Opinión

O comportamento lingüístico de Rosalía de Castro

Imos entrar no problema do uso oral do galego por Rosalía e mesmo do escrito en actividades non literarias. A algúns pódelles parecer inexplicábel se non se atende ás circunstancias concretas da nosa sociedade entón, á determinación do pasado histórico e á perspectiva ou vontade organizada ou non da súa superación, así como ás novas determinacións e condicionantes nos comportamentos lingüísticos derivados das nova realidade do Estado capitalista e centralista. 

Imos entrar no problema do uso oral do galego por Rosalía e mesmo do escrito en actividades non literarias. A algúns pódelles parecer inexplicábel se non se atende ás circunstancias concretas da nosa sociedade entón, á determinación do pasado histórico e á perspectiva ou vontade organizada ou non da súa superación, así como ás novas determinacións e condicionantes nos comportamentos lingüísticos derivados das nova realidade do Estado capitalista e centralista. No uso literario, Rosalía superou todos os condicionantes diglósicos. A súa obra en galego non está marcada, de forma inexorábel nin cualitativa, pois non detectamos diglosia temática, nin de estruturas ou xéneros, nin de rexistros.

A súa obra en galego non está marcada, de forma inexorábel nin cualitativa, pois non detectamos diglosia temática, nin de estruturas ou xéneros, nin de rexistros.

As limitacións son só cuantitativas, determinadas pola necesidade e posibilidade de vender no mercado editorial e no xornalístico e pola vontade de exercer como escritora profesional, alén de pola evolución e acollida do seu proxecto de restauración dunha literatura nacional en lingua galega. Non se ten valorado na súa xusta dimensión o feito de Cantares gallegos ser tan compacto e homoxéneo no uso do idioma, que até as notas a rodapé están en galego, como o é Follas Novas, a non ser o alleo prólogo de compromiso de Castelar. Mais cal era o seu comportamento lingüístico persoal dentro da familia e nas súas relacións e actividades sociais? A súa lingua materna, como ela a denomina nas “Dúas palabras da autora...”, era sen dúbida algunha o galego, a lingua dominante, coloquial e informalmente, aínda da maioría dos señores dos pazos como o de Arretén, vinculados a unha contorna campesiña,  oralmente  unilingüe en galego na primeira metade do século XIX.  Na súa infancia, malia a progresiva e intencionada educación formal e escrita en castelán, a meniña Rosalía vivía impregnada do galego, a lingua coloquial dominante. Desde logo, teñamos claro que non podería ter escrito nin Cantares Gallegos nin Follas Novas, de non ter sido así, pois demostran unha interiorización do idioma popular, coloquial e dialectal. Non é un idioma de laboratorio nin imitado de literatura escrita. Ela mesma confesouno no prólogo de Cantares gallegos: “por esto, inda achándome débil en forzas e n´habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada sólo por aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan dosemente resoaron nos meus oídos desde a cuna e que foron recollidos polo meu corasón como herencia propia, atrevínme a escribir estos cantares”. É o galego das terras do Sar, cos españolismos inevitábeis, algúns seguramente introducidos á hora da impresión polos linotipistas, pois trasladaban dun manuscrito a letra impresa uns textos nunha lingua que non era a habitual, tendo como norma  abafante e exclusiva a do castelán Era consciente de que estaba a empregar un idioma carente de gramática e de dicionario, sen normas escritas . A. Marsal (Galicia, 4, 1888) referíndose a Rosalía, comenta: “No desconocía las deficiencias gramaticales y la carencia de estudio y cultivo del idioma de su país la dulcísima e inimitable poetisa Rosalía de Castro de Murguía, y así lo consignó al final de la introducción a sus bellísimos Cantares gallegos”. Porén era a nosa lingua, repite tres veces ao longo do ensaio  introdutorio a Follas Novas. Temos, pois, a consideración individual e a colectiva do galego como idioma propio, natural.

"Na súa infancia, malia a progresiva e intencionada educación formal e escrita en castelán, a meniña Rosalía vivía impregnada do galego, a lingua coloquial dominante".

