Opinión

Desacougo

Preocupado e temeroso pola marcha ascendente da pandemia, síntome máis desacougado, indefenso e caviloso polo que a atmosfera social, económica e política revela. A iniciativa e decisión de quen nos gobernan non acougan nin animan. Adaptados ao recollemento e á pasividade polas prevencións sanitarias que nos regulan, estamos indefensos fronte aos poderes que actúan. Chéganme os ecos, os sinais e os síntomas da dificultade burocrática para cobrar o Ingreso Mínimo Vital. Alguén coñecido está aínda á espera de cobrar algo por vez primeira após tres meses dun Erte. Estes mudan en Eres como anunciada e abafante profecía. Levo máis de nove meses sen lle ver a cara ao meu médico. Escoitei a súa voz apresurada, como sobardado pola incerteza e o medo ao que o rodea, e a sobrecarga de traballo. Que clase de Atención Primaria será a que trata unha doenza por teléfono, xulgando só pola pericia descritiva do doente sobre os síntomas que nota? Todos os días contemplo colas alongadas na Oficina de Correos. É o caixón onde imos depositar as esixencias burocráticas que outras administracións, con abondosas oficinas e delegacións, nos obrigan a cumprir. Até os vendedores da Once depositan alí a súa recadación diaria.

Prestando atención aos remedios, coñecemos que se preparan plans de recuperación. Véndenos como se dunha axuda gratuíta se tratar. A UE é magnánima. Naturalmente haberá que pagar, incluso unha parte previamente, antes de recibir, pois nada ten a UE que non proveña dos Estados que a constitúen. Úsase neses plans unha verborrea eufemística que agocha o feito interesado de o diñeiro a investir non se dirixir a rectificar o deseño económico vixente nin a función de cada nación ou pobo dentro del. Que será a transición verde? Non é que na Galiza recuperemos a base agraria. É máis muíños de vento, máis encoros ou converternos nunha potencia en eólica mariña. Temos que superar a fenda dixital? Consistirá en comprar máis ordenadores e aplicar novas tecnoloxías, que outros producen, sen preocupación por nos dotar e máis base produtiva na industria. O Sr. Feixoo xa ten preparado o menú, seguindo os intereses das grandes empresas ás que serve, Iberdrola, Inditex ou Ence… Galiza seguirá a ser un eucaliptal dunha irracionalidade desaforada.

Polo demais, aterra e cabrea decatarse da conivencia descarada do poder xudicial e da garda civil na persecución do discrepante coa súa unidade de España, de quen defende dereitos democráticos básicos. Un xuíz de Barcelona, sen o menor pudor, en maridaxe comprobado co coronel da Garda Civil que fixo a instrución do 1-O, acaba de deter 21 persoas, todas elas independentistas cataláns. Acúsaos de recibir financiamento da Generalitat para apoiar o procés e instigar unha guerra informativa co apoio de Rusia para desestabilizar o Estado. Por se non fora clara a montaxe, bautizaron a operación co nome Volhov, lembrando o lugar onde a División Azul e as forzas hitlerianas combateron o exército soviético. Semellante embuste grotesco serviría só para chanza se non for por que indica un españolismo agresivo e inmoral, e delata o que lles gustaría en relación co problema catalán, “un conflicto armado en el Estado con un incierto número de víctimas mortales”. Naturalmente, o xuíz atribúe esta posibilidade ao ofrecemento ruso de dez mil soldados para apoiar a independencia de Catalunya. Anoxa vivir nun Estado, controlado polas cloacas fedorentas que a súa propia esencia represiva orixina, en nome da súa España cañí.

Comentarios