Opinión

Desafección e presaxios

A mellor arte é una indagación no presente e por iso, moitas veces, presaxia o futuro. Non só a literatura, senón o cinema, a arte máis social do século XX, ofrecen exemplos senlleiros. Neste sentido, hai unha figura de grande relevo, na cinematografía mundial, desde case os seus inicios até pasados os anos 50 do século: Charles Chaplin. A través da súa personaxe Charlot, revelou a explotación, contradicións, miserias e heroicidades anónimas no capitalismo, desde unha perspectiva popular. Pobre e marxinal, sempre inadaptado aos novos tempos, Charlot abría a porta á esperanza e alentaba o público a non desesperar, contrastando sempre o negativo co positivo na conduta humana. Sen deostar a tristura e a dor, sempre o humor e a ironía puñan o contrapunto de amparo nos espectadores. O mundo de Charlot non enganaba; tiña unha forte intencionalidade crítica; porén, era un poderoso instrumento de compresión, onde o afecto e o sentimento ocupaban un papel moi relevante. É elocuente que unha personaxe pobre, inadaptada e marxinal,  a  percibíramos cargada dunha forte dignidade, e a súa conduta, ao cabo, como exemplar. Após case 50 anos, Chaplin abandonou a personaxe de Charlot; non abandonou o seu espírito. As súas ideas, a súa conduta e manifestacións públicas cada vez resultaban máis molestas para as autoridades dos USA, o seu país de adopción.

Ao calor da Guerra Fría, e por causa das súas simpatías pola URSS e as súas relacións co mundo intelectual e artístico filo-comunista, no balbordo histérico da guerra de Corea (1950-1953), aproveitouse unha súa viaxe a Londres (promoción do seu filme Limelight), para  formular contra el graves acusacións por  actividades anti-americanas. Non regresou. 

Este ano 2021 van 65 da realización en Londres dun seu filme antolóxico: Un rei en New York. En 1956, o mundo estaba inzado, sobre todo en América Latina, África e Asia, de movementos revolucionarios a favor da independencia dos seus países e polo socialismo. Chaplin non se vestiu con esta armadura para facer un axuste de contas cos USA. A súa era, embora a excedía en moito, unha desafección persoal. Recorreu, para desempeñar o labor critico, a un rei dun hipotético país europeo, destronado por unha revolución, que se exilia en USA. Un aristócrata, mais, de novo, fóra do progreso e da contemporaneidade burguesa, de ideas, en principio, conservadoras. Pensando chegar ao país da liberdade, do respeito polo individuo e as súas ideas, onde todos tiñan un lugar baixo o sol, e onde había un espazo para os negocios de forma construtiva e diáfana, asiste a un sen fin de experiencias que o abraian e perturban. Todas elas, de forma máis hiperbólica, axigantada e esmagadora, forman hoxe parte da nosa vida cotiá: negóciase até coa vida privada das persoas, non se respecta nen a intimidade; a propaganda abafa a xente e condiciona a súa conduta, até o estremo de confundir a vida real coa ficción e a impostura; a TV dita os límites da información e opinión social; sociedades sen aparente fin lucrativo viven, amparadas co pretexto de protección e educación dos menores, dando unha idea de si que non corresponde á realidade. A persecución e control dos discrepantes acada cumios de histeria que non respeita, malia o seu cinismo protector, nen a infancia. Chaplin mostra, con fino humor, unha sociedade perturbada e irracional que, por enriba, se considera superior e modelo para o mundo.

Chaplin recibiu a noticia en Londres da execución, 19 de xuño de 1953, do matrimonio Rosenberg na cadeira eléctrica, acusado de facilitar secretos atómicos aos soviéticos.

Un novo acicate para a denuncia. Piedade co pasado, evocando mesmo o seu Charlot, crítica irónica e crúa ao presente, presaxios do futuro. Un rei en New York foi estreada en 1957. Por suposto, foi prohibida en USA.

Comentarios