Opinión

Guerra psicolóxica e mundo virtual

Aanunciada invasión de Ucraína polas tropas rusas para o día 16 de febreiro non se ten producido. Afirmábase, como incuestionábel, a través dos medios de comunicación. En todos os Estados da UE, con maior ou menor énfase, pretendeuse que a poboación acreditase como certo nun futuríbel que Rusia desmentía e o goberno da propia Ucraína non cría. Resulta rechamante a facilidade coa que circulan as mentiras e as intoxicacións que os servizos secretos de USA argallan no intento de dar cobertura e credibilidade social aos seus macabros obxectivos no espazo europeo. O Estado español resulta particularmente afectado por esta manipulación da opinión pública debido á súa absoluta e radical submisión aos USA e ao aliñamento cego coa OTAN. Actúase con descaro na construción dun mundo virtual que nos afaste da realidade e da súa análise racional, na nova modalidade de guerra psicolóxica, para nos convencer da maldade intrínseca de quen USA declara como representación do mal. Ás veces parece que só a ironía pode desbaratar tanta trola.

Non me estraña que a portavoz rusa de Asuntos Exteriores declarase: «Pídolles aos medios de desinformación de Estados Unidos e do Reino Unido (…) que publiquen o calendario das nosas invasións para o ano próximo a fin de que poda planificar as miñas vacacións». A visión de Rusia debe estar fundamentada nun preconceito, que ten que partillarse sen chistar. Malia a desaparición do Pacto de Varsovia e da URSS, a OTAN non só non desapareceu senón que, utensilio da estratexia USA a nivel mundial, agora actúa ás portas de Rusia, para manter a hexemonía e a influencia americana na Europa. Rusia, nese mundo virtual, sempre representará o espírito do mal, porque non se soporta a súa potencialidade económica, política e militar, e a súa natural relación e integración na Europa da que forma parte. Non é difícil de entrever como a causa do que pasa está no intento USA de manter o dominio e á vez conciencia do declive inexorábel da súa hexemonía absoluta no mundo. O grave é o papel tan penoso que deben desempeñar os seus aliados europeos, tal e como sinalou Alberte Blanco na súa columna en Nós Diario.

Alemaña, Francia e Italia fan encaixe de palillos para compaxinar a obediencia ao amo americano coa salvagarda dos seus intereses económicos e da adecuada relación diplomática con Rusia. Saben que alimentar o conflito só derivará en graves consecuencias para as súas economías, en maior dependencia, se cabe, dos USA. A saída non está en alimentar un conflito interno maior entre a poboación na Ucraína, e en cegar as vías de negociación con Rusia, intentando por todos os medios que se vexa obrigada a actuar militarmente por causa de graves provocacións. Dá toda a impresión de que a guerra psicolóxica persegue que estoure o conflito.

Claro está que para sufrilo o propio pobo ucraíno e de rebote desestabilizar a sociedade rusa. Xa debe ser clara esta intención para a UE estar dividida, sen ser capaz de resolver nada en común, e mesmo o propio goberno ucraíno, malia a súa confesionalidade servil cos USA e a UE, e non digamos xa a poboación, malia a insistencia na mensaxe, daren crédito á trécola de que van ser invadidos. E España? Segue a voz e os ditados do amo americano. Dá a impresión de que a decisión de enviar desde aquí algúns xoguetes de guerra se tomou no Cuartel Xeral da OTAN e o goberno foi simplemente informado, se non o foi desde a embaixada americana. O inútil Borrell, como comisario da UE, sentencia no medio da total indiferenza comunitaria: a UE está en contra de esferas de influencia en Europa. Pregúntome: Que pinta logo USA dirixindo o cotarro estratéxico hostil e agresivo contra Rusia no espazo europeo? Dá a realidade virtual para tanta cegueira?

Comentarios