Opinión

Española pero galaica

Así definiu o presidente da Xunta de Galicia a súa concepción política sobre o noso país, na intervención de clausura no congreso provincial do seu partido na cidade da Coruña. A reincidencia de Feixóo na idea da españolidade de Galiza responde, sen dúbida, ao que é a política práctica que desenvolve, desde o goberno autonómico. Con efecto, non só non discute senón que cava máis fondo na función que o deseño español nos ten reservado. Galiza está para, no plano económico, fornecer de materias primas e enerxía a España, ofrecer man de obra, cualificada ou non, segundo conveña e conforme ao momento, e aproveitar os seus aforros para seren investidos noutras partes do Estado, Madrid, de forma preferente. No plano socio-cultural, o deseño persegue facer da nosa lingua e da nosa cultura, en xeral, un elemento residual,, marxinal, para lograr o propio estrañamento dos nacionais galegos respecto delas. Faise todo o posíbel para a sociedade galega perder calquera vínculo relevante ou pertinente coa súa propia realidade diferenciada.  A incidencia na españolidade de Galiza, forzando a idea de os galegos sermos, antes que nada, españois, e a asimilación de Galiza a España, promove a anulación práctica dos vínculos de pertenza ao pobo galego, como pobo con vontade de existir como tal. Por iso, Feixóo, sempre en nome de España e da españolidade e como suposta defensa dos intereses de Galiza, alíñase constantemente con Asturias e Castela e León, sobre todo, o noroeste peninsular para o bipartidismo tradicional, forma de anular Galiza. Tampouco agocha a súa adoración reverencial por Madrid, tan devecido por el como meta da máis alta fortuna política que o esporea: ser un galego á española máis, relevante na Corte madrileña, ao servizo de España e no seu goberno.

Para facer méritos, non lle abonda con cumprir a función de anular o perfil político de Galiza como pobo ou nación diferente, ben necesitada dunha política propia, senón que se adxudica o papel de, no canto de defender Galiza de quen, realmente,  a ten aferrollada e espoliada, o Estado español, a macrocefalia madrileña e todos os seus parasitos, esbardallar contra o nacionalismo e o independentismo, co consabido anti-catalanismo. Pretende mesmo inocular no pobo galego a idea de os problemas de Galiza derivaren das lexítimas aspiracións doutro pobo, porque quer ser libre. A falta de aspiracións máis mortal, a conformidade máis corrosiva respecto da Galiza e o seu papel no Estado español, é a política de Feixóo, en moitos aspectos común tamén á esquerda española. Por iso ten tan boa prensa en España. É un choio para a españolidade. Porque se o Goberno, e os partidos españois en xeral, en maior ou menor grao, de boa ou mala gaña, asumen que Euskadi e Catalunya son realidades políticas coas que hai que lidar, Galiza é para todos eles unha peza que debe manterse inerme e inerte. Farase todo o posíbel para que non esperte e practicarase con ela unha xorda e insolente indiferenza, contando coa colaboración entusiasta dos que, como Feixóo, desde dentro, a serven en bandexa, para ser utilizada ao servizo de outros e contra si mesma. O Presidente da Xunta invoca Galiza en falso, e alimenta desafección, indiferenza e desconsideración, promovendo políticas que a desprezan, ignoran e burlan, presentadas como salvación. É ou actúa tamén así unha parte da sociedade galega? Desde logo que si. Porén, el axuda a reforzar esa posición, e o que resulta máis grave, crea un espellismo falsificador da realidade, desviando o pobo galego do confronto coas causas reais da súa, a cada paso máis, penosa situación. Pregúntome que significará iso de “galaica”, como pero. Por que non usa o directo, popular, actual e natural “galega”? Seguramente porque prefire que soe a español e careza de carga emocional, un mero matiz rexional. O que importa é España.

Comentarios