Perante unha nova fase do dominio e a asimilación lingüística
 
 Agora ben, nas condicións económicas, sociais, políticas e culturais, educativas, ideolóxicas e psíquicas daquel tempo, o proceso asimilador era extensivo e intensivo na fidalguía rural e en todas as clases pequeno burguesas e burguesas de vilas e cidades; funcionaba como síntoma e aspiración real e tamén aparente de ascenso  social.  Se a xeración da nai de Rosalía, aínda estando condicionada por unha diglosia oral/escrita, formal/informal, interlocutor e ambiente, podía desenvolver maioritariamente a súa vida cotiá en galego, na xeración de Rosalía os ambientes e os interlocutores, os aparatos administrativos  e educativos, alén das perspectivas de ascenso e integración social, con  afastamento  do galego, como símbolo dun endogrupo desprezado, foron máis influentes, agravándose os comportamentos diglósicos e os procesos de asimilación ao castelán. Para mudar esta tendencia, mesmo nas minorías máis concienciadas, ás que sen dúbida pertencía Rosalía, apostando por unha tendencia inversa, de uso do galego para todo tipo de comunicacións, as formais tamén,  para todas as situacións, ambientes e interlocutores dentro do país, necesitábase contar cunha organización colectiva que avogase por unha oficialidade do idioma, polo recoñecemento oficial de prácticas e aspiracións dun grupo significativo e con conciencia da necesidade de mudanzas neste sentido. Tal conciencia práctica non foi posíbel naquel momento. Houbo que esperar a que aparecesen organizacións tendencialmente nacionalistas ou claramente nacionalistas para o galego aspirar á escola, á tribuna, ao púlpito, aparecer mesmo nas comunicacións interpersoais, nunha palabra, a pasar da súa dignificación e uso literario á  pretensión práctica de restauración para todos os usos sociais. 

"O emprego popular do galego era abafante, polo que non se vivía como urxencia a restauración dos seus usos para todo, mesmo por parte de quen o facía no terreo artístico ou literario, con clara vontade de vertebrar unha opinión pública a favor do país e do prestixio do idioma"

Non ten o menor sentido estrañarse até o pasmo, e menos o usar como pretexto para xustificar comportamentos lingüísticos hoxe incoherentes, o feito de Rosalía falar máis en castelán que en galego co seu esposo e coas súas fillas e fillo e, por suposto, con todos os interlocutores que falasen castelán. Nas condicións ambientais e nas tendenciais en que Rosalía viviu, o emprego popular do galego era abafante, polo que non se vivía como urxencia a restauración dos seus usos para todo, mesmo por parte de quen o facía no terreo artístico ou literario, con clara vontade de vertebrar unha opinión pública a favor do país e do prestixio do idioma. Sen dúbida foi esta unha limitación que, andando o tempo, se revelou como unha inconsecuencia e un fracaso para a toma de conciencia do país e a súa cohesión. Con todo, hai que manter certa cautela e non facermos xuízos contundentes e absolutos sobre as  prácticas e as intencións rosalianas neste aspecto. Por exemplo, coñecemos que Rosalía escribe unha carta pública en galego, á Xunta Directiva da Sociedade de Naturales de Galicia en la Habana. Sabemos que provocou a que, posibelmente, sexa unha das poucas cartas íntimas, interpersoais, no noso idioma  por aqueles anos, a do Chantre da Catedral de Salamanca. Resulta lóxica para a mentalidade rosaliana unha petición a outros para escribiren unha carta en galego e non corresponder nesa lingua? Por desgraza non contamos co groso das cartas que Rosalía escribiu e recibiu. Non podemos facer xuízos certos canto á potencial e real base empírica, non podemos coñecela como se debera. Constatamos limitacións prácticas da súa conduta lingüística oral, totalmente acordes cos tempos. Porén, tamén temos evidencias do seu sentido crítico sobre a asimilación, o mimetismo lingüístico e o desprezo polo galego en todas as clases sociais, como unha deformación e unha caricatura indigna. Pola cabeza de Rosalía pasaba, seguramente, todo o que nós podemos pensar  e sentir hoxe sobre o noso idioma e os seus dereitos, mais a distorsión entre conciencia posíbel e conciencia práctica existía entón tamén, aínda que, posibelmente, estivera máis amortecida pois a tarefa, o obxectivo prioritario, era prestixiar, dignificar e defender o pobo galego e a súa lingua  dotándoo de literatura escrita e de historia. O primeiro dos obxectivos pasaba todo atrevemento  nun momento en que a tendencia hexemónica era a aceptación da globalización española como garantía de progreso. Aliás, isto non quere dicir que Rosalía se limitase a unha identificación mística da nacionalidade galega cunha idea platónica da lingua, senón que era concreta, material e realista. É mágoa descoñecermos as relacións de Rosalía coa xente popular, que sen dúbida se daba con frecuencia e con intencionalidade, moitas veces, creativa, pois a súa concepción da tradición era unha concepción viva. A este respecto ela mesma infórmanos ao pé da “Alborada” de Cantares Gallegos que “foi o meu deseio de que saíse nun todo arregrada á música”. Non se limitaba a un concepto literario, senón que tiña moito de existencial, embora resultase entón menos urxida a predisposición ao emprego oral e escrito do galego en todas as funcións e circunstancias. Desde logo, é precisamente na segunda metade do século XIX, cando na Galiza se comeza a ouvir con certa frecuencia  un idioma que non é o propio. As preguntas xa son inevitábeis: non vale con limitarse á concepción de que o idioma  é algo natural que teñen todas as persoas como as pernas, en expresión de Eric Hosbawm (2012). Non en balde os primeiros debates públicos, reflectidos na prensa, sobre o problema do idioma, a pertinencia ou non do seu mantemento como vehículo de comunicación social e aspiración a certos usos formais, orixínanse neste momento. Mais parece que resultaría un fenómeno inexplicábel o feito de se comezar a romper o dominio e a subordinación lingüística nos sectores sociais alfabetizados en castelán e con cultura formal e escrita nese idioma, sen que a lingua nacional e marcadamente popular aspirase a ser lingua literaria, escrita. 

