Opinión

Da nosa Patria e os seus símbolos

Canto máis se exacerba o españolismo, a presión para forzar a identificación sen reservas coa concepción da España unha, os seus símbolos e a súa lingua, dá a impresión de na Galiza se aguzar a nosa tendencia a prescindir dos nosos, a agochalos en maior medida. Todo o que nos significa parece como contraindicado, desaconsellado ou impertinente. O concepto de patria aplicado a Galiza, a presenza da bandeira galega (sempre cun fondo común e variantes engadidas) ou o canto do himno galego, con sonora voz colectiva e íntegro, se antes se obviaban normalmente con frecuencia nos actos oficiais, agora parecen desacougar máis. Mentres nos actos e na mobilización populares o himno segue ausente, agás en ocasións protocolarias e rituais como o 1ª de Maio ou o Día da Patria Galega. Mesmo o nacionalismo reduce o seu canto a estas dúas efemérides normalmente, e parece non considerar necesario, pedagóxico e vital para a sociedade galega a súa popularización, espallamento e real execución pública. A bandeira azul e branca con estrela, símbolo da liberación nacional, é a dominante en todos os actos e mobilizacións reivindicativas, de maneira que é a máis popularizada, pois o espallamento social da bandeira galega oficializada, como o do himno, non entran dentro dos obxectivos e intereses dos partidos estatais nen das institucións nen da base social que controlan. Após corenta anos de autonomía, a maioría dos representantes nas institucións non saben cantar o himno íntegro, e a maioría dos nosos estudantes de calquera nivel, ou dos traballadores de toda condición, tampouco. Non somos un pobo, unha nación, caracterizada por respectar e facer uso dos nosos símbolos nacionais, como sería o normal e de desexar. E iso, malia o seu carácter, simbolismo e traxectoria que remiten a unha historia puramente defensiva, de vocación democrática e popular, expresión do noso afán e dereito por existir como pobo recoñecido e respectado. Pode considerarse lóxico que os poderes estatais españois, en toda a súa dimensión, traballen para a anulación dos nosos símbolos nacionais, pois a súa aspiración é a plena españolización da Galiza. Non pode ser a conformidade ou resignación con esta política a que asuma quen aspire a mudar a mentalidade e a realidade do noso país en beneficio da súa maioría social.

Pode haber quen pensen, mesmo no campo nacionalista, que a bandeira, o himno ou conceptos como  patria están obsoletos, son irrelevantes ou contraproducentes no mundo actual. Ignoran xustamente o contexto internacional e a loita de moitos pobos e nacións por lograr a súa liberdade ou manter a súa soberanía. O valor emocional e racional dos símbolos para a identificación colectiva como pobo, en especial en situacións de subordinación e dependencia, de conflito por ser existente, ten un papel positivo. Os problemas que poida ter o uso da palabra patria non se resolven deixando o campo libre ao inimigo. A patria galega ten xustamente un sentido, racional e emocional, no seu uso político, en boa parte antitético co de patria española, nos contextos onde actuamos. Unha é a antítese da outra. Nunca lle negará un galego consciente a un español de nación que a súa patria é España. Simplemente afirmará que a súa patria é Galiza. A maioría dos españois ou españolizados negarán a nosa condición nacional e pretenderán forzar a nosa asimilación. Galiza é a miña patria, coa que me identifico, coa que teño deberes e responsabilidades, en primeiro lugar, o pobo ao que pertenzo, que necesita e ten dereito a ser existente e digno, a responsabilizarse de si. Hai Patria Galega porque aínda hai pobo galego vivo e activo. Hai Día da Patria Galega porque alguén se encargou de facelo inevitábel, confrontándose con toda a represión usada polo Estado español para destruílo.

Comentarios