Opinión

Hipnose paralizante

Parece ser a característica máis acusada dos tempos que corren. Pretenden habituarnos a que vivamos das aparencias, como hipnotizados, inermes e inertes, sen ousar disentir e menos axir perante as dinámicas que se nos impoñen como inevitábeis. O sistema, na súa total  dimensión, como unha especie de Deus ex machina, empéñase en imbuírse dunha infalibilidade irracional, asegurándonos que non hai máis camiño que o que eles trazan. Non debemos ousar torcelo, virar a súa orientación, embora haxa a cada paso máis indicios de nos levaren ao abismo. Hai que acreditar por fe en que o temón está en boas mans. Porén, dá a impresión de estar en mans de autómatas programados previamente, sen responsabilidade perante ninguén, só pendentes, como moito, do que o programador introduza como variantes no seu comportamento. Asusta a súa incapacidade para a autocrítica, para ponderar o que fan e valorar as súas consecuencias, rectificando se cómpre facelo. Propagan dogmas e valores que se usan só como cobertura para xustificar ou amparar actuacións discutíbeis, problemáticas, cheas de interrogantes e de consecuencias negativas para a maioría. A evolución dos acontecementos está mostrando como a posición da UE, e en particular a do Estado español, en relación co conflito e guerra de Rusia con Ucraína, se tomou de forma irresponsábel, sen, para alén das simpatías por cada parte confrontada, cavilar para nada en se era posíbel actitude máis cauta, a acción pacificadora ou cales serían as secuelas para os pobos europeos. Manteñen os mesmos discursos infantís e esquemáticos sobre o conflito, porén, agora con menos rebumbio e entusiasmo. A situación é, a cada paso, máis crítica, para nós, os pobos da UE, en xeral, sen que se explique a beneficio de quen. Calquera diría que se trata de meter medo, conformidade, e prepararnos para políticas aínda máis regresivas socialmente, en nome dunha fatalidade demoníaca, na que a responsabilidade propia é inexistente. Escoitar as bravatas e homilías do Sr. Borrell, comisario da UE para Asuntos Exteriores, provoca non se sabe se pena, sarcasmo ou simple desprezo. Actúa como unha marioneta que debe repetir, de forma mecánica, frases feitas para culminar sempre no mesmo: máis madeira para a guerra, lograr a derrota do maligno e a suposta solidez da unidade dos incendiarios, cada vez máis nebulosa.

Porén, as aparencias de partillaren a mesma estratexia belicosa agochan, a cada paso máis, variantes e matices, que poñen en ridículo a real unidade de acción dos que din estar na mesma escuadra. Hai indicios de disensión que non se emiten. Os que guían o conxunto, como autómatas, representan un papel, mentres que algúns dos que dirixen o seu  barco fan, a cada paso máis, manobras sinuosas, derivas, emisión de sinais propias venteando novos e distintos horizontes. Temen que se poda producir un naufraxio polo empeño en non mudar de rumbo, malia os sinais de treboada catastrófica que se anuncia. Como ninguén dá a voz de alarma, engánanse entre si, a incomodidade aboia e cada un procura buscar solución ás súas vías de auga. A UE actuou esquecendo que os Estados que a integran non representan a maioría da poboación mundial, nin o maior poder económico ou militar nin a capacidade de influencia omnímoda noutros. O mimetismo servil do Goberno español colócanos na peor situación: non se decatan ou aparentan non decatarse. Perigosa actitude nesta encrucillada. Na Galiza, co goberno monicreque que temos, duplamente servil, xa me dirán…

Comentarios