Opinión

Unha cuestión vital (e II)

Falamos no artigo anterior de dous instrumentos que, controlados pola Xunta, o sistema educativo e a CRTVG, están a se empregaren na dirección oposta á restauración de usos da nosa lingua e da toma de conciencia colectiva de se tratar dunha cuestión vital para a nosa existencia e as perspectivas de futuro como pobo. Por como se usan, son unha contribución importante ao retroceso do galego socialmente mesmo nos ambientes onde era, até hai pouco, oralmente dominante. Os discursos e comportamentos oficiais incentivan a subordinación do galego ao español, a dependencia e a renuncia ao noso idioma no seu propio espazo de comunicación orixinario, como se non abondase cos poderosos instrumentos estatais que convidan e obrigan ao seu abandono (administración de xustiza, empresas e servizos públicos e privados, Igrexas, forzas e corpos de seguridade, grandes grupos mediáticos…).   

Somos, pois, albo dunha confluencia perfecta entre a posición de impasíbel indiferenza do Estado centralista español, que ve o galego só como curiosidade marxinal, que a nada obriga, e a Xunta de Galiza que desatende mesmo unha legalidade cativa ou a usa  na orientación máis negativa posíbel.  Esta combinatoria vénse aplicando desde hai anos, e a cada paso nunha dose máis hostil para o galego, tratando así de confundir aínda máis unha mentalidade social que arrastra de vello o estigma dun inoculado desprezo por si mesma, unha estima reducida a unha adhesión sentimental fráxil á súa propia realidade nacional. Nos últimos cincuenta anos asistimos á disolución da sociedade agraria, até entón a referencia simbólica dun uso social vivo. Mudada en restos rurais sen vitalidade nin cohesión favoreceuse aínda máis a deserción acelerada do galego. Neste contexto de fraxilidade, a falta de amparo e de dereitos que se podan exercer e de políticas gobernativas que consideren o galego como a lingua oficial preferente na Galiza, sométenos a exclusións e discriminacións que dificultan ou impiden a vida plena no noso idioma, para alén de desaconsellala.

No actual contexto internacional, tamén coas modificacións que a globalización imperialista vai sufrir, e seguramente de forma aínda máis aguda, dentro da xeoestratexia occidental, as linguas sen Estado teñen e terán moitos inconvenientes causados pola propia incidencia na súa vida cotiá de outras con presenza oral e escrita inevitábel, inoculadas moitas veces como pasarela de promoción persoal ou simplemente de adhesión compensatoria a outro grupo nacional que se ten como de maior prestixio ou entidade. Sen dúbida é a consecuencia da falta de confianza colectiva en nós mesmos ou de expectativas como pobo diferenciado. Este proceso de asimilación é o que se ten aguzado nos últimos dez anos. Coa política que, desde dentro do país, alimenta e promove, e mesmo encirra, esta mentalidade social, é urxente acabar. Expresa as intencións e os obxectivos de quen nos goberna: Galiza non debe mudar, debe seguir afondando na súa subordinación e dependencia, das que a renuncia e discriminación do seu idioma é todo un síntoma. A importante minoría consciente é vital como motor do proceso reivindicativo, como vital é a curto prazo mudar a orientación da política lingüística oficial. Polo demais, o problema da lingua debe entrar a formar parte do debate xeral sobre o país que somos e pretendemos ser. A nosa lingua padece por Galiza non ser a referencia preferente ou exclusiva que condiciona a nosa conduta. Vivimos sen vivir en nós, pretendendo ser prácticos. Tomémonos a serio a nós mesmos. Tamén os poderes públicos que din representarnos. Vémonos o 17 en Compostela: Queremos Galego!

Comentarios