Opinión

'A condición homosexual'

É o título dun dos ensaios mais significativos e interesantes da literatura galega na segunda metade do século XX. Digo significativo porque é un contribución orixinal galega á clarificación dun tema que afecta todas as culturas e todas as sociedades: a condición homosexual de parte considerábel da poboación, sometida só por iso, en maior ou menor medida, segundo as circunstancias, a represión, censura ou auto-censura. Digo interesante porque se achega á cuestión sen prexuízos, coa mirada limpa de quen a considera natural, intrínseca á condición humana, desde unha perspectiva cristiá. Non esaxero se afirmo que é a análise divulgativa de maior calado analítico que se fixo, en calquera lingua peninsular, sobre a homosexualidade até hoxe. Foi publicado en 1999. O seu autor, Xosé Chao Rego, ex crego, entre outras cousas para casar, teólogo, profesor, foino tamén doutro ensaio emblemático da nosa literatura, aparecido o mesmo ano, co mesmo poder revelador: Prisciliano. A aparición de A condición homosexual foi para min motivo de entusiasmo agradecido e de admiración intelectual polo autor. Representaba unha clarificadora e reparadora visión do tema na nosa lingua e desde dentro da nosa perspectiva cultural. Facíao alguén que proviña dun mundo relixioso confesional, do que se desligou pola súa cerrazón a asumir a verdade humana da sexualidade, malia impregnar o seu interior de forma clandestina e reprimida, e por iso, moitas veces, penosa. Non era cuestión de xulgar as debilidades dos seus membros, senón o cinismo da empresa. Mergullémonos nalgunhas ideas do libro, como axuda para analizar a situación actual..

Seguramente todo o mundo tivo medo da súa propia sexualidade algunha vez, sobre todo desde que se é consciente da valoración social. Non se fai o fincapé debido na básica e primixenia indiferenciación sexual das persoas, sen ignorar que tampouco se trata dunha elección libre nin dunha simple atracción química. Estamos ofuscados por unha visión estática e monolítica dos comportamentos sexuais, obviando as condutas e/ou desexos bisexuais, para acreditar, con seguridade, en que o normativo heterosexual é o normal por maioritario. Porén, case ninguén é alleo ao medo ao homosexual que cada quen leva dentro, porque a heterosexualidade é o ideal normativo. Chao Rego advirte que a heterosexualidade, convertida en ideal humano, conduce á homofobia. Na dinámica de funcionamento social e económico, nos valores culturais dominantes, a ideoloxía que se desprende, transmite ou inocula, destila un concepto de normalidade que reduce todo o que non é heterosexualidade a curiosidades marxinais, risíbeis ou obxecto de moda ou consumo comercial. Hoxe parece que aboia unha homofobia violenta. Non é allea á grave crise económica, social, cultural e política do sistema, a unha irracionalidade de base, que esporea tamén o medo á propia homosexualidade, transferíndoo en agresión contra quen a manifesta. Todo se fai máis irracional cando é evidente que o modelo cultural de parella heterosexual, canonizada no matrimonio, pasa por unha crise profunda. Nos nosos días dá a impresión do individualismo narcisista, en versións moi diferentes, ditar a conduta sexual en moitas ocasións. Chao Rego non acreditaba no orgullo gay. Acreditaba na autoestima, na aspiración a unha vida normal, a poder realizarse como persoas sen as limitacións, carencias e medos que nos perturban e danan, sempre e, de forma especial, na adolescencia e na mocidade. Por certo, tiña clara a beneficiosa relación entre tenrura e coito e a preocupación pola satisfacción do outro na relación sexual, de calquera tipo e condición.

Comentarios