Opinión

Ideoloxismo ou ignorancia do concreto

Galiza, o pobo galego, parece ser inconsciente, maioritariamente, da gravidade da situación política pola que atravesa

Galiza, o pobo galego, parece ser inconsciente, maioritariamente, da gravidade da situación política pola que atravesa. Necesita un perfil político de seu cun peso que hoxe é a todas luces insuficiente. Parece resignarse a aceitar un destino deseñado por outros sen tela na máis mínima consideración. Dá a sensación de que pretende ignorar á mantenta as consecuencias que se derivan de permanecer atada ao Estado español, integrado na UE sen a menor defensa dos nosos intereses materiais e inmateriais.  É como se non houber máis remedio que aceitar as políticas que a negan, maltratan e sitúan nunha calexa sen saída. A este respecto  resulta clamorosa a tendencia das nosas elites académicas e intelectuais e a maioría dos partidos políticos, tamén o empresariado, a permanecer impasíbeis perante debates e informacións, de contido económico transcendente, que van condicionar o futuro inmediato, como estiveron condicionando o noso pasado e presente autonómicos. Por exemplo, o problema do financiamento autonómico ou a elaboracións das Balanzas Fiscais polo Goberno, o Banco de Bilbao Vizcaya ou a Generalitat, cada unha loxicamente destinada a demostrar o que interesa para xustificar un determinado obxectivo, alén dunhas estaren máis obxectiva e racionalmente xustificadas que outras.

A posición das organizacións políticas

Aquí todo o máis as voces dominantes limitaranse a darlle a razón ao que dite o Goberno ou o centralismo rampante na materia. Espallarán urbi et orbi que Galiza vive grazas á solidariedade de España. As cifras, adecuadamente manexadas, nos documentos oficiais sobre as dúas cuestións, serán a proba contundente. Alguén lle escoitou algo sobre estas cuestións á Xunta do PP, como non sexa a de confiar no Goberno central ou saír pola tanxente dicindo que somos guais na aplicación da doutrina do déficit público e da débeda, tal e como mandan desde Madrid e Bruxelas, con gravísimas consecuencias para o benestar das maiorías sociais? Non temos dados propios, nada que dicir nin defender, sobre a carga impositiva real, non a imputada, que soportamos na Galiza e comprobar se está por debaixo ou por enriba do gasto real executado polo Estado na Galiza? Por que esta ausencia clamorosa de elites académicas ou empresariais en defensa da capacidade e potencialidade do país? Por que este descoñecemento da nosa realidade fiscal, da nosa capacidade real nesta materia, nun contexto no que o debate catalán vai provocar outra mudanza de modelo que nos vai afectar tamén? Escoitoulle  algo alguén sobre estas cuestións ao PSOE como non sexa que debemos aliñarnos coas comunidades pobres e defender a solidariedade que España garante, é dicir, o discurso do statu quo? E que dicir de AGE? Silencio espeso e demagoxia barata a esgalla; para facer política abonda con catro tópicos indeferenciados de alcance universal-cosmopolita. A cuestión é tan grave que mesmo o nacionalismo, o BNG, o máis consciente do problema e o que fixo esforzos intelectuais e políticos por aclaralo en parámetros galegos e máis acorde coa verdade, por nós e desde nós, non é quen de defender coa contundencia, a intensidade e a incidencia debidas mesmo nas súas propias filas, as rigorosas análises e conclusións que manexa ao respecto. Falta de confianza en nós mesmos? Intimidación perante o peso esmagador e a resonancia das teses contrarias, emitidas desde todas as frontes contra o noso país, para afondar máis na dependencia  e seguir atándoo a un concepto aniquilador de españolidade?

Por que este descoñecemento da nosa realidade fiscal, da nosa capacidade real nesta materia, nun contexto no que o debate catalán vai provocar outra mudanza de modelo que nos vai afectar tamén?

