Opinión

Unha concepción do país

Lin con interese a entrevista que lle fixeron a Luis Zahera para La Voz de Galicia, pois nada que se refira ao meu país me é alleo. Estaba, e estou, algo reticente, á espera de ver, o filme As bestas, do que o actor galego é un dos protagonistas. O guión está inspirado en tráxicos sucesos de hai menos de dez anos nunha aldea galega. A intelixente entrevistadora, Caterina Devesa, coas súas preguntas, toca aspectos fulcrais do filme e da traxectoria do actor. En boa parte, responden a cuestións que tamén a min me parecen dignas de atención, por inquietantes, creándome mesmo desasosego. As respostas de Zahera, no que ten a ver con Galiza, corresponden á concepción que un amplo sector da sociedade galega ten do seu propio país. Non é de agora, ven de lonxe, e está ben expresada nas novelas de temática galega de Emilia Pardo Bazán e todos os seus epígonos. Maniféstase, por suposto, tamén na actitude práctica de moitos galegos e galegas. O entrevistado íspese, con certo candor, neste aspecto. Asume o estereotipo da Galiza escura, bruta, salvaxe, incivilizada, ligada ao atraso labrego, á aldea. Porén, redímenos deste pecado grazas á transformación que fixo que agora, en 2022, xa non  exista esa Galiza. Está superado ese estigma. Somos, por fin, finos, civilizados; deixamos de ser bárbaros. Creo que estamos perante unha consolación que, para alén de falsificadora, segue atada a unha visión da realidade e da historia profundamente colonial e prexuizosa. Naturalmente, o substrato desta visión é a asunción de a desgaleguización formar parte ineludíbel da modernización, desde a credulidade en que o pobo galego estaba eivado, incapacitado para, desde dentro del, evolucionar. Alude Zahera ás súas experiencias da infancia, zonas de Padrón, o bar terrorífico de Rois, que lle evocan esa sensación de barbarie e brutalidade, esa deformación. Pregúntome se superarían en sordidez, barbarie e brutalidade, por exemplo, a moitos clubs nocturnos de Madrid, París ou New York de entón ou de hoxe. Porén, ninguén os vincularía á sociedade que os produce, como síntoma da súa impertinencia histórica e da necesidade de ser asimilada, deformada lingüística e culturalmente. De pensar así, non me estraña que, no noso caso, só nos quede a paisaxe para nos agarrar a ela, e a fuxida do país como liberación individual e meta procurada.

O noso actor recoñece que ser galego foi condición clave para ser chamado a desempeñar o papel do bruto, violento e prepotente Xan, que está desexando saír da aldea, porque "olemos a mierda". Decátase de, por ser galego, estar marcado en Madrid pola suposta ambigüidade ou falta de definición que se nos atribúe, polo acento ou a procedencia provinciana. Non lle dá importancia porque tamén outros son sinalados con estereotipos. Réstalla tamén a que se identifique persoa cerrada, escura, con casi gallega, como fixo Paco León, por ser o seu devoto, seguramente outro grande de España, cualificación que dá a José Coronado, o seu compañeiro de serie televisiva. Parece que debemos ser aconflitivos. Conformismo total, agradecemento pleno. Pregúntome se o triunfo madrileño obriga a tanta condescendencia. Mentres dispóñome, sen desaparecer a miña prevención, a ver As bestas.

Comentarios