Opinión

Galiza ‘missing’

Nós Diario vén de informar do grande abraio que a imaxe da catedral románica de Compostela, tal e como era a comezos do século XIII, está a producir na rede. A recreación é obra de Anxo Miján, baseándose nunha rigorosa investigación histórica e usando técnicas de deseño moi sofisticadas. Realmente o resultado é unha mellora sensíbel das imaxes anteriores, xa indiciarias da grandeza do conxunto catedralicio orixinario.  

É imposíbel atopar unha sociedade, pobo ou nación, na contorna europea, onde se produza unha situación similar á nosa, manipulación, ignorancia inducida e apropiación indebida por outros no que se refire ao pasado histórico. A historiografía académica gosta de argumentar que a historia rigorosa debe sustentarse en documentación da época e cinguirse aos feitos. Porén, no caso de Galiza, a perspectiva analítica e interpretativa parte xa do preconceito de  non ter sido nunca unha realidade política por si. Así, toda a documentación nela e polas súas clases dirixentes xerada, na Idade Media, será automaticamente atribuída a outros (Asturias, León ou Castela). Tanto ten que a máis importante crónica de época sobre os séculos XI e XII, a denominada  Historia Compostelá, realmente unha Historia de Galiza, sobre o espazo cristián noroccidental, se elaborase aquí, seguindo o parecer da clase dirixente galega (Os Trava, Xelmírez) e dos reis (Afonso VI e Afonso VII) aos que sustentaba. Nada importa que narre feitos, sucesos, acontecidos na Galiza ou con ela relacionados. Será obviada e desconsiderada esa dimensión. Verase como anécdota sen importancia, mera casualidade ou de alcance puramente eclesiástica, apéndice da política leonesa ou castelá. Por suposto, nada de preguntarse ou constatar cal era o idioma oral e coloquial que está detrás do latín que a crónica usa. Porén, a resposta está explícita, a lingua de aquela sociedade, a considerada a nosa  polos cronistas, é o galego.  

A documentación depositada nos arquivos referida á Alta Idade Media no cuadrante noroccidental cristiá é na súa maior parte galega, produciuse aquí. Só os tombos de Celanova, da catedral de Santiago ou de Toxos Outos dan para demostrar, de forma abafante, cal era o reino de referencia central con control até o Pisuerga polo este, onde estaba a clase dirixente e de onde eran os reis. Sen os Tombos de Celanova nada sobre os séculos X-XI pode escribirse con fundamento. Porén, na historia académica, o reino de Galiza non existe, por máis que todos os reis pertencesen a familias galego-portuguesas e aquí tiñan os apoios fundamentais. A abraiante e real imaxe da catedral románica máis grande da Europa cristiá non é unha invención nin  unha casualidade. Foi o símbolo do poder político, económico, cultural, de maior entidade na Península, representado na etapa de esplendor polos reis que impulsaron o Pórtico da Gloria e remataron o conxunto catedralicio, Fernando II e Afonso VIII, soterrándose alí.

Que o abraio pase a traducirse en porqués, para que aboie todo o oculto, o deformado e o ignorado. Mesmo intúo que a destrución de parte do Pórtico, tapalo cunha fachada barroca que ocultou e desfigurou a románica, non deixou de ser unha reacción ditada pola intransixencia relixiosa contrarreformista e pola desconsideración do pasado dunha Galiza con poder propio.

Comentarios