Opinión

Europeísmo de paspáns

Mesmo en circunstancias tan críticas como as que vivimos, a información sobre os plans da UE para a recuperación económica da zona euro, non sobarda os límites da propaganda, da retórica chea de tópicos, propios dun europeísmo acrítico, acomodaticio e servil. Non poden ser catalogadas doutra maneira as intervencións públicas a este respecto do presidente do Goberno español e da maioría dos líderes políticos. Hai poucos días aínda, os medios de comunicación hexemónicos subliñaban que Europa (sic) acudía en axuda de España, coa concesión de 21.300 millóns de euros, con cargo ao SURE, un instrumento creado para garantir os ingresos dos traballadores suspendidos de emprego por causa das consecuencias da pandemia, pois naturalmente significa un aumento do gasto público. Máis unha vez daba a impresión de se tratar dun agasallo gratuíto. Pero, non, trátase dun préstamo. Hai que pagalo, non só a curto e medio prazo, e con xuros por moi módicos que foren. Para alén, previamente o Estado español contribúe, cunha achega porcentual a un fundo de garantía, un total de 25.000 millóns de euros, achegados polo conxunto dos Estados. As axudas financeiras concedidas aos quince Estados membros que as solicitaron ascenden a 81.400 millóns. Foron Bélxica, Bulgaria, Chequia, Grecia, España, Croacia, Italia, Chipre, Letonia, Lituania, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Eslovenia. Pendentes de resolver as peticións de Portugal e Hungría.

Como se ve, non hai ningún dos Estados denominados na retórica europeísta ao uso frugais, isto é, ricos. O efecto destrutivo da pandemia na súa estrutura laboral foi moito menor por a súa estrutura produtiva non depender tanto do sector servizos, en particular o turismo, contando cun peso da industria notábel (por exemplo, Alemaña, 30% do PIB; Estado español, 15%). Os Estados favorecidos polo mercado único e polo euro, grazas a un intercambio desigual, poden permitirse o luxo de non facer uso urxente deste instrumento. Polo demais, os 21.300 millóns para o Estado español, son o chocolate do loro se temos en conta os gastos que se levan producido xa por esta causa. A incisiva pregunta que debemos facernos é se esta conxuntura e as medidas para enfrontala van permitir e/ou favorecer, por exemplo, que Galiza recupere a súa base agraria, modifique a política forestal que a asolaga ou aposte por aumentar o peso da industria no seu PIB. Nada indica que vaia ser así.

Sexa cal for a actitude que manteñamos verbo da UE, deberíamos ter claro que todo o diñeiro que manexa sae dos Estados membros que a constitúen. Con el elabora os seus orzamentos. Entre 1991 e 2020 movéronse sempre entre o 1,18% e o 0,98% da súa Renda Neta Bruta da UE a 27. Con isto non hai moito camiño para unha política de cohesión económica e social expansiva. Por se fose pouco, a UE é a única zona do mundo onde o Banco central, e o dos Estados que a forman, non poden axudar directamente aos seus gobernos prestándolles diñeiro. Ten que procuralo no mercado, paradoxalmente moitas veces en entidades de crédito que son regadas con abundantes recursos públicos para non quebraren. Deste xeito vai actuar para financiar os Mecanismos Extraordinarios en curso para enfrontar as consecuencias socio-económicas da pandemia, a base de préstamos e subvencións aos Estados membros que os soliciten. Entre 2020 e 2023 van estar suspendidas ou relaxadas as condicións de cumprimento do nivel de débeda ou déficit orzamentario. A partir de 2023, estarán de novo en vigor, pois forman parte dos Tratados da UE. De non cumprilas, haberá esixencia de reformas estruturais, isto é, en pensións, condicións laborais e gasto público.

comentarios