Opinión

Europa

A invocación desta palabra é un tópico do discurso político e económico dominante. O malo é que o seu emprego máis usual non recolle a realidade que, en principio, debería referenciar, sen amputacións implícitas. Tal e como se adoita empregar responde a unha negada e interesada visión que reduce o continente europeo a un fenómeno institucional político que ampara un mercado único (a denominada Unión Europea), do que non forman parte moitos pobos e Estados europeos. Tomar unha parte como se fose todo é un abusivo e interesado uso da lingua, en colisión coa xeografía, a historia, a cultura e a diversidade nacional da Europa real. Tivemos ocasión de comprobar esta contradición de forma elocuente e pedagóxica hai uns días. Tamén até que punto alimenta a confusión e unha visión excluínte por parcial, mesmo sectaria e prepotente, que nos ata a múltiples prexuízos, dos que, como pobo galego, somos precisamente vítimas propiciatorias. Bo sería que, se os medios de comunicación dominantes non o fan, e por suposto parece que lles vai a vida en non facelo, quen aspiramos a existir precisamente como pobo europeo que somos, con dereitos plenos, distingamos que unha cousa é Europa e outra é a Unión Europea (UE).

Con efecto, o Consello de Europa, que non é organismo ou institución que forme parte da UE, dedicado a analizar e valorar o estado da democracia, os dereitos humanos e o imperio da lei, no continente, constituído por representantes de corenta e sete Estados europeos, foi fundado en 1949 por dez (Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Noruega, Suíza e Reino Unido). Destes, os tres últimos non forman parte da UE. O propio Estado español ou Portugal entraron no Consello de Europa antes de ingresar no entón Mercado Común, en 1977 e 1976, respectivamente. E por suposto forman parte desta institución todos os Estados europeos que, abandonando o denominado socialismo real, abrazaron o capitalismo e a democracia liberal. Só está excluída Bielorrusia. Foi este organismo, el si con dereito a se chamar europeo, o que ven de emitir unha resolución, aprobada con setenta votos a favor, vinte e oito en contra e doce abstencións, instando ao Estado español a indultar ou liberar os presos políticos cataláns, retirar os procedementos de extradición contra Puigdemont e os ex consellers e as acusacións contra cargos e ex cargos da Generalitat por causas relacionadas co referendo de autodeterminación do 1 de outubro de 2017.

O documento que serve de base a esta resolución foi elaborado polo parlamentario letón Boris Cilevics, que traballou en Madrid e Barcelona durante un ano para facer o informe preceptivo da situación. É alentador que sexa este organismo europeo sen exclusións o que emita e aprobe un informe resolutivo declarando que non se pode esixir aos condenados que repudien as súas ideas políticas para seren liberados e que, mesmo admitindo que transgrediron a legalidade constitucional, non se pode criminalizar o intento de celebración dun referendo por autoridades políticas representativas, aplicándolles penas desproporcionadas de cárcere, cando ademais nunca houbo uso da violencia. Considérase que unha sanción por desobediencia abondaría. Por se fose pouco, insta a reformar os delito de rebelión e sedición do Código Penal español, de forma que non vaian para aplicarse á celebración de actos democráticos non violentos. Non foi ningunha institución da Unión Europea a que se confrontou coas autoridades españolas pola súa forma de proceder. Foi un organismo onde están todos os Estados europeos, incluído o español, de carácter non economicista, quen o fixo.

Comentarios