Opinión

Cuñados

Debo recoñecer que sentín certa prevención e reticencia perante a aparencia dun filme como Cuñados cando vin o seu tráiler. Temín que a comedia, tan necesaria como xénero, tivese neste caso dificultades para voar por enriba do enxebrismo, do chiste choqueiro e do humorismo paifoco, para alén da acción ruidosa. A miña sorpresa foi grande cando comprobei, vendo xa o filme, que, tomando como punto de partida todos os elementos da Galiza permitida, tolerada e mesmo promovida (familia, comida, bebida, equipas deportivas e siareiros respectivos, propaganda turística, localismo, consumismo, acomodación e conformismo ao que hai…), o resultado fose un filme moi entretido, dinámico, áxil, divertido, que sortea todos os perigos do tópico e o estereotipo aos que, sobre Galiza e os galegos e galegas, nos teñen habituados desde dentro tamén.

Certamente xoga o filme coa Galiza permitida (o noso é un país cheo de censuras e tabús sobre si mesmo, a comezar sobre o poder político que padecemos, aparentando vivir moi libremente). Porén a irreverencia heterodoxa apunta sempre aboiando con naturalidade. Co gallo da procura urxente de diñeiro para pagar unha débeda inesperada desátase unha acción a cada paso máis trepidante como se fose un filme de gángsteres  e policías. Vai enfiada esa acción dentro do retrato, a maneira de sátira benévola, do ambiente familiar, como na comedia clásica italiana, aspecto nuclear do filme. E van esvarando apuntes que fan aboiar o que hai detrás das aparencias ou en sobredose: a executiva resolutiva e sen piedade, que aniña negocios especulativos corruptos, baixo unha legalidade impoluta; o desproporcionado papel da veneración á equipa deportiva respectiva na vida cotiá das persoas; as latentes frustracións matrimoniais; a importancia do diñeiro para paliar ou encarreirar desavinzas familiares; a apropiación dun diñeiro, que se rouba e non devolve, no medio dunha redada policial, e que vén mesmo a posibilitar o happy end do filme: o pago da débeda e un belisco de certa monta para cada un dos tres cuñados grazas ao furto; a nena que se resiste, de inicio, a se vestir da forma convencional como noiva para a comuñón, ou a estraña imaxe final dos miles de euros logrados inesperadamente de costas á policía, gardados nun bocoi de licor café, mentres celebran a nova colleita na adega familiar.

Un cine de realismo costumista, irónico e crítico, como Cuñados, consegue, a maiores, que a súa faciana máis irreal, por ideal, nos faga pensar. É un filme rigorosamente unilingüe en galego, cun uso idiomático sen chata. Todo o mundo fala no noso idioma (a familia, a policía, as nenas, a executiva, o avogado, os empresarios…). É, pois, unha Galiza ideal, si. Somos os espectadores conscientes de que poderíamos ser un país normal? Mesmo nisto, o filme é irreverente, aparentando ser benévolo: a policía portuguesa colabora coa de Ourense falando portugués, en comunicación harmónica plena. Ideal, si. Non falso na intención: o galego e o portugués son o mesmo idioma. É un convite continuo á normalidade: as nenas falando galego como falan os proxenitores e a avoa. Así o sentimos. Sentimos que é un produto harmónico, feito por unha equipa que funcionou á perfección. Para alén da capacidade dos actores e actrices, de marabilla no seu conxunto, ten como base un guión ben pensado e a habelencia dun director que demostra grande oficio e coñecemento das técnicas cinematográficas, sen caer en manierismos retóricos. Toño López foi capaz de, partindo dunha Galiza permitida, elaborar a imaxe de confianza positiva, onde mesmo o ideal e a ironía afinada e aguzada nos fan rir e tamén pensar algo sobre nós e o noso estado. 

Comentarios