Opinión

Hispanidade

España leva na súa cerna o afán do dominio. A pesar de non ser xa un imperio, esta pretensión imperial mantense respecto aos de dentro que considera diferentes e faltos do debido espírito de submisión. O proceso para a súa creación foi parello ao cumprimento dunha función que a deixou marcada: protección papal e servizo á Igrexa católica, espírito de cruzada, dominio ou expulsión do infiel, imposición da súa fe, expansión exterior, após a pacificación ou unidade interna. Non en balde, o primeiro fito simbólico que expresou esta misión de forma aberta e programática foi a monarquía dos denominados Reis Católicos. Eles representan a culminación do dominio interior coa doma de Galiza e a conquista de Granada, dous fenómenos máis relacionados do que cremos. Acabouse así sometendo os díscolos ou discrepantes do interior peninsular. Un deles, Galiza, para maior molestia, en momentos críticos, aproveitaba para arrimarse a Portugal, un adversario e competidor, tamén en boa maneira, enfeudado a Roma. Como o estaba Aragón, que felizmente formaba parte xa do monta tanto. Non me cabe a menor dúbida de moitos métodos, prácticas e institucións coloniais seren experimentadas na Galiza e en Granada antes de se aplicaren na América.

A expansión exterior foi unha guerra de dominio pola forza sobre pobos indíxenas espantados por armamento militar e animais descoñecidos, e inducidos por profecías culturais propias a acreditaren na categoría sobrehumana dos conquistadores. Nas Antillas provocouse un xenocidio físico e cultural sen paliativos, como en boa parte das costas do Caribe. Desde o comezo foise inflexíbel forzando a conversión ao catolicismo como unha forma de renuncia á tradición cultural propia e como inmersión no espírito de obediencia a un ser superior que lexitimaba os conquistadores. Se se resistían, a morte era segura. Mentres o debate social na metrópole era se os indios tiñan alma, se eran ou non persoas ou simplemente bestas, cuxas condutas pecaminosas, á luz do esquema sexual católico, debían ser castigadas. En todo caso, eran animais de carga. Porén,  o exterminio non era a solución se se pretendía implantar unha explotación señorial e eclesiástica da terra e das riquezas. Así, co tempo, chegouse a concluír que había que conservar a poboación indíxena como forza de traballo. Outra forma de dominio con colonos para a explotación da terra en plan de propiedade privada capitalista por enxurradas de inmigrantes europeos foi a que se produciu en América do Norte, moi en especial após a independencia dos USA, co resultado dun xenocidio físico e cultural indíxena, parello á política de apartheid ou reserva. Non é de estrañar que foran Evo Morales e Hugo Chávez os primeiros, desde a esfera gobernativa, en emitiren, con autoridade política e moral, unha crítica á política colonial en xeral, e española, en particular, e os seus resultados. O pasado, en efecto, explica moitos aspectos do seu presente. A mentalidade colonial persiste non só na forma de conducirse o Estado español moitas veces, tamén na mentalidade de boa parte da poboación branca de orixe europea (anglosaxona, xermánica ou latina), que se aferra á idea da inferioridade dos pobos indíxenas, que se enervan perante a posibilidade de acceso ao poder político de representantes deses pobos e os seus dereitos, as súas linguas, as súas culturas. Racismo, españolismo, filo-ianquismo, europeísmo, conforme procedencia e veleidades imitativas, desvían e dificultan a construción dunha conciencia colectiva acorde coa realidade plurinacional, plurilingüe, pluricultural, e a diversidade racial, da maioría dos Estados latinoamericanos. Nen que dicir ten que España, pola súa propia esencia, non está en condicións de colaborar de forma positiva a que esta conciencia se abra paso.    

Comentarios