Opinión

España (e II)

Referinme na primeira parte deste artigo á falta de clases dirixentes no Estado español. Fíxeno, sobre todo, atendendo á carencia dunha estratexia propia na política exterior e á ausencia, no interior, dunha actitude favorábel ao diálogo, ao pacto, que contemple a diversidade nacional. Nos poderes fácticos, económicos, mediáticos e institucionais −militares e xudiciais, en especial−, a característica máis notoria é a conformidade, máis ou menos absoluta, máis ou menos agresiva, co deseño político atlantista e unha globalización capitalista cos USA como guía supremo. Esta submisión desmedida, xeral a toda a UE, agravada no caso español, ten o seu contrapunto na intolerancia autoritaria no interior fronte a calquera intento por mudar a esencia constitutiva do Estado, para adaptalo á súa realidade plurinacional, non digamos xa para tolerar calquera demanda de autodeterminación. Neste marco, onde a marxe para a mudanza é tan estreita e mesmo se subliña a vixencia eterna dunha constitución petrificada, non é de estrañar que a expresión pública do pensamento ou opinión discordantes se poidan acabar convertendo nalgo delituoso. E, por suposto, calquera intento de pasar a debate e referendo social unha reivindicación lexítima, desde o punto de vista democrático, se choca co deseño dominante, atopará descualificación ameazante e ouvidos xordos.

Con este panorama, o deterioro da superestrutura política como un elemento influente para exercer un poder democrático e para resolver problemas non parece que sexa casual. Verdade é que unha boa parte das forzas políticas son alicerces que garanten o deseño. Porén, están tamén así condenadas a seren máis fráxiles e vulnerábeis, como tamén se fai máis volátil o sistema de partidos, pois a marca electoral necesita ser renovada con máis frecuencia para crear a sensación ilusoria dalgo poder mudarse, en momentos de crise da lexitimidade, sobre todo. Cando a política renuncia, por vía democrática, a asumir e resolver problemas, e mesmo facilita a súa transferencia a outros poderes do Estado, como a Administración de Xustiza ou as chamadas Forzas e Corpos de Seguridade, a confesionalidade ideolóxica máis descarnada e a intolerancia represiva como solución terán a batuta, pois esas institucións expresan a esencia constitutiva do Estado español actual, da que son garantes. É difícil achar, no contexto europeo, unha Xustiza que faga maior ostentación pública da súa ideoloxía, da súa parcialidade sectaria e da súa prepotencia que a española, xulgando cuestións relativas a dereitos democráticos fundamentais. Como é tamén difícil que nos topemos, noutros Estados europeos, co tipo de proclamas ou manifestacións públicas de intimidación e ameaza por parte de amplos sectores militares ou da garda civil e da policía en relación con temas políticos que só ás institucións democráticas compete tratar. Ás veces dá a sensación de, dentro das estruturas do propio Estado, haberen sectores organizados, conforme a criterios ideolóxico-políticos partidistas, aos que serven no desempeño das súas funcións. Sen dúbida, o aparato do Estado español está infiltrado, desde dentro e desde fóra, ao servizo dun deseño de dependencia e control antidemocrático. Mesmo ilustra a situación o que se denomina extrema dereita aquí. Rechama a súa confesionalidade aberta cun capitalismo global, coa dependencia total de USA e da OTAN, a súa adhesión ao réxime constitucional vixente, especialmente representado pola monarquía, o exército e as forzas de seguridade. Para alén da inmigración, a súa única obsesión reivindicativa consiste na defensa dunha moralidade católica, tan  reaccionaria como hipócrita, e na negación da diversidade nacional, cultural e lingüística interna, para garantir a España nación única.

Comentarios