Opinión

Efemérides

A autoridade local ferrolá aprestouse a subliñar que, para alén de se lle dedicar o Día das Letras Galegas a Carvalho Calero, se cumprían en 2020 os douscentos anos do nacemento de Concepción Arenal. Anunciou que ambas figuras, nadas en Ferrol, serían obxecto de homenaxe e lembranza polo concello. Porén, nótase que, na esfera do goberno municipal, xulgando por quen o preside, hai máis  preferencia pola escritora española reformista que polo escritor galego autodeterminista. Paira un prexuízo colonial  na súa actitude. Carvalho Calero sería un valor local ou rexional. Concepción Arenal, un valor nacional e universal. Seguramente, para alén de proximidades ideolóxicas, exteriorizan unha forma de pensar que, non por estendida socialmente, deixa de ser infundada e falsa.

A realidade é que, no campo da literatura de creación, a obra de Carvalho Calero ten unha dimensión, unha vixencia e unha calidade que non ten a de Concepción Arenal. Abonda con ler a poesía dun e a da outra. Como ensaístas, abordaron temáticas diferentes. Carvalho manifestou a súa agudeza analítica e interpretativa, sobre todo, no campo da historia e crítica literarias, da lingua e do xornalismo socio-político. É a análise sistemática dos esforzos culturais e sociais que o pobo galego, como diferente, fixo en especial na etapa contemporánea. Concepción Arenal manifestou a súa intelixencia e capacidade no campo do dereito penal, a educación e o dereito internacional. O esforzo intelectual desta muller nestes campos merece encomio aínda hoxe: ten razoamentos luminosos a favor da igualdade entre homes e mulleres e contra dos prexuízos sociais, desbordando moitas veces o seu reformismo católico e liberal (admisión das mulleres ao sacerdocio, pacifismo radical…).   

Porén, vaiamos a un estremo máis revelador e suxestivo para saber o que representan un e a outra como persoas galegas de nación. As dúas acreditaban no dereito á independencia das nacións, como unha estea básica do dereito internacional. Ela defendía o dereito de Irlanda, de Polonia ou de Grecia a se liberaren do xugo inglés, ruso e otomán, respectivamente. Era quen de recoñecer que grandes Estados respondían a unha realidade de fragmentos cementados un día con bágoas e sangue. Vía un sarcasmo que só se xustificase o dereito á soberanía en nome dunha suposta viabilidade de construír un Estado. Era inxusto un dereito internacional que declaraba viábel Mónaco ou Andorra e xustificaba a represión contra Polonia. Repudiaba ditar sentencias de morte sobre as nacións e negarlles o porvir. Porén rexeitaba aplicar esta teoría a Galiza, a súa patria, a Catalunya ou Euskadi. Debían permanecer mortas e ben mortas, en nome da unidade de España, da nación única. Desde esta perspectiva, foi construíndo a súa práctica social e a súa ideoloxía.

Carvalho era autodeterminista para todas as nacións que non eran aínda libres, e a súa en particular. Galiza debía existir en todas as ordes. Era galego non só por ter nado na Galiza senón por pór a súa vida, o seu esforzo intelectual, ao servizo do país. Galiza era a súa única patria, e actuou en consecuencia.   

Comentarios