Opinión

Historia e patrimonio

Unha madura muller, tan esperta como observadora, que rexenta unha pousada en Castro Caldelas, onde pernoito en dúas xornadas de visita por terras da Ribeira Sacra, da Limia e do Támega, incluído o Invernadoiro, confésame, antes de eu partir de novo para Ferrol, que non soubera até hai pouco de tantos mosteiros como había pola zona. E adiántame a hipótese de a causa desa ignorancia estar en o franquismo promover ese descoñecemento histórico e patrimonial colectivo por interese. Matízolle a súa crenza coa tese de a ignorancia sobre o noso pasado histórico e as súas pegadas patrimoniais e artísticas se deber a unha desmemoria sobre Galiza promovida desde hai séculos pola cultura oficial española. A seguir dialogamos, de forma xa fluída, como persoas dunha sociedade colonizada, agora máis ou menos conscientes do que se nos agocha, rouba ou espolia.

Viña de experimentalo máis unha vez nesta viaxe de dous días na propia carne. Nunca entrara no mosteiro de Samos, malia pasar pola súa contorna. Unha das veces fuxira ao ver abafado o seu arredor por un ambiente de fantasmagoría xacobea, mesturada con feira de mercadorías beatas e gastronomía pouco enxebre. Era como un barullo de deformación á mantenta do que fomos e aínda somos, un pobo con historia propia,  agochada e desprezada con desvergoña. Desta vez, as tristes circunstancias nas que vivimos, favorecían unha imaxe de silencio e soidade, de inactividade, tamén sen vida propia ou allea. As visitas ao mosteiro están limitadas a tres veces ao día, dúas pola mañá e unha pola tarde, ás cinco. Tomando como pretexto a Covid-19, limítase o seu tempo a trinta minutos, guiados por una frade beneditino, previa compra dunha entrada por cinco euros. Optamos pola quenda da tarde e, cumpridas as esixencias pecuniarias e de lavado de mans, entramos unhas dez persoas, para, seguindo as explicacións do guía eclesiástico, contemplar o interior monástico. Naturalmente, o noso idioma, o galego, ficou excluído de calquera información oral ou escrita. A única parte onde o frade se demorou en explicacións foi na dos murais sobre a historia de San Benito, o fundador, pinturas de moi baixa calidade e dunha catequética intencionalidade relixiosa, obra de artistas contemporáneos.

Fomos informados de Samos ser o cenobio máis antigo de España (sic), século VI. Das súas fases históricas e construtivas apenas nada, a non ser para afirmar que só ao esforzo e tesón da orde se debera a súa reconstrución, rehabilitación e recuperación como mosteiro de frades após a desamortización. A xulgar por repetir con insistencia a vinculación de Fraga Iribarne con Samos, aproveitando unhas fotos deste en exposición nun dos corredores, podemos intuír a contribución do erario público para se producir o milagre da resurrección do mosteiro. Como moitos outros de Galiza (Oseira e Sobrado, por exemplo), recuperados do proceso de ruína por institucións públicas e logo entregados, sen ningún requisito ou esixencia de servizo público, a ordes relixiosas que, para comezar, non se caracterizan pola súa identificación coa lingua, cultura e historia de Galiza. Entramos na monumental e equilibrada igrexa do XVIII, con órgano restaurado de grandes dimensións. Alí dúas estatuas presiden a nave central. O frade, ollándonos, dixo na súa lingua: os reis de Asturias, Fruela I e Alfonso II. Non puiden calar: serán de Galiza. Remachou: de Asturias. A visita acabou. Abordeino na porta de saída. Unha conversa privada, moi ilustrativa por moitos conceptos…

Comentarios