Opinión

Españolismo

Resultan preocupantes algúns comportamentos que se están manifestando, con descaro descarnado, por parte de membros destacados dos aparatos do Estado. Son impropios de persoas con gran responsabilidade nun réxime que se di democrático, por marcadamente sectarios, excluíntes e ameazadores. Ademais, nunca se topan con esixencias de rectificación nin menos a debida resposta sancionadora por parte oficial.

No contexto de acoso e represión contra o pobo catalán por mor do referendo do 1 de outubro, a Garda Civil, por boca do coronel Pérez de los Cobos, para alén dos bramidos da Benemérita acantonada no porto de Barcelona, cal exército colonial disposto ao ataque, expresou odio, chulería e prepotencia. Co mesmo ton e actitude, os seus depoimentos perante o Tribunal Supremo no proceso contra os membros da Generalitat, serviron de fundamento para as acusacións de rebelión e sedición. Até o Goberno actual tivo que reaxir cando se viu agredido e acosado polo coronel, con mando sobre máis de 4000 gardas civís, cun informe sobre o 8-M para acusar as autoridades gobernativas de responsabilidade na expansión da pandemia. A reacción corporativa da milicia ás súas ordes expresou o malestar coa destitución do seu xefe, como vimos, moi presto a elaborar informes policiais, por conta do erario público, con finalidades non santas. Naturalmente, o que se fixo para difamar e hostilizar os nacionalistas cataláns e a súa causa independentista, co recurso a todo tipo de métodos, gozou da cobertura e amparo do Ministerio do Interior, como estamos agora coñecendo.

Pola súa parte, o Poder Xudicial dá un día si e outro tamén proba da súa mentalidade antidemocrática, da súa intransixencia vingativa e da súa endogamia sectaria. Moitas sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional sobardan os límites do rigor xurídico, do respecto mínimo polo pluralismo político, as institucións e  gobernantes eleitos democraticamente. Moitos membros destes tribunais non se privan de exteriorizar os seus prexuízos, de intervir no debate político. Aparecen como abandeirados da causa antinacionalista e subordinados a un obxectivo: o réxime é sagrado e a súa idea constitucional da unidade de España, inviolábel. Forman parte dun corpo infectado de españolismo militante, conivente con outros poderes coa mesma obsesión e intereses oligárquicos. Non é so a forma en que son escollidas as altas maxistraturas do Estado; é a educación e formación que reciben, a tradición ideolóxica e de clase. Non é que teñan ideas políticas, inevitábel e humano, é que están organizados para asegurar a represión política e dificultar o diálogo e o entendemento.

Finalmente, é inquietante que un dirixente político acceda a un polígono de tiro militar da Brigada Paracaidista en Murcia e, acompañado de milicia, dispare fachendoso contra o branco, presumindo de inimigo liquidado. Non provocou nin a apertura dun expediente disciplinario contra os mandos que o fixeron posíbel. Tampouco alterou a ministra de Defensa que douscentos militares, con bandeiras de España, acudan en manifestación coa extrema dereita, demandando melloras salariais. Ningunha consecuencia por se adheriren a tan significada procesión partidista.

Adóitase xulgar todo o devandito como mostras do franquismo vivo na sociedade. Prefiro consideralo manifestación do españolismo que, empeñado en que só existe o pobo español, se obsesiona coa agresión contra quen se sente doutra condición nacional. Velaí un problema grave da chamada democracia española.

Comentarios