Opinión

Constitución e educación

Nos últimos quince anos do franquismo, en consonancia co desenvolvemento económico, produciuse a expansión do sistema educativo estatal, público, para xeneralizar o ensino básico obrigatorio. Cando se instaurou o actual réxime democrático, a preponderancia do ensino estatal era total. Había un bo punto de partida para, mudando o deseño educativo, responder ás necesidades sociais e á realidade plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado. Porén a Constitución española de 1978 veu, nesta cuestión, a abrir a porta a unha concepción liberal, que non democrática, da educación. Deuse cobertura e impulso a mutacións non precisamente positivas en varios aspectos.

Lembremos que o artigo 27 da antedita Constitución, facendo da liberdade de ensino a pedra angular do seu edificio, como marca distintiva fronte ao franquismo, estabeleceu, nada menos, o dereito dos pais a “os seus fillos recibiren a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións”. Esta foi a forma de facer inviábel un ensino laico, para alén de xustificar a proliferación de centros educativos con ideario relixioso ou ideolóxico-moral, aínda enriba sufragados con fondos públicos en toda a etapa do ensino obrigatorio. Semellante blindaxe constitucional a unha concepción educativa tan antisocial foi, a maiores, a forma enganosa e cínica, de favorecer poderes sociais de matriz e obxectivos ideolóxicos, moitas veces gregarios e sectarios, para alén de empresariais. Eran os que tiñan capacidade e interese en facela práctica. Aínda enriba, como derivada, temos a presenza da materia de Relixión dentro do currículo, naturalmente a católica, reforzada polos acordos co Vaticano. A alternativa consistiu no ensino público a oferta tamén de educación cívica. 

A obrigatoriedade das axudas públicas para o ensino privado concertado ser gratuíto como o público deu como resultado, após 40 anos, a súa proliferación e hexemonía xustamente nas zonas do seu interese. En todo o Estado español e na Galiza tamén, o ensino privado concertado e gratuíto, que vive do erario público, boa parte del relixioso, confesional católico, é maioritario en todas as cidades. No espazo nacional galego aínda non o é polos concellos medios e pequenos, moitos deles rurais, que contan normalmente só con oferta pública. A homologación, como servizo público, do ensino privado concertado co de titularidade estatal da Administración autonómica serve a un modelo social, ideolóxico e moral concreto. É unha vía máis para aproveitarse do erario público, favorecendo intereses privados de todo tipo, a maior parte das veces de grupos xa favorecidos económica e socialmente na estrutura social.

Como é natural, moitos fillos e fillas das clases populares, por vontade dos pais ou por ser a oferta máis próxima, fan o ensino obrigatorio nos colexios concertados con ideario relixioso, que é, claro está, case sempre un ideario ideolóxico-político. Alguén pode dubidar de, embora sexa pasivamente, este alumnado estar recibindo adoutrinamento relixioso e moral conforme un determinado credo? A legalidade constitucional avala plenamente que estes colexios teñan ideario. Legalmente o seu profesorado, pago pola Administración pública, pode en teoría ser de calquera ideoloxía. Porén está obrigado a respectar o ideario do centro e, na realidade, a obviar toda discrepancia relevante co seu proxecto educativo. Na cidade na que vivo teño observado que as confrarías de Semana Santa se nutren de nenos, nenas e adolescentes dos colexios relixiosos concertados.

Comentarios