Opinión

Espírito constitucional

A forma de contar a historia máis recente do Estado español pretende facernos crer que o resultado do parto constitucional de 1978 deveu nun prodixio de marabillas benéficas en todos os aspectos. A verdade é que as cousas foron ben máis complexas e problemáticas, en concreto na Galiza. O parto produciuse sen que se provocase aquí ningún entusiasmo popular. A apatía reflectiuse nos resultados do referendo para aprobar a Constitución. Porén, apareceu un ardor desbocado nas institucións, incluídos os partidos españois, que a elaboraran, e nos medios de comunicación, para usala como arma agresiva contra o nacionalismo galego por non adicto. É dicir, por discrepar das esteas e orientacións básicas do texto constitucional: a monarquía, a consideración de España como nación única a quen corresponde o exercicio da soberanía, o español como única lingua e pobo con dereitos plenos, o exército como garante destas esencias; a apertura á privatización, con subvencións públicas, de servizos como o ensino; a continuidade de relacións preferentes do Estado coa Igrexa católica…En fin, unha estrutura de Estado con autonomías, que, dentro dunha mera descentralización administrativa, deixaba a porta aberta a negociar transferencias de competencias, en función de negociacións bilaterais. En fin, a vía para facilitar a integración de Catalunya e Euskadi, sobre todo, se ben a cesión constitucional do concerto para esta e Nafarroa, polos seus antecedentes históricos forais, foi exclusiva.

Na sesión constitutiva do Parlamento galego (1981), tres persoas forzaron a que se cantase o himno galego. Só os deputados nacionalistas o fixeron. Máis ninguén. Nen o sabían. Anunciábase o futuro que nos esperaba. Dous anos máis tarde, os tres deputados do Bloque-PSG eran expulsados por se negaren a xurar fidelidade á Constitución española. Aplicaron o regulamento de forma retroactiva. Por primeira vez, nun Parlamento do Estado español, contemplouse esa esixencia para ser parlamentario de pleno dereito. Privaron desa condición, que xa desempeñaban, cargos eleitos democraticamente. Naturalmente, o Tribunal Constitucional deu por válida semellante barbaridade. Pretendíase facer inviábel a presenza institucional do nacionalismo galego. O mesmo Tribunal, pouco máis tarde, eliminaba un elemento esencial da Lei de Normalización Lingüística de 1983, o deber de coñecemento da lingua galega. Non contentos, intentaron prohibir que a grande manifestación do Día da Patria Galega rematase, xullo de 1983, na Quintana. A resistencia fronte a represión obrigounos a desistir de intentalo noutra ocasión. Nesta atmosfera, argallouse a traída dos restos mortais de Castelao en 1984. Debidamente contestada polo nacionalismo galego, pois se intentaba dar a imaxe de que esta era a Galiza soñada por Castelao. Queremos dicir que, sobre todo a partir do intento de golpe de Estado de febreiro de 1981, a obsesión non foi depurar os aparatos do Estado. Foi, aquí, aguzar a hostilidade contra o nacionalismo.

Desde a UCD até o PSOE e o PCE, intensificaron o combate contra o nacionalismo, porque non comungaba coa Constitución española. Galiza debía permanecer nun perfil non molesto para España. Na manifestación contra o golpismo do 23-f, colocaron  un cordón hixiénico, servizo de orde PCE-CCOO,  para separar o bloque constitucionalista  do bloque nacionalista e impedir que puidese manifestarse. Só en Lugo non o lograron por ser máis masiva a parte nacionalista. A imaxe reproducía o que, entre os sectores politizados da sociedade, ocorría en centros de traballo e estudo en xeral: quen non estaba coa Constitución era terrorista, anti-demócrata e a súa opinión debía ser extirpada. Hoxe, a súa Constitución fede.  

Comentarios