Opinión

Elevar o listón

“Madrid é unha aspiradora que xera desigualdade na España”, así se expresou o presidente do País Valenciá no recente debate do estado desta Comunidade Autónoma.  Concretando máis os efectos de Madrid como capitalidade, subliñou que “absorbe recursos, poboación, funcionarios estatais e redes de influencia” con consecuencias letais para outros. Apoiouse para facer estas afirmacións nun rigoroso Informe do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), de acceso público. Nel compróbase, entre outros aspectos, que Madrid ten o maior nivel de renda por habitante do Estado; que o 44.5% das mil maiores empresas teñen a sede e cotizan alí por actividades que desenvolven noutras zonas; que o 29 % dos empregados públicos dos que se indica situación, alí están concentrados, e que atrae o 72% dos contratos públicos. A poboación con títulos universitarios acada unha media do 40% fronte ao 30% da estatal.

A singularidade madrileña deriva dunha protección e impulso estatal que ten na centralización de poder de todo tipo a súa principal razón de ser, como alicerce da creación da nación española única. Xa o dixo, hai uns días, a Sra Ayuso, Madrid é España, e España é Madrid. Como Madrid é de todos (sic), “tratar a Madrid como al resto de las Comunidades es muy injusto”. Velaí a forma do trato preferente que Madrid recibe se converter nun argumento para xustificar a desigualdade e obviar as secuelas negativas para outros. A aparición conxunta do presidente do goberno de España e da presidenta madrileña, para xuntos acometeren o reto da loita contra o virus en Madrid, para alén da súa teatralidade, centrouse nos efectos simbólico-ideolóxicos da posta en escena. Co enleo abafante de vinte e catro bandeiras españolas e madrileñas, sabiamente emparelladas nunha unidade de destino, exhibiron o férreo cerne da súa españolidade ben centrada.

O devandito levoume de novo a cavilar na penosa mansedume e na paifoca españolidade da política oficial galega, a da Xunta, sempre presta para a anestesia, a indignidade e a irrelevancia de Galiza. Cavilei tamén na necesidade do nacionalismo galego asumir con maior esforzo e coraxe a tarefa do debate político na Galiza superar as limitacións en que está empantanado. Certo que se combaten as consecuencias derivadas do noso papel no Estado español. Porén, hai que lograr que a maioría social sexa consciente de onde están as causas últimas que producen unha situación tan desastrosa como a do noso país. Isto significa termos maior conciencia política como pobo.

O pobo máis prexudicado pola política de desigualdade que xera o deseño estatal e a súa capitalidade madrileña é Galiza, como nación diferente, incluída si a súa dimensión e especificidade lingüística, tan gravemente danadas. Non hai nada comparábel á magnitude do desastre para o noso país. Cinguíndonos á demografía, en 1857, eramos 1.700.000 habitantes; Madrid, 476.000. En 1900, 1.981.000; Madrid, 775.000. En 1960, 2.603.000; Madrid, 2.606.000. En 2019, Galiza 2.695.000 e Madrid, 6.663.400. Pasamos de ser o 12% dos habitantes do Estado a ser apenas o 5,74%.

Unha evolución consecuente coa nosa posición dependente e subordinada. Deberamos saber quen é o que a provoca e quen o beneficiado. Mírese onde teñen a súa sede as entidades bancarias que actúan na Galiza (a 31-12- 2019, 25.271 millóns de euros dos nosos depósitos foron enviados para fóra, en especial Madrid), as eléctricas que espolian os nosos recursos enerxéticos, as grandes distribuidoras, as telecomunicacións, as empresas transformadoras de materias primas…Temos que lograr que o debate político na Galiza eleve o listón. Sen medos, tabús e limitacións, con toda a información que dá para concluír que temos que nos responsabilizar de nós mesmos.

Comentarios