martes 02/03/21

Estranxeira na súa patria?

Existe unha tendencia case patolóxica a aceitarmos o papel secundario, non central, da nosa lingua e a nosa cultura, respecto de nós mesmos. Nótase na conformidade, na acomodación, para prescindir delas, malia vivirmos aquí. Esta actitude escindida entre unha certa adhesión sentimental e a práctica real lévanos á forza a situar a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa historia nun plano subordinado, sen acabar de asumilo como algo vital para a nosa saúde colectiva e para a nosa existencia digna. Non acabamos de superar unha dualidade valorativa e un desequilibrio real que, no fundo, desvaloriza, minimiza ou relativiza con facilidade sospeitosa o propio e específico, moitas veces ignorado, para sentirnos integrados realmente no alleo, pretendendo ademais que a nada renunciamos nin subordinación algunha se produce. 

Desta actitude provén, moitas veces, a facilidade con que consideramos cumpridos felizmente obxectivos respecto dos nosos valores literarios ou da restauración de usos da nosa lingua, por exemplo. Neste sentido, considerar que a figura e a obra de Rosalía de Castro gozan dunha difusión, coñecemento, influencia e valoración adecuada no seu país, Galiza, propias dun clásico da súa categoría, porque a celebración do Día de Rosalía prendeu con certa relevancia escolar,  na cultura de basee e nalgúns concellos, non deixa de ser un espellismo. Cousa diferente é afirmar que o esforzo e os resultados desa iniciativa pagaron e pagan a pena. E por suposto valorar moi positivamente que esa celebración anual se abrise paso, malia a indiferenza e mesmo hostilidade da maior parte dos poderes públicos, a comezar pola Xunta de Galicia. Non só é loábel. Dá para cavilar sobre a necesaria mobilización social se queremos mudar algo neste terreo, como en calquera outro que atinxa ao dereito á existencia da nación. Porén, resulta obvio que unha data illada, a contracorrente da maioría da maquinaria institucional, mediática, educativa, social e política do poder autonómico e estatal, ten a forza que ten e incide da forma que incide. 

Algo anormal e problemático debe haber cando resulta máis fácil atopar todo tipo de facilidades, parabéns, entusiasmos e predisposicións nas institucións galegas a festexar unha figura como Emilia Pardo Bazán que facelo con Rosalía. Igual que resulta doado achar en membros das institución culturais e académicas oficiais galegas a tendencia a recoñecerlle a Emilia e á súa obra valores que non posúen, en contraste coa reticencia, reserva, indiferenza ou negación respecto dos que si ten Rosalía e a súa : a defensa das mulleres traballadoras, o dereito á existencia do pobo galego como diferente, incluído contar cunha literatura nacional en lingua galega, a relevante singularidade estética, as revelacións filosóficas e psíquicas, a heterodoxia sexual e afectiva. Hai unha verdade obxectiva: o mundo que a literatura de Rosalía revela está a mil leguas do realismo de Emilia. O de Emilia, con enxeño narrativo, serve mellor á pretensión de mostrar Galiza como un mundo de bárbaros que non ten máis salvación que deixarse asimilar e colonizar, para acceder á civilización. Non creo que sexa esaxerado afirmar que Emilia segue sendo considerada como a galega á española que triunfou na Corte, Madrid.

Homológanos como válidos e funcionais dentro do proceso de españolización. Esta é unha verdade que ela mesma asume. A obra e a vida de Rosalía representan a súa antítese. Pretendeu que prendese a conciencia do dereito a vivir na propia Terra, con plenitude en todos os ámbitos. Por que non recoñecelo? Se da recepción oficial se tratar, non fai falta dicir cal das dúas era, e é, a estranxeira na súa patria.

comentarios