Opinión

España (I)

Non me conto entre os que acreditan no tópico de España ser politicamente unha excepción dentro dunha suposta norma europea de normalidade democrática desde mediados do XIX até hoxe. Falando en termos do continente, xurdiron ditaduras, alzamentos, golpes militares e guerras civís, e por suposto democracias limitadas, na maioría dos seus Estados. Para alén diso, foi escenario de movementos de liberación nacional, coa creación de novos Estados, fronte imperios continentais. Europa foi, e é, como non podía ser menos, diversa, plural. Creo, si, que houbo, e hai, unha especificidade española que, cando menos, no caso de sermos galegos e galegas conscientes, provoca inadaptación e desafección profunda. Nos nosos días, esta especificidade maniféstase, malia a homologación político-ideolóxica dos Estados da UE, nunha serie de trazos de especial significación antidemocrática. A negación histérica do carácter plurinacional do Estado Español aléntase desde unha institución como a monarquía. O rei permítese mesmo desprezar formalmente o pluralismo político, o simbolizado polas forzas nacionalistas de Catalunya, Euskadi e Galiza con representación parlamentaria, privándoas de información oficial da Casa Real, sobre os seus ingresos e gastos, co argumento de non estaren no consenso constitucional. Non hai mellor maneira de exteriorizar que, segundo o seu criterio, o dunha institución do Estado, deberían estar ilegalizadas. Semellante descaro é impensábel en calquera democracia formal. Esta arrogancia autoritaria conecta coa sacralización e petrificación da Constitución de 1978, con arroallo entusiasta ou por acomodo ás circunstancias, segundo os casos, por todas as forzas políticas de ámbito estatal. Advertencia a disidentes: o réxime actual pretende ser inmutábel e eterno en tres alicerces básicos. Son a institución monárquica, a unidade de España e o tipo de capitalismo que a sustenta. Calquera crise ou perda de lexitimidade verbo deses fundamentos é reconducida, por todos os medios ao alcance −medo, ameaza, intriga, represión-, para a súa restauración autoritaria. Este acordo de sacralización abafante, xunto coa dependencia política do exterior (USA, OTAN e UE), facilita a hexemonía dunha información nesgada, homoxénea, manipulada, quer verbo do ámbito externo quer verbo do interno. Naturalmente, no plano lingüístico, cultural, artístico e político, a eliminación da diversidade é a norma en todo o que representa España, desde o público ao privado.

Aliás, o capitalismo que sustenta o Estado español, con concentración empresarial en Madrid, como consecuencia da súa propia dinámica interna de moitos anos, ten unha orientación especulativa moi marcada, dedicado a actividades financeiras e outras nada produtivas, e sacando sempre proveito das administracións públicas. Hoxe existe unha clase burguesa parasitaria con dimensión e influencia notoria na capital de España. Non ten a mínima vocación de clase dirixente, e menos impulsa unha visión política pactual dentro do Estado para adaptalo á súa realidade plural. Está feliz coa concentración de poder e influencia en Madrid, e só pensa en como aproveitarse delas para o seu beneficio. Xa non existe sequera un pacto triangular entre a burguesía catalá, a vasca e a oligarquía con base castelán-andaluza, como no XIX e boa parte do XX. Vendo a Feixoo, por fin no seu ambiente madrileño, comprendín mellor a quen serviu durante todos estes anos. E tamén que frustración debeu sentir sendo presidente da Xunta. Que máis elevada e sublime meta pode ter un galego con aspiracións que partillar mesa con Bertín Osborne e  sentir a iluminación de Julio Iglesias para chegar a presidente de España!

Comentarios