Opinión

Grave carencia

Nas actuais circunstancias de Galiza resulta moi difícil a autocompracencia, de termos conciencia de país ou conciencia do país

Nas actuais circunstancias de Galiza resulta moi difícil a autocompracencia, de termos conciencia de país ou conciencia do país, unha diferenza de matiz sutil, mais necesaria. Queremos dicir, conciencia de sermos pobo, nación ou realidade con expresa vontade política diferenciada, ou simplemente conciencia da sociedade á que pertencemos, da que formamos parte, dos seus problemas, en maior ou menor medida. Ambas  están relacionadas, pero non sempre coinciden necesariamente. En ambos os dous  casos, dá a impresión de que Galiza, a maioría dos galegos e galegas, é como un barco á deriva; mellor, ancorado nun porto á espera de que a escuadra da que acredita formar parte, obedientemente, se dirixir onde un xefe indiscutido e alleo decida. É como se non nos atrevésemos a pensar por nós sobre nós mesmos, convencidos, de forma rotineira, de que só temos que remar, no mellor dos casos, delegando con naturalidade a dirección da nave no comandante da escuadra, arrastrados e orientados polo ronsel desta, como se tiver poder taumatúrxico. Tal é a renuncia á responsabilidade, a expresar unha vontade específica e propia, nada que contradiga ou desagrade a quen traza o noso  rumbo sen nos ter para nada en conta. Mellor nin pensalo, moito menos enuncialo. Tanto ten que o noso barco teña, a cada paso, máis vías de auga como resultado de verse obrigado a pasar por treboadas, tormentas e mares inhóspitos, habituados mesmo a que non sexa debidamente reparado, pois se considera vello, anticuado, inservíbel. Non é merecente de sinalar el a súa propia ruta e mostrar un diáfano ronsel. Todo o máis poderá ser contemplado como un resto arqueolóxico nun museo.

Sempre hai unha palabra que non debe pronunciarse, unha realidade da que non se pode ousar dicir o seu nome, con afán e intención política: Galiza, pobo galego

Abonda de alegoría náutica. Queremos transmitir  que estamos preocupados polo feito de a Galiza se conducir con tal falta de perfil político propio, pola súa carencia de reacción política colectiva, defendendo os seus dereitos como pobo, nesta encrucillada crítica da globalización, que está a pór en causa a nosa propia existencia. Nunca menos se falou, nin dentro nin fóra, sobre ela, os seus problemas e as alternativas para enfrontalos.  Está o país inzado de millenta conflitos de todo tipo que non fan máis que pór en evidencia a súa agónica situación material e a desproporción entre  a gravidade dos problemas  e a forma limitada estratexicamente de enfrontalos: mobilizacións e protestas, ás veces de grande magnitude, a eito, axitación, moitas veces endogámica, demagoxia estereotipada, atomización e dispersión, descrédito da política e despiste ideolóxico, axitados polo confusionismo e o control mediáticos, represión policial e gobernativa sen miramentos…Sempre hai unha palabra que non debe pronunciarse, unha realidade da que non se pode ousar dicir o seu nome, con afán e intención política: Galiza, pobo galego. De facelo, espertaranse todas as sospeitas, todas as desconfianzas, xurdirán as reticencias e as discrepancias. Somos galegos e galegas, segundo parece, porén Galiza, o pobo galego, non pode ser suxeito político de nada.  É algo así como se o corpo lacerado do país fose recoñecido por partes, pero negado no conxunto. Non se quere ver a súa imaxe de Cristo Nazareno ou de Virxe mártir, seguindo a simboloxía rosaliana, outra mellor non teño a man, para non vernos reflectidos nin considerar que formamos parte del. A forma de tratar a nosa lingua é a representación social e o síntoma deste rexeitamento. Non hai que cavilar así en quen crucifica e martiriza, se levamos ou non unha coroa de espiñas, quen nola puxo, que calvario estamos a subir e por que, se nos fai falta ou non unha redención ou resurrección como pobo, se temos algunha esperanza ou fe colectiva baseada na nosa vontade como galegos e galegas, no noso compromiso.

