Opinión

España, o único importante

Na Galiza seguimos a ter un grave problema. Hai reticencia e resistencia a asumir a nosa existencia como pobo, merecente de coñecemento e estudo, de consideración e preocupación, determinante fundamental da nosa actuación. Non damos saído, malia avances cualitativos en boa dirección, dunha mentalidade social, en bastante medida, desorientada pola ignorancia e desvalorización de todo o propio. Ás veces chégase á agresividade contra o intento práctico de recoñecérmonos e actuar como galegos e galegas, actores da nosa vida colectiva e conscientes de termos historia e aspirarmos a ter futuro como tales. De facto, parece como se, en todo o que exceda a relación familiar, somos e existimos grazas a formar parte de ámbitos maiores aos de Galiza. Como se, só grazas a eles, puidésemos vivir e sermos alguén. Que ocorrencia é esa de nos preguntar sobre o noso pasado e sobre o noso presente, como pobo diferenciado? Non pasa nin pola imaxinación acreditar en que houbo tempos pasados en que a nosa situación fose diferente. Aquí moitos pretenden que non é necesaria ningunha mudanza de status nin de orientación para Galiza poder mellorar. Só é cuestión de vontade individual e de saber aproveitar as oportunidades que se nos ofrecen, sempre e cada vez máis, vinculadas a unha dinámica que nos nega como pobo. En definitiva, promóvese a tendencia a vivirmos sen vivir en nós, porque o obxectivo é anularnos como realidade nacional e colectiva. Fraga pensaba que Galiza debía ser asimilada por España, porén, con anestesia, paliando a dor. Agora, os seus discípulos, e, por suposto, quen na esquerda partilla o obxectivo asimilista, exprésano de maneira menos caritativa e máis desconsiderada. Usan das institucións galegas, limitadísimas xa de por si nas súas competencias, para, sen miramentos, afondar no pozo da auto-negación. A sentencia de Fraga, España, lo único importante, faise, nestes tempos, aínda máis aniquiladora e alienante.  

Vaia todo o devandito para alumear, e deplorar, a actitude do Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia respecto da proposta ministerial para a materia de Historia de España no bacharelato. O goberno español, naturalmente, para inxectar mellor a idea de España, nación única, identificada coa construción do Estado, o mercado único, a moeda única e a lingua exclusiva, limita aos séculos XIX e XX o contido da materia. A preocupación, crítica e pretensión do Conselleiro galego non alude, efectivamente, nin á anulación de Galiza no programa de mínimos xerais, nin á necesidade de dotar de contidos propios da evolución histórica do noso país a materia a estudar aquí, nin á necesidade e vontade da Historia de Galiza formar parte do plan de estudos galego. A súa decisión é usar das cativas competencias para completar os contidos coa historia española anterior aos séculos devanditos, en base a un deseño que obvia a existencia de Galiza, e apontoa unha visión mítica e falsa por afán de consolidar a idea dunha España eterna. Un país cun patrimonio histórico-artístico medieval esplendoroso debe permanecer ignorante sobre a historia que o fixo posíbel. É aberrante, e indefendíbel, que vivamos rodeados de monumentos, espallados por toda Galiza, sen que o que agochan, o que hai detrás, de vida galega, de poder político, económico e cultural propios, acceda aos sistema educativo e impregne a sociedade galega de hoxe. Vainos a vida nesta mudanza. A ignorancia e o roubo da nosa historia só vale para reforzar a mentalidade de subordinación, de dependencia e de auto-negación. Triste que un Conselleiro de Educación de Galiza, no canto de dedicar os seus esforzos e instrumentos a combater eiva tan dolorosa e de graves consecuencias sociais, aposte por afondala. Sen dúbida, para el Galiza non existe, a non ser como un esconxuro retórico que a nada obriga.

Comentarios