Opinión

Galiza, xuño de 1366

Tivemos historia, xa o creo, e non irrelevante, como se pode pensar por causa da ignorancia inducida e orquestrada. Houbo épocas nas que se viviron colectivamente experiencias estelares por marcaren, para ben ou para mal, o noso futuro. Tamén do seu éxito ou fracaso dependeu a orientación política nunha ou noutra dirección da Península Ibérica. Mesmamente esas experiencias anunciaban ás veces mutacións sociais e económicas positivas dentro do conxunto europeo. Por exemplo, na segunda metade do século XIV aínda nos manifestabamos como unha nación con vontade para decidir o noso futuro. Nese momento procurouse máis unha vez rectificar a historia no que tivera de negativo para nós a separación de Portugal. Ao mesmo tempo este obxectivo mesturouse cunha rectificación do feudalismo para favorecer a participación e expansión do comercio e do artesanado. Produciuse así unha alianza dun importante sector da nobreza galega, con Fernando de Castro ao fronte, cos burgueses. A unidade galego-portuguesa e a defensa dun modelo económico-social non enfeudado ao exclusivismo do señorío nobiliario ou eclesiástico eran a base. Ademais  respectábase o pluralismo relixioso.

O rei Pedro I, asediado e combatido pola maioría da nobreza laica e eclesiástica de base castelán-andaluza, partidaria da súa substitución e finalmente da súa eliminación física, acabou tendo a súa base de apoio fundamental aquí. Os petristas na Galiza eran, realmente, castristas. Tiñan como representante e líder indiscutido Fernando de Castro, conde de Lemos, e logo tamén de Trastámara, o título de máis avoengo de todos os reinos cristiáns, de orixe galega. Foille concedido por Pedro I nun momento crítico de 1366, o 24 de xuño, cando todos os reinos da monarquía, agás Galiza,  estaban en poder de Enrique, o falso Trastámara, grazas á invasión dun exército multinacional mercenario. Significaba non só devolver o título a quen representaba a tradición orixinaria, a dos condes de Trava, senón e por iso mesmo recoñecer Fernando como señor de toda Galiza.

Chegara Pedro fuxido desde Sevilla a través de Portugal, aliado seu tamén, a principios de xuño. En Monterrei celebrou varios consellos coa clase dirixente galega. En Santiago, o día 29, o máis poderosos inimigo interno, o arcebispo Suero Gómez de Toledo, recoñecido activista a favor de Enrique, xa proclamado rei en Burgos, foi eliminado á porta da catedral por varios cabaleiros con lanza, e pouco máis tarde, dentro da igrexa, o seu deán, tamén toledano. Era a lóxica natural dunha guerra a morte. Os burgueses non se conmoveron, malia o interdito que caeu sobre a cidade. Desexaban gobernala sen a submisión ao arcebispo. Eran entusiastas castristas. O espírito de resistencia e rebeldía seguiu vivo na Galiza, tamén unha vez asasinado Pedro I en Montiel,e permanecería vivo contra a nova dinastía dos falsos Trastámaras até finais do século XV. De Galiza ser nación libre hoxe, estes sucesos, como a resistencia de Lugo entre setembro e novembro de 1366 fronte aos exércitos mercenarios de Enrique II, serían coñecidos e lembrados como esenciais para o país manter o seu curso de nación normal. Hoxe son olimpicamente desprezados pola historia oficial e ignorados por nós mesmos. Por suposto, naquela Galiza,  o galego era a lingua de todos e todas.

Comentarios