéreo, non debe ser aturado en silencio. 

Comentarios