Opinión

Por unha estratexia política de Galiza

Para alén da opinión que teñamos sobre a guerra de Rusia coa Ucraína, todo indica que este estoupido bélico expresa as tensións a que está sometida a globalización capitalista. Unha das razóns reside en que este proceso foi inseparábel da xerarquización e do hexemonismo como forma de estruturación dos espazos globais. Non cabe dúbida algunha de, neste sentido, ser a pretensión de USA de manter, a toda costa, a súa hexemonía imperial mundial, a que alimenta conflitos larvados e contradicións latentes en distintas áreas rexionais do mundo, deles distantes. Porén, é imposíbel, malia que se pretenda, cerrar o paso a un mundo multipolar. As reaccións, segundo os casos, perante esta nova realidade que aboia desde hai anos xa, están a debuxar novas realidades xeo-estratéxicas, diferentes alianzas políticas e económicas. De momento, na Europa Occidental, baixo a dirección dos USA, e cunha suicida ausencia de estratexia propia, estanse a seguir criterios históricos, culturais, mesmo relixiosos, excluíntes dunha parte do continente, ou valores dunha suposta superioridade moral ou de civilización, ás veces lindeiros cunha concepción racista. Hai, pois, unha tendencia a reforzar unha visión planetaria sobre antagonismos, xerarquías e desigualdades, xustamente cando a situación mundial máis esixe o respecto pola igualdade entre os pobos, a convivencia pacífica e o diálogo sen presunción de superioridade moral ou doutro tipo. Realmente non deixa de ser paradoxal que todo isto aconteza cando o sistema capitalista domina a escala planetaria, embora sexa certo que con modulacións e matices moi relevantes e consecuencias moi dispares no que atinxe as maiorías sociais, segundo os países.

Galiza está inserida na área da mentalidade eurocéntrica, de clara hexemonía do mundo anglosaxón (UE-Estado español/USA-OTAN). A xerarquización dos Estados e a aplicación estrita e dogmática da denominada economía de mercado, na práctica o dominio dos oligopolios, caracterizan esta área rexional global. Nós vivimos afogados nun Estado español que se comporta como alumno avantaxado dos que manexan a estratexia eurocéntrica. Devén, deste xeito, claramente irrelevante no contexto internacional, e incapaz de representar e defender os intereses políticos e económicos dos pobos ou nacións que o soportan. Galiza, en especial, dentro desta estrutura xerarquizada do Estado e da UE, debe contentarse co seu papel tradicional (fornecedora de enerxía, materias primas, drenaxe do aforro e emigrantes…), a cada paso máis debilitada, e sometida a un proceso de asimilación cultural e lingüística. Reducir a nosa perspectiva a esta dinámica, e dala por boa e inevitábel, non é solución. Para nós é mellor un mundo multipolar. A nosa capacidade de iniciativa e de decisión verbo dos nosos problemas tería máis posibilidades de ser real. Debemos actuar xa agora nesta dirección e con esta perspectiva, pois a conxuntura, malia todo, favorece ver as necesidades urxentes, por máis que o poder estabelecido se instale no deseño colonial. Podíamos enumerar unha serie de urxencias básicas a defender con contundencia e tamén con sentido práctico. Por exemplo, restaurar a agricultura na Galiza, en paralelo co desenvolvemento da agro-industria, para contar con unha boa dose de soberanía alimentar. Velaí un camiño, cheo de atrancos e dificultades oficiais (comprobarase a necesidade doutro marco legal e competencial), porén unha vía real para restaurar vitalidade demográfica e recuperar poboación na estrutura do hábitat abandonada, as parroquias rurais. Pensemos na mudanza de política forestal, na necesidade dunha banca pública ou na racionalización da produción eléctrica e na súa posta ao servizo da sociedade galega… Aquí o deseño que nos fixeron é mortal. Necesitamos ver o mundo e a nós mesmos doutra maneira.  

Comentarios