Opinión

Contristado opino

Hai uns días, Carreiro, na súa viñeta-ilustración do Nós Diario, con acerto evocaba a época en que pensabamos como non aliñados. Hoxe parece terse imposto o bloqueo cerebral, a idea fixa da maldade intrínseca de Rusia, cun demoníaco Putin á fronte. A visión maniquea absoluta domina respecto da invasión rusa e a guerra en Ucraína. É certo que chove sobre mollado, se ben cunha intensidade inusitada. Parece como se non houbese xa antes graves conflitos internos neste país, promovidos de forma descarada por USA e a UE, incluído un golpe de Estado para derrubar en 2013 o presidente electo democraticamente, Yanukovich, e deteriorar a convivencia coa poboación de sentimento e lingua rusa na parte oriental do país. Desde entón os gobernos de Ucraína non fixeron máis que aguzar o conflito con Rusia e funcionar ao servizo da estratexia da OTAN na zona. Estamos asistindo á resurrección dunha concepción, só en aparencia aletargada: Occidente, símbolo da civilización contra a barbarie, como xustificación racista dunha suposta superioridade moral para decidir sobre o mundo. Os USA, xefe da familia eurocéntrica, expresou o seu dominio apocalíptico, só nos trinta últimos anos, con guerras catastróficas contra pobos indefensos nas que os mortos, feridos, eivados, evacuados e enfermos de por vida se poden contar por millóns. As secuelas de caos e destrución económica, social, política e cultural que deixaron detrás, á vista están aínda (Iraq, Iugoslavia, Afganistán, Libia, Líbano, Siria…). Ás veces foron guerras televisadas como se fosen fogos de artificio. Padecemos amnesia?

Nas actuais circunstancias, a maioría social na UE, en xeral, e no Estado español, en particular, interioriza unha propaganda insidiosa, que conduce á irracionalidade emocional, ao carecer de referencias ideolóxicas alternativas aos deseños do sistema xerárquico (USA/UE). Estamos a ser pasto dunha aberta e entusiasta belixerancia das oligarquías que aproveitan, ademais, a guerra en Ucraína para os gobernos ao seu servizo anunciaren máis sacrificios sociais por esta causa, máis involución nos dereitos democráticos. É evidente que lles importa tres pitos o pobo ucraíno. O que lles importa é impedir que Rusia, que é Europa, sexa unha grande potencia, capaz de equilibrar os poderes hexemónicos no mundo, debido ao seu peso científico, económico e militar.

Os Estados da UE, en especial o español, non sairán beneficiados botando leña ao lume, alimentando o conflito, dificultando o acordo. Hai que defender o dereito de Ucraína a existir como nación soberana e o de Rusia a salvagardar a súa seguridade, sen verse ameazada con armas nucleares na súa fronteira. Soñar coa destrución de Rusia ou coa súa nova baixada ao inferno, como monicreque do capitalismo occidental, semella unha fantasía inalcanzábel. Todos coñecían as liñas vermellas que, cruzalas, significaba un salto cualitativo no conflito que xa desenvolvera varias fases. É difícil de entender o comportamento, temerario e irresponsábel, do goberno ucraíno. Markuu Kivinen, académico finés, ao principio desta invasión e guerra rusa, deplorábel como todas, aínda que sexa menos mortífera que as alegremente televisadas, declarou que Finlandia pertencía á UE desde 1995. Cun pasado conflitivo en relación coa URSS, mantívose neutral, sen entrar na OTAN, o que posibilitou unhas relacións económicas e políticas positivas e beneficiosas con Rusia. Lembrounos tamén que, durante o conflito pola anexión de Crimea en 2014, os ex secretarios de Estado de USA, Kissinger e Brzerinski, defenderon que só a neutralidade de Ucraína podía conducir a unha convivencia pacífica con Rusia. É tanto pedir?

Comentarios