Porén, nesta altura os gurús académicos da impostura do Estado español, aqueles que din que existimos por mor da súa solidariedade, cometen dabondo atropelos e mascaradas groseiras como para poder desenmascaralos e termos unha posición máis crítica sobre as súas imputacións e trapalladas. Ao baixaren, de forma basta, ao terreo da política,  amosan un pensamento, unha ideoloxía que os delata, e delata de que principios e teses parten, ás que deben unicamente acomodar os seus números, para sacralizar a idea da España. E non andan con andrómenas, agora que o conflito catalán está en efervescencia e deben cumprir un activo rol para intentar desactivar o que se converteu xa nun tópico na conciencia social catalá: España róubanos. Póñense dos nervios. En termos máis positivos, os independentistas cataláns afirman con toda razón que Catalunya como país non é viábel dentro do actual marco español, o da legalidade constitucional, nin económica, nin cultural nin lingüisticamente, nin por suposto economicamente ou como entidade con vontade política propia. Aos feitos remítense e non están faltos de toda a razón. Galiza, nos mesmos aspectos, é aínda máis inviábel dentro dese marco e dese deseño. Os feitos son tanto ou máis contundentes. Porén a medicina para nós é máis doses de España constitucional, de dependencia, e máis doses de UE, de opresión. Así predica a esquerda e a dereita española aquí.

Trapalladas dos economistas

Mais continuemos coas  trapalladas dos economistas ao servizo do Goberno de España. Por exemplo, Ángel de la Fuente, nada menos que o director da equipa que está a elaborar as Balanzas Fiscas para o Ministerio de Facenda, perante a observación dun pequeno empresario catalán da automoción que lle espetou que facer balanzas fiscais imputándolle a todas as comunidades autónomas gastos que se facían en Madrid era ilóxico, tendencioso e irracional, respondeu sen empacho: é máis correcto que contemplar só onde se fai a inversión, o gasto, porque o que ten importancia é a produción. Pode ocorrer que o gasto en Madrid se faga comprando produción catalá. Deus meu, que rigor!! Se o señor de la Fuente quere saber como se beneficia a produción catalá do mercado español ou madrileño, non ten máis que facer as balanzas comerciais, que son outra cousa. Con tal subxectividade, que non se cuantifica con argumentos e dados empíricos, os números poden adaptarse a calquera cousa. E así se fai. Saben que nos imputan, aos galegos e galegas, os gastos en Madrid no Museo del Prado, no Thyssen ou no Reina Sofía? Somos conscientes de que se fai igual co Túnel do Guadarrama? Qué dirían os de A Guarda se a Xunta argumentase que os seus investimentos en Ribadeo hai que imputarlle unha parte a eles porque tamén saen beneficiados? Esta metodoloxía do custe/beneficio  para facer Balanzas Fiscais préstase a abusos para pór de acordo os resultados cos preconceitos ideolóxicos ou as teses que se pretenden concluír: no  caso galego, que é o Estado quen nos alimenta, beneficia e sustenta. No catalán, que non é certo, que non é tan certo que estean fiscalmente maltratados. No de Madrid, é que os seus ingresos están por enriba dos seus gastos e que nos brinda solidariedade a esgalla ao resto, agochando mesmo as consecuencias fiscais da centralización do modelo económico e político.

Hai ignorancia e descoñecemento que non fan máis que afondar nunha posición ideolóxica previa: non valemos nin podemos por nós mesmos, necesitamos a solidariedade de España. 

Naturalmente ninguén fai fincapé en que as Balanzas Fiscais son unha parte da realidade, non toda a verdade económica, como se recoñecía mesmo nas Balanzas Fiscais que elaboraba o BBVA. Para aproximarnos a unha visión matizada de cómo lle vai a cada quen nesta unidade do Estado hai que ter presentes tamén outras balanzas, non só as fiscais e as comerciais, tamén as balanzas enerxéticas ou as financeiras, por exemplo.  En todas elas, Galiza para  España  é unha bicoca. Aquí nin sequera desde o mundo oficial se recorre a elas para evidenciar que os fluxos entre distintas partes do Estado non son só fiscais, que hai máis aspectos para coñecer con xustiza quen entrega a quen, e quen beneficia a quen e de que maneira. Por iso, asumir este debate con complexos, ou aliñándose cos da sagrada unidade de España, que, presumen, a todos nos ampara por igual, é tan nocivo para Galiza, na súa especificidade negada, ignorada e desprezada. Nós padecemos unha visión falsificada, puramente ideolóxica e deformada nun campo como o do sistema de financiamento (por simple adaptación e aceptación das teorías oficiais, sen tratar de verificar por un mesmo se os dados son ou non acordes coa realidade)  ou o das Balanzas Fiscais (por calar, como se non fose con nós, perante imputacións indebidas, cantidades nunca executadas e outras trapalladas que os dados, tirados das súas propias fontes informativas, non avalan).

Hai unha poderosa e rechamante hipertrofia: Madrid con só o 17% do PIB do Estado, ingresa case o 45% da carga tributaria.

