Opinión

E vosté como está?

“Encantado da vida”, respondería como na rumbosa canción hispana, tamén en español, quen preside a Xunta de Galiza, de xulgarmos a súa actitude indolente e acomodaticia respecto da situación crítica que vive o país. Segundo os nosos gobernantes autonómicos, temos logrado o cumio da máis alta fortuna. Gozamos dunha sensata autonomía, que manexan como xestores agradecidos e obedientes a España. Non o fan só conforme á rigorosidade da legalidade vixente e as súas limitacións asfixiantes. Chegan a máis: apréstanse a renunciar mesmo ao que se pode reclamar conforme esa mesma legalidade. Alardean de, para eles, a motivación e preocupación máis importante é seren gardas vixiantes de que non se poñan en perigo a esencias (digamos, o poder), da nación única española e do Estado que a institúe. Tolean por facérense os simpáticos con que os manda e a quen serven. Este substrato da súa acción política convérteos en propagandistas e xendarmes da ortodoxia que fai da concepción dominante da unidade de España o valor máis absoluto e indiscutíbel. Nada padecen perante o feito incuestionábel de ser Galiza a principal damnificada desta unidade desigual.

O malo está en que, deste xeito, no canto de seren representantes do pobo galego e actuaren como tais, mudan en axentes da máis indigna negación do noso dereito á existencia como pobo, desatendendo os nosos intereses colectivos. Nin cren que o pobo galego exista ou deba existir nin pensan nel como merecente de expresar unha vontade política propia. Contan coa satisfacción e contento da Corte madrileña, que non atura nin a hipótese de a Galiza espertar e teren que soportar un terceiro problema. É evidente que nós temos un problema grave: a desvergoña con que, desde dentro se fai un traballo porcallento para confundir, anestesiar e manter nun estado mental de acomodación suicida a sociedade galega.

Os nosos gobernantes autonómicos nin exhortan a desenvolver a nosa capacidade en todos os campos e a responsabilizarnos de nós mesmos, nin desempeñan estas tarefas. Usan da autonomía póndolle máis límites dos que por si xa ten. Falar de superala é para eles tabú. Cérranse a toda vía para avanzar e termos instrumentos para saírmos da crise estrutural a que, cada paso con máis intensidade e secuelas graves, estamos sometidos como pobo. Afogámonos nela. A receita que se nos dá é xustamente máis veleno do que causa os nosos males: máis dependencia e subordinación a España. O servilismo co Estado español chega á indignidade esperpéntica. Agora no debate, grazas de novo á presenza do nacionalismo no Congreso, sobre a reivindicación de competencias ben necesarias, contempladas dentro do marco constitucional, o PP expresa a súa preocupación alertando de que non se pode “baleirar de competencias o Estado” e que deben restrinxirse a algunhas pouco transcendentes por “responsabilidade”. Con estas actitudes dentro, os inimigos externos poden durmir tranquilos.

Díganme, por favor, e vostés, pensando en termos colectivos, como están? Tamén, como a nivel individual o rumboso hispano da canción, “encantados de la vida”?

Comentarios