Opinión

Galiza

Resulta elocuente a resistencia a recoñecer, non xa na dereita española, senón tamén na esquerda, que, nun Estado plurinacional como o español, existen realidades nacionais diferentes, e que algunha pode ser caracterizada como colonia. Naturalmente, repugna aceitar que a dependencia e a subordinación a poderes metropolitanos externos, co conseguinte colaboracionismo interno, é unha das causas da ruína e deterioro de partes específicas dese Estado. Sen dúbida, esa resistencia, moitas veces, é animosidade contra quen denuncia e se rebela contra esa dependencia e as súas funestas consecuencias. Hai que negarse a recoñecer que a chamada unidade de España, tal e como se foi articulando no tempo e consolidando até hoxe, foi un poderoso factor de xerarquización e desigualdade entre as distintas nacións. Non só se plasmou esa unidade na supremacía, a todas luces abafante, dunha determinada lingua e dunha determinada cultura simbólica. Tamén, de forma clamorosa e progresivamente ascendente nos últimos cincuenta anos, acentuouse a desigualdade, o desequilibrio, no aspecto demográfico, económico, mediático e de influencia e peso político. Deste xeito, semella que a estrutura do Estado, cos poderes que o controlan, beneficia e impulsa unha política de marcada orientación imperialista no seu interior. Desde un centro de atracción e dominio poderosos, desenvólvese unha política de efectos devastadores na evolución dalgunha das nacións que o compoñen, e sempre se xeran desequilibrios e afectacións lesivas respecto dos subordinados ou dependentes.

O caso máis senlleiro de efectos devastadores témolo na Galiza. Non por casualidade foi na Galiza onde, desde o século XIX, se abriu paso unha tradición literaria e analítica que denunciou as secuelas desa dependencia e subordinación e mesmo o seu marcado carácter colonial. Nos nosos días, esta función, lonxe de paliarse ou rectificarse, aguzouse de forma arrepiante. Na tradición antiimperialista, de berce marxista, adoitábase atribuír función colonial verbo de Estados imperialistas a pobos de África, Asia ou América Latina. Porén, os clásicos do marxismo (Engels, Marx e Lenin) xa albiscaron o carácter colonial de nacións europeas sen Estado, como Irlanda. Nunha nación dependente, nunha colonia máis, a circulación de capital é funcional á do país metropolitano. Non é só que, entón ou agora, habitúen a ser un apéndice agrícola da metrópole, senón que envían os seus capitais -expropiación do seu excedente- a contribuír á industrialización ou desenvolvemento centralizado no país dominante. Mentres as propias industrias eran, e son, destruídas sen paliativos. Nos nosos días, todo na Galiza está ao servizo do exterior. Cumpre un papel asignado dentro do Estado español. Pode ter alteracións. Porén, sempre dentro da mesma función de dependencia. Foi despensa alimentar. Hoxe non o é. É masa forestal. O seu excedente económico é expropiado de forma directa (fiscal e drenaxe de aforro a través da Banca) ou, entre outras, a forma de explotación das materias primas e da enerxía. A nosa industria, antes de enclave, está mesmo desaparecendo. A emigración continúa. Somos o caso máis grave de retroceso demográfico de todo o Estado, tendo en conta o noso peso no século XIX. Podemos pensar que esta dependencia aniquiladora pode vencerse sen mudar a mentalidade social que se identifica co Estado que a causa? Pode lograrse unha mudanza cualitativa positiva sen acreditar en que somos pobo, nación, e que o noso designio non é acomodarnos a unha unidade de España auto-destrutiva? Alguén pode pensar que esta dependencia e mentalidade subordinada pode vencerse sen organizacións nacionais galegas con soberanía para decidiren por elas propias?

Comentarios