Opinión

Glorias de España

Vivimos nun réxime político que, na práctica, persegue o pluralismo ideolóxico e a liberdade de pensamento. A forma en que está a tratar o problema catalán e, en particular o dos presos políticos e exiliados desta condición nacional, está evidenciando, de forma descarnada, un autoritarismo vingativo e inquisitorial sen cancelas. Dá a impresión de España, como idea e como poderes institucionais e fácticos, se fundamentar na sañuda hostilidade, inxectada como tóxico tamén no pobo,  contra os discrepantes internos, mentres languidece, servil e sen perfil, no contexto internacional, sen chistar, submisa e subordinada, nunha UE de Estados debidamente xerarquizados e coa unidade de mercado como bandeira.

Veñen de se producir fenómenos con sorprendente sincronización. O Parlamento da UE retira a inmunidade a Puigdemont, Toni Comin e Clara Posanti, atendendo o suplicatorio español, por 400 votos a favor, 248 en contra e 45 abstencións. O resultado expresa a repulsa a esta medida dunha parte moi importante dos deputados e deputadas de Estados membros, por consideraren que forma parte dunha política de persecución antidemocrática das autoridades políticas e xudiciais españolas. Esperemos que, novamente, un tribunal belga non se deixe intimidar e manteña os seus criterios contrarios á extradición. Ao mesmo tempo, o xulgado de vixilancia penitenciaria, seguindo a anterior revocazón do Supremo e o recurso da fiscalía contra a decisión da Junta de Tratamiento, decide que os presos do ´procés` deben deixar de gozar do terceiro grao, privándoos así da semiliberdade que lles permitira participar na campaña eleitoral do 14 de febreiro. A argumentación abafa: non completaron tempo dabondo de condena, a semiliberdade é prematura, non asumiron os seus delitos. Todo un sarillo de subxectivismo que colide coa interpretación democrática da súa propia legalidade penal. Porén, o máis relevante é que aboia, descarada, a idea de os presos seguiren a pensar o mesmo e hai que castigalos con máis tempo de cadea plena até que “el tratamiento penitenciario produzca sus efectos”. Non lles abonda, mesmo élles sospeitoso, o informe da Junta de Tratamiento porque “sólo hacen referencia asépticamente a que el interno reconoce haber realizados los hechos declarados en la sentencia y asume su responsabilidad”. Polo que se ve hai que renegar e renunciar a ser o que se é e a loitar polo que un pensa  libre e democraticamente. Deben asumir que, por esencia,  o seu pensamento delinque e que os seus obxectivos políticos tamén. A Inquisición non o faría mellor. Velaí España na súa esencia.

Polos mesmos días recibimos a palabra iluminada de Aznar sentenciando, co gallo dos 25 anos do triunfo do PP en 1996. Para el, o nacionalismo catalán “tiene un conflicto con ellos mismos”. Contou que ofrecera a Pujol entrar no seu goberno, após lograr a maioría absoluta no 2000. Segundo el, Pujol tomouno como unha ofensa. Natural e lóxico, digo eu. Porén, Aznar entra no fundo da cuestión e revélase el e España: “la gran frustración de los nacionalistas es que Catalunya no es Castilla, pero eso no tiene remedio, lo que provoca una frustración sin límite, que implica incomodidad permanente”. Tradución: España é unha feitura da hexemonía castelán; Catalunya é dominada, non existe como nación política co seu Estado, encargarémonos de que non o logre... teñen que estar frustrados e sentir unha incomodidade permanente. Isto é o que pensa un españolista sen complexos de Catalunya. Imaxinan o que pensa ou pensan de Galiza?

Comentarios