Hai ignorancia e descoñecemento que non fan máis que afondar nunha posición ideolóxica previa: non valemos nin podemos por nós mesmos, necesitamos a solidariedade de España. Todo fica subordinado a este axioma. Non hai que pensar nin investigar por un mesmo. Xa outros pensan e estudan por nós.  Esta forma de proceder vai colocándonos, a cada paso máis, no furgón de cola, na total desconsideración, pois non existe opinión nin vontade galega, anulada pola asunción en estado puro e duro da tese de que vivimos grazas aos demais. Polo tanto, en calquera novo sistema de mudanza cuantitativa, e tamén cualitativa, como o sería o cupo ou concerto, a tendencia, segundo os predicadores de quenda, é a prexudicarnos, pois se adapta máis ás necesidades dos que, sen ir ao fondo da cuestión, nin procurar saídas independentistas, defenden que non están ben tratados e avogan mesmo por as comunidades autónomas manteren a mesma ordinalidade canto aos ingresos e aos gastos, ou por mellorar o financiamento de aqueles que, en aparencia e con cifras absolutas, non na realidade ou en termos relativos, máis pagan. A obsesión oficial é probar que hai quen contribúe máis e quen gasta o que non ten. Que tres, dous ou un tiran do resto, grazas a España ou, peor, que existimos grazas a que existe o Estado español e non  ao revés, existe o Estado grazas a que pagamos nós, todos. Ou é que os ingresos se producen todos no quilómetro cero madrileño como parecen dar a entender na Corte ou que todo o alí ingresado pertence a actividades tamén alí desenvolvidas, como pretende a Axencia Tributaria de España? Hai unha poderosa e rechamante hipertrofia: Madrid con só o 17% do PIB do Estado, ingresa case o 45% da carga tributaria. Sen dúbida cotízase aí por moitas actividades que se realizan noutros territorios, demostrando o carácter centralista do Estado das autonomías.

En 1900 a poboación madrileña era dúas veces e media inferior á galega. En 1960 igualábanse. Hoxe é máis de dúas veces superior á galega.

O efecto da centralización política, capital do Estado, coa centralización fiscal e financeira, produciu un fenómeno de grande contraste entre o que era e é Madrid e o que era e é Galiza. Son causas políticas, o deseño que se aplicou e aplica no Estado español, as que levaron a unha evolución demográfica de signo antagónico entre Madrid e Galiza: en 1900 a poboación madrileña era dúas veces e media inferior á galega. En 1960 igualábanse. Hoxe é máis de dúas veces superior á galega. Isto non obedece á evolución de factores demográficos como  as taxas de natalidade e mortalidade, senón a políticas concretas orientadas a potenciar o centro imperial español, como moi ben explica Xosé Díaz, quen lembra que todo isto aconteceu sen posuír Madrid un so KW eléctrico (ou de gas). Agora, iso  si, Galiza debeu  exportar a enerxía que producía, provocando o desenvolvemento do resto do Estado e mantendo o noso atraso. Isto, xunto coa decisión política de fixación dunha tarifa unitaria, do mesmo custo do kw/hora, supuxo unha enorme transferencia monetaria de Galiza: en 2003 nada menos que 10.188 Xigavatios, cun valor non inferior a 700M€. Isto si  que é solidariedade!!.

Sectores do nacionalismo galego refugan entrar na cuestión do sistema de financiamento porque son escépticos respecto da capacidade fiscal do país

Vai ter lugar o Consello de Política Fiscal e Financeira na primeira quincena de  maio. Non sabemos cal é o modelo que vai defender a Xunta para mellorar o sistema de financiamento das Comunidades Autónomas, en particular de Galiza. Non defenderá nada alternativo cando ela está conforme coa tese de que a capacidade fiscal de Galiza é a que reflicten os resultados do actual sistema de financiamento, a derivada da vixente cesta de impostos e as porcentaxes cedidas. Nada sabe nin quere saber de cal é realmente a carga fiscal soportada polos galegos ao 100% e por todas as figuras impositivas. Non quere nin ouvir falar de responsabilizarnos,  de cobrar aquí todos os impostos cunha Axencia Tributaria propia e despois, a través de cupo ou concerto, entregarlle unha cantidade ao Estado común,  negociada conforme ás competencias que desempeñe, como pasa en Euskadi e Nafarroa. Por certo, o que se cansou de pedir Cataluña sen ser escoitada, véndose abocada a un proceso secesionista para ser viable economicamente e digna cultural e lingüisticamente. Unha das graves limitacións da dependencia é non poder decidir libremente o modelo cultural e lingüístico do país, limitación parella á de non poder deseñar e executar unha política fiscal propia. Naturalmente, o sucursalismo de dereitas e de esquerdas non quere que se debata socialmente o sistema de financiamento, mesmo viven cómodos e tranquilos na ignorancia, pois están para a conciencia nacional galega non medrar.