Esta grave carencia, que arrastramos secularmente, está, conforme as circunstancias externas e internas, moi agravada. Poñámoslle nome á súa causalidade política  e indiquemos os poderes que nos martirizan: a nosa dependencia/función dentro do Estado español e dentro da Unión Europea, unha dupla subordinación irrespirábel. Os seus deseños, os seus modelos, económico, social, político e cultural, son substancialmente antagónicos cos nosos dereitos como pobo, son a causa dos nosos males: como sempre, agrávanse ou perpetúanse coa compracencia e o servilismo de quen nos goberna e co escepticismo e a resignación da maioría. Afirmemos, pois, sen complexos, que no plano político só poden ser fiábeis e potencialmente úteis as alternativas que poñan en cuestión esta dependencia, hoxe por hoxe minoritarias electoral e socialmente na Galiza. Un feito paradoxal, pois son as que realmente teñen máis capacidade de dinamización e mobilización, por serviren en exclusiva ao pobo galego e téreno como suxeito político con dereitos. A súa lexitimidade e razón de ser a el se deben. Nos grandes e máis graves conflitos sociais e económicos que vive Galiza é difícil non albiscar o papel dinamizador do nacionalismo (limitándonos aos actuais: cerco, sector naval, preferentistas, mineiría…). Porén, esta capacidade combativa do noso pobo, e o papel motor do nacionalismo, non logran, polo xeral, que a conciencia popular mude nunha conciencia política de país ou  mesmo do país, como punto de chegada. Sen dúbida, o nacionalismo vén condicionando a vida política de Galiza desde hai moitos anos, pero non chega a representala como debera ser.

No plano político só poden ser fiábeis e potencialmente úteis as alternativas que poñan en cuestión a nosa dependencia, hoxe por hoxe minoritarias electoral e socialmente na Galiza

