Opinión

A esquerda xacobina na Galiza

Hai tres días que na República Federal Alemá se iniciou o proceso de desconfinamento conforme criterios elaborados por cada länder (16) e baixo a súa xestión. Aquí o goberno de España segue empeñado en ampliar o estado de alerta para manter baixo férreo control, aprobando ou non, o que outros (as CC.AA) elaboran, planifican e deben executar. Faino, ademais, con especial incidencia na sanidade, unha competencia transferida que colocou baixo o mando do Ministerio de Sanidade, malia a xestión e o soporte económico corresponder á Administración autonómica. Non rectificou nada do seu proceder até agora. Concibiu a loita contra a COVID-19 como unha magnífica oportunidade para reforzar a idea da unidade de España e demostrar quen manda, o centro unilateral de decisións, Madrid. Sería de esperar que, por un mínimo de honestidade intelectual, a ninguén se lle ocorra a partir de agora afirmar que o Estado español é un estado descentralizado, e menos o máis descentralizado do mundo. Por se non abondase, o problema sanitario inseriuno dentro do criterio da división administrativa provincial do estado, que tanto dano de todo tipo está a facer na percepción da realidade, na mentalidade, e na organización social, en especial na Galiza. Asemade botou man da milicia armada para escenificar, co gallo da pandemia, onde está unha das columnas básicas da nosa salvación.

Pois ben, fronte a todo isto e máis, a esquerda española, á marxe das disputas dialécticas esquerda-dereita para alimentar esta antesala electoral, mantén a mesma posición que Feixóo: anuencia e obediencia entusiasta ou silencio comprensivo. Naturalmente nin recorren ás cabriolas cínicas do presidente da Xunta para aparentar que discrepa nalgo, sempre de pinga galeguista, sen que haxa a mínima esixencia ou transcendencia práctica. El, como a esquerda xacobina, tamén é un home de estado, da nación única e do poder decisorio exclusivo de España. Causa rubor escoitar voces que xustifican tanta identificación sucursalista co argumento de que con Sánchez estamos máis protexidos que con Feixoo. Como se un e o outro non estiveren compenetrados no esencial. De súpeto vemos como a autonomía non é máis que un artificio prescindíbel, o suposto autogoberno non é responsabilizarnos aquí. É só unha ficción, que pode e debe ser desbaratada cando conviñer. Hai algunha diferenza na concepción autonómica entre a dereita española e a esquerda que con tanta facilidade prescinde dela? A súa concepción remite a unha legalidade constitucional precaria que se interpreta aínda enriba de forma interesada.

Porén, Galiza necesita de todo menos vivir de aparencia ou como se non existise, malia vivirmos nela e dela. A política galega está esixindo a berros identificarse coa responsabilidade sobre nós mesmos, a crenza na nosa capacidade e o debate centrado no noso papel e situación no estado, na UE e no mundo. O nacionalismo galego criticou duramente a política do goberno. Seguramente por unha discutíbel concepción da responsabilidade votouse afirmativamente a declaración dos estados de alarma malia a discrepancia con boa parte do contido. No último, xa se distanciou absténdose. As intencións e os obxectivos do Goberno usando o problema sanitario como pretexto non poden ser asumidos por unha forza nacionalista, favorábel ás clases populares, e defensora da existencia política de Galiza.

Comentarios