Opinión

Espírito rosaliano

Hai corenta anos que cheguei a me decatar, con certa plenitude e fondura, de cal era a causalidade dunha obra tan complexa, rompedora e visionaria como a de Rosalía de Castro, na medida en que é posíbel  no caso dun produto artístico de semellante categoría. Foi posíbel grazas a, primeiro de todo, desfacerme das encubridoras e neboentas transfiguracións que a asolagaban. Quen apareceu foi  unha muller condenada por cometer o pecado de pensar, por ser filósofa, e aínda enriba facelo con capacidade poética, literaria, e ao servizo dun pobo aferrollado por un silencio mudo. Porén, a racionalidade rosaliana non se limitou a seguir os pasos e criterios do racionalismo abstracto da maioría dos ilustrados, senón que a súa razón atendeu á diversidade e á diferenza real, tamén no plano colectivo, o das nacións naturais, entre elas a súa, de nome Galiza. Por iso, debeu arrostrar moitas dificultades. A súa tarefa, o seu compromiso foi inxente: facer que aboiase conciencia en nós sobre nós mesmos e o noso dereito a existir como pobo diferente, usando da arte literaria.

Nada hai en ningunha literatura peninsular do século XIX, e desde logo nada nas europeas das nacións hexemónicas desa mesma época, que a iguale na capacidade para mesturar e atender a perspectiva individual e íntima e os dramas e comportamentos sociais. Fíxoo, aínda enriba, coa perspectiva dunha sociedade negada polo racionalismo burgués, pola ilustración que confundía progreso, no caso español, con españolización. Por iso, é Rosalía  unha poeta que expresa, de forma insuperábel, en múltiples rexistros e formas, o drama do sufrimento humano e das aspiracións á felicidade, nunha dimensión universal, sempre desde a observación do seu arredor: a defensa dos suicidas fronte á intolerancia e dogmatismo católico, o matrimonio e o dereito ao divorcio, o dereito radical  á independencia e igualdade da muller, non só da burguesa, a alienación que nos corroe, os medos e torturas íntimas e sociais que padecemos, a desgracia física e psíquica que eiva moitas veces a persoa humana, a necesidade dunha xustiza merecente de tal nome e a mesma xustificación da rebelión perante a opresión….Todo isto e máis está na súa obra poética expresado de forma tan densa e eficaz no aspecto comunicativo,  tan intencionada como conmovedora e sen dogmatismos. Era si unha internacionalista. O seu curmá Pepe Hermida, anarquista e españolista, dicía que era socialista, e que fóra mágoa que lle dera por ser tan entregada a Galiza e o galego.

Claro está: era unha muller con conciencia galega, unha nacionalista. Galiza era a súa única patria, e quería que fose tamén a única para os seus fillos. Viviu con esta preocupación toda a vida. Por iso desde a súa bohemia de mocidade, con marcha a Madrid,  axiña decidiu a volta a Galiza cun programa e unha intención: intentar vivir aquí, construír aquí unha conciencia de país, axitar aquí e desde aquí. Cumpre dicir que o dereito a vivir e traballar no propio país era para ela un dereito sagrado. Non estrañe, pois, a súa preocupación e identificación coas persoas emigrantes. Todo o mundo é dos homes si, animaba, pero entristecida e incitando a que volveran. Cometeu si o pecado de pensar, a favor do seu pobo.

Comentarios