Opinión

Contraste e incitación

No ano 2018, co gallo dos 800 anos da fundación das scholas Salamanticae (1218), consideradas o xerme da actual universidade de Salamanca, o concello e a institución universitaria acordaron render tributo de homenaxe e lembranza ao seu fundador: o rei Afonso IX (para eles) de León (para eles). Fixérono recorrendo a unha fórmula seguida con outras figuras dignas de recordación, segundo o seu criterio: elaborar un busto do rei nun dos medallóns pétreos que festonan a Praza Maior salmantina. Coincidindo con estas eleccións municipais e autonómicas, iniciouse a execución da obra. Para alén do esforzo para proxectar o prototipo de xeso no medallón pétreo, o escultor declarou que pretende ofrecer a imaxe dun home de posicións avanzadas para o seu tempo. O busto do noso  Afonso VIII, rei de Galiza e León (a designación correcta conforme á realidade histórica), acompañará, a partir de agora, as xa existentes doutras personaxes de incuestionábel matriz española.

O que representou este rei galego para o reino de Galiza, en todas as ordes, debía ser lembrado e exaltado aquí, non só como un dos símbolos da etapa de maior esplendor do noso país, con evidencias monumentais á vista, senón por seguir unha liña xeo-estratéxica na península acorde cos intereses galegos. Á súa morte, unha combinatoria de azar, intrigas e ameazas de varios poderes externos, e prebendas pactadas cuns poucos de dentro, conduciunos, non aínda á prostración, mais si á integración na monarquía de cerne castelán, conflitiva por pouco favorábel aos nosos intereses. Nin en Compostela, a súa cidade preferida, centro neurálxico do seu poder económico, político e militar e da ebulición da cultura galaico-portuguesa, da poesía trobadoresca que el practicaba, hai estatua ou busto que o lembre. O rei armouse cabaleiro na catedral compostelá en 1197. Consagrouna en 1211. Foi enterrado no seu Panteón Real en 1230. En sintonía cos arcebispos galegos de Compostela, Pedro Soares de Deza e Pedro Monis, dous intelectuais e diplomáticos de altura, renuentes ao espírito de cruzada contra o musulmán, negouse a participar na batalla de Alarcos (1195) e na de Las Navas de Tolosa (1212) contra os almóadas, malia as ameazas do Papa. Por outra parte, foi o grande impulsor das vilas mercantís e dos seus concellos coa concesión de foros (A Coruña, Ferrol, Monforte, Baiona, Tui…). Un país normal teríao presente en prazas e rúas. Cando estudante nunca me falaron del. Hai pouco lin un artigo de Manuel Lucas Álvarez, publicado en 1971, paleógrafo, o meu profesor esporádico de Historia en 1º de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, ano 1962-63, máis tarde reitor, tenente de alcalde e vicepresidente de Caixa Galicia. Descubro agora que coñecía boa parte desta verdade histórica, desde a súa posición españolista. Verbo da fundación das scholas en Salamanca, afirma: "En la mente del monarca y sus colaboradores  debería ser el punto de contacto de una cultura de signo galaico centrada en Compostela […] y la de las culturas hispánicas del Sur, la árabe, en las ciencias, matemáticas, astronomía y medicina…". Así pois, decisión do rei galego e do arcebispado compostelán, de quen dependía Salamanca como sufragánea. Para cando unha política municipal e universitaria, galega en xeral, que libere as nosas rúas e prazas da ocultación e do roubo da nosa historia?

Comentarios