Non adoito, polo menos procuro non facelo, ter calquera tipo de mímese externa ou devoción paifoca polo de fóra, tan habituais entre nós (xa se sabe, o mellor sempre está ou vén do exterior). Precisamente por iso, son tamén moi proclive a valorar os esforzos que fan outros. Polo tanto, o meu recurso a unhas recentes declaracións de Artur Mas verbo das relacións de Catalunya co Estado español non devén da miña devoción polo personaxe, como tampouco un infantil ideoloxismo esquerdista me impide recoñecer a valentía da súa mudanza política nun asunto de tal importancia. Lembremos que fala en nome dunha forza política que gobernou Catalunya, dentro do deseño constitucional español, o marco autonómico, case sempre desde a transición. En vista de o Presidente do Goberno español afirmar que non se podía loitar contra o mundo, para descualificar o compromiso de o President facer un referendo de autodeterminación en Catalunya e defender a súa  independencia, este aclarou: “Loitamos contra o Estado español porque non temos máis remedio.  Contra o mundo non queremos loitar, todo ao contrario, queremos situarnos ben no mundo, ser coñecidos, ser recoñecidos e, moi modestamente, facer unha aportación ao mundo enteiro da nosa identidade e da nosa personalidade catalá” (Vilassar de Mar, 9, marzo, 2013). A declaración sintetiza unha vontade de existir como pobo que se pretende negar e anular, unha visión internacional adecuada á existencia de Catalunya, a necesidade de ser recoñecida como tal nación e contribuír desde a súa especificidade e capacidade ao conxunto da Humanidade. Nunha palabra, aceitando o deseño español, a única alternativa é a desaparición ou o suicidio. É, pois, unha cuestión de necesidade material e de dignidade, capacidade e vontade políticas, existir como pobo normal, o que os obriga a confrontarse e rebelarse contra o Estado español. Non hai outro camiño, cando o diálogo é imposíbel, cando se pretende a asimilación e a subordinación, após anos de intentar subsistir e resistir dentro dun deseño imposto.
Volvamos a nós. Podíamos facer unha avaliación de a onde nos levou e leva o españolismo galego, normalmente de baixa intensidade, vivido con aparencia natural. Igualmente podíamos facer co noso europeísmo de acomplexados, como se non fosemos europeos á marxe da Unión Europea. Mesmo podíamos analizar a onde nos conduce un marxismo libresco, de opereta, con vocación proletaria universal (naturalmente, na práctica para conducirnos a España, “lo realmente existente”). Habitúan iren acompañados de tanta cultura universal-española, no mellor dos casos, como de ignorancia sobre nós mesmos, o país, as súas necesidades e potencialidades. Así non é difícil facer de nós unha caricatura que, ademais, como é lóxico, provoca risos solapados de aprobación e contento nos que controlan o deseño. Impídese vernos na nosa propia dimensión, problemática, capacidade e potencialidade. Somos, deste xeito, cada vez máis ignorados, e no fondo desprezados. Fagámonos as seguintes preguntas sobre a nosa existencia nestes últimos vinte anos nos que a globalización avanzou en forma de máis España e máis mercado único da Unión Europea. Estamos ben situados no mundo? Parece que nunca estivemos situados de forma máis marxinal e dependente, tanto que a nosa autoestima parece terse reducido aínda máis e o noso futuro encararse exclusivamente baixo a forma de emigración, unha especie de maldición bíblica da que non nos libramos. Non existimos máis que como carne de canón, enerxía, materias primas ou drenaxe do noso aforro. A fenda política, social e cultural con Portugal medrou en termos directamente proporcionais á consolidación do mercado único e á expansión da UE, malia os intercambios económicos seren de consideración. Somos coñecidos? Cada vez menos, malia andarmos por todo o mundo, como españois, claro está. As embaixadas e os consulados do Reino de España teñen xa unha dilatada experiencia en como servirse de nós sen contrapartidas para a defensa do pavillón español e presenza dunha lingua e cultura que non son a nosa. Somos recoñecidos? Moito menos, nada. Coidado coa palabra que non debe pronunciarse! Galiza sempre é España. No mellor dos casos, foi a España por antonomasia, unha especie de sinécdoque, de transmutación, que na nosa emigración funcionaba  como forma de alienación incapacitante mesmo para o exercicio da propia dignidade. Aportamos algo como pobo galego á Humanidade? Sen dúbida, xustamente o que desprezamos, ignoramos ou postergamos: unha lingua, unha cultura, un patrimonio histórico e artístico, unha experiencia histórica merecente de coñecemento, contraste e  tamén rectificación, unha capacidade, unha potencialidade para desenvolverse en plenitude e unha vontade de existir propia, malia ser fráxil e fragmentaria, conciencia de país e conciencia do país, perspectiva galega do mundo ao que pertencemos.

Aceitando o deseño español, a única alternativa é a desaparición ou o suicidio 

Necesitamos expresar vontade propia se queremos ter futuro e aludir sen reticencias nin medos á realidade da que non se ousa pronunciar o seu nome, Galiza, pobo galego. Estamos sepultados baixo unha lousa de desinformación e ocultación sobre nós mesmos e a nosa historia. Apropiáronse, e deformaron debidamente, o noso pasado, para converternos nun pobo anómico e falto de conciencia sobre si propio. Lograron que unha das nosas virtudes, a solidariedade comunal, estea escorada tamén cara fóra. Está contaminada dunha certa dose de perversidade, que a conduce a ser máis piadosa e dilixente para os de fóra que para os de dentro. Somos, existimos e mesmo combatemos: fáltanos unha incardinación  máis directa, nidia, clara, sen complexos, medos ou autonegacións sobre o propio país. Só existirá como nación, como pobo, se perdemos a reticencia, a suspicacia, a desconfianza, a censura sobre nós propios. 

Comentarios