Cupo ou concerto

Que pasa no nacionalismo galego? Hai sectores que refugan entrar na cuestión do sistema de financiamento porque son escépticos respecto da capacidade fiscal do país e prefiren non entrar en confrontación cos dados oficiais. Outros desconfían das análises e dados alternativos, máis reais e verdadeiros, simplemente por non levaren carimbo académico ou do poder, por moito que ninguén os teña refutado na Galiza, mais si lidos. O BNG, como organización, na súa actuación institucional e parlamentaria, parte deles para defender o seu modelo similar ao cupo ou concerto. Para algúns é un tema que non debe entrar en consideración, por tratarse de miserábeis cuestións pecuniarias alleas á argumentación da viabilidade da nación, ao proceso autodeterminista, á alternativa independentista, non digamos xa á revolución. Comparto a sentenza de que somos nación porque si, porque nos peta, unha realidade obxectiva que ten o seu correlato subxectivo. O malo está en manter nunha reserva ideolóxica sen facela entrar en contraste e conflito material a idea de nación, porque así pode converterse nunha flor íntima que acaba afogada e murcha nunha retórica ideoloxista ou simplemente nun consumo emocional apropiado só para unha determinada etapa biográfica. En todo caso, e por motivos radicalmente diferentes, coincídese neste desleixo e desinterese coa dereita e a esquerda española. Eles non queren remexer na cuestión, abóndalles co  tópico de que vivimos grazas á solidariedade de España. Válelles para xustificar a dependencia. No noso caso, o desleixo, a incredulidade escéptica axudan a que o tópico trunfe e reine na conciencia social galega de forma abafante, demostrando un desinterese pola análise e coñecemento da realidade concreta que axuda a desresponsabilizarnos e a non acreditar nas nosas propias capacidades. Da ignorancia e o descoñecemento nada bo pode saír.

Non vivimos a conta de España, vivimos por nós mesmos, a pesar de España

Se houber unha ruptura real a través dun proceso autodeterminista colleríamos este país nunhas condicións económicas concretas, entre elas as fiscais; de facermos uso deste autogoberno cativo ben viría saber cal é a nosa capacidade fiscal real para reivindicar sen complexos o modelo que teoricamente dicimos defender. O que dá de si o país, mesmo nas súas actuais circunstancias de dependencia, e co actual modelo fiscal, é máis do que nos queren facer crer, do que nós interiorizamos como acomplexados. Aceitar como verdade e única información sobre o tema a do Estado que nós nega e oprime, é como asumir o seu discurso anestesiante: vivimos da solidariedade que practica. Así é imposíbel avanzar, así non mellora a conciencia colectiva sobre o país, así é difícil acreditar na viabilidade dun proxecto nacional galego. Como xa indiquei, o BNG conta cos dados actualizados até onde o fai posíbel a publicación oficial dos mesmos, neste caso o ano 2011, sobre a balanza fiscal Galiza-Estado e sobre o sistema de financiamento, que deben ser utilizados en iniciativas de todo tipo, tanto institucionais coma sociais. Se estes valeron para desvelar a capacidade fiscal real de Galiza fronte ás atribucións que oficialmente se nos fan, aqueles axudarán  agora a coñecer o resultado dos fluxos fiscais, conforme ao método dos fluxos monetarios (unha avaliación comparativa dos ingresos realmente soportados e dos gastos públicos territoriais,  que se realizan efectivamente nun territorio dado, neste caso Galiza). É vital que impregne e sustente este coñecemento do real a ideoloxía da militancia nacionalista, como unha condición previa para a popularización da súa substancia: non vivimos a conta de España, vivimos por nós mesmos, a pesar de España, e as limitacións e opresións que nos impón, de fondas consecuencias negativas para o noso desenvolvemento económico, social e cultural, xa non digamos en función dos nosos propios intereses e necesidades. Velaí por que a conquista da soberanía convértese nun obxectivo a cada paso máis necesario e irrenunciábel. Son moitas as dificultades desta tarefa, que precisará dun traballo constante e paciente. Un deles é a divulgación do concreto, material e inmaterial, que potencie e amplíe a conciencia nacional nas maiorías sociais a un nivel suficiente que permita a superación das dificultades hoxe poderosamente presentes.
 

Comentarios