Opinión

Consideración estratéxica

O rabioso ataque dos partidos no Goberno español contra o nacionalismo galego, por non ter votado a favor dos Orzamentos do Estado para 2021, pretendeu luxalo socialmente. As contas públicas serían unha marabilla para Galiza, segundo eles. Porén, a forma de reaxir dos anteditos partidos contribuíu a desvendar obxectivos políticos inconfesados verbo de Galiza e o nacionalismo galego. Para unha forza política ao servizo da sociedade galega non eran asumíbeis eses orzamentos. Lembremos só que, se comparamos os créditos iniciais para Galiza nos orzamentos de 2018 (936,79 millóns de euros), últimos aprobados, cos dos orzamentos para 2021 (832,24 millóns), a redución é de 105,55 millóns de euros, un 11,2% menos, nun contexto onde 11 comunidades autónomas ven sensibelmente aumentada a inversión nos seus territorios. Por enriba, está aínda sen se cumprir o acordo co BNG para a investidura de Sánchez como presidente. Só se albiscan, respecto da AP-9, rebaixas nas peaxes, a base de entregar diñeiro público á empresa. 

Parece claro que os partidos da esquerda estatal non soportan que o nacionalismo galego teña un papel condicionante. Galiza debe estar adaptada e submisa ao seu papel no deseño español. Para eles é vital impedir e combater o ascenso eleitoral do nacionalismo galego e, moito máis, a súa consolidación social coa mudanza da mentalidade colectiva. No seu desprezo, implícito ou explícito por Galiza, non está ausente a obsesión de que non nos convertamos no terceiro problema nacional grave. Responden na súa concepción a unha mentalidade, á dereita e á esquerda, asentada xa de vello respecto de Galiza, contando con valiosas colaboracións internas. Exprésana cun sorriso displicente perante un pobo que coidan definitivamente inoculado cun españolismo, que non por morno, deixa de conducir á insignificancia política. Así debe continuar. De non ser así, a súa displicencia faise agresiva. Esta foi a súa actitude perante a negativa a apoiar os seus orzamentos. Non mostraron nin o menor interese en negociar algunha mellora. Pretendían así enlodar o nacionalismo galego no servilismo que o aniquilase. Nunca o voto dun só deputado alporizou tanto, e iso que tiñan número sobrado para sacar as súas contas adiante. Había que renderse e entregarse. Gobernando Zapatero, o presidente máis aberto dos que houbo, o BNG logrou aumentar cuantitativamente o investimento para Galiza de forma espectacular. Aínda así, houbo unha fronteira cualitativa infranqueábel, que ía, por exemplo, desde a negativa a apoiar un Grupo Lácteo Galego até non favorecer a osmose, cultural, lingüística, social entre Galiza e Portugal. Para o seu goberno, Galiza era o Noroeste, con Castela e León, e Asturias.

É curioso: colaboran ao triunfo electoral e á boa imaxe de Feixóo desde España, non aspiran a gobernaren Galiza e, de ter que facelo, que sexa cun BNG subordinado. Velan por que, en calquera posíbel mudanza simbólica ou algo real no deseño constitucional, o recoñecemento se acoute a Catalunya e Euskadi. Galiza debe ficar fóra de consideración. Por que os nacionalistas vascos e unha parte dos cataláns apoiaron os orzamentos?. Por tiraren proveito material e político das negociacións. En Euskadi: uns, por cesións materiais, incluído de balde un cuartel (aquí preferirían velo en ruínas antes de cedelo); outros, por cuestións relativas a presos e á súa reinserción. No caso catalán, para alén de investimentos de certa monta, hai unha estratexia para reconducir a situación en Catalunya, Os indultos e o obxectivo de instaurar un tripartito, illando Junts per Catalunya, forman parte dela. A estratexia para Galiza fica apuntada. A firme actitude do BNG non pode estar máis xustificada.

Comentarios