"Pola cabeza de Rosalía pasaba, seguramente, todo o que nós podemos pensar  e sentir hoxe sobre o noso idioma e os seus dereitos, mais a distorsión entre conciencia posíbel e conciencia práctica existía entón tamén"

Conciencia da realidade e limitacións prácticas

A grandes riscos tiña razón Emilia Pardo Bazán (1888) cando afirmaba que, no caso do galego, como do provenzal, non o falaban os que o escribían. Porén, baixando a unha realidade máis matizada e relativa, no caso galego, non era así. Semellante absoluta aseveración agocha diferentes e variados comportamentos lingüísticos, nos que un factor determinante é as características  do  interlocutor, en primeiro lugar, se é ou non falante popular do galego -lémbrese que entón aínda masivo-, o grao de coñecemento, proximidade e a intención da comunicación dos interlocutores, así como o grao de formalidade. A remodelación do dominio do español na Galiza da segunda metade do século XIX, como modernidade, civilización e cultura, contando con todo o peso do aparato burocrático do novo Estado centralista e capitalista, e coas condicións do mercado ao seu favor, aumentou a súa incidencia espacial e social, cun impacto, tamén oral, do que non gozara até entón. Aínda así moi lonxe do que ten hoxe. Non podemos comparar, facendo xuízos de valor, os comportamentos individuais orais e escritos da intelectualidade ou dos escritores galegos e en galego daquela época cos de hoxe. Hai urxencias prácticas nas conciencias hoxe que superan o feito de o galego ser unha lingua escrita e de cultura. A restauración de usos sociais aparece como necesidade , pois xa non existe unha masa campesiña potente depositaria natural do idioma.

"O novo Estado centralista e capitalista aumentou a incidencia social e espacial do castelán, cun impacto, tamén oral, do que non gozara até entón"

Podemos discutir sobre por que non se intentou unha introdución política, nas circunstancias do pobo labrego e mariñeiro desa época, por parte desta intelectualidade protonacionalista. Malia a nosa historia social e política, concretamente nesta etapa, non estar nada ben estudada, este pobo labrego e mariñeiro si reaxiu e protestou contra contribucións, foros, quintas, fames e distintas opresións. Unha parte da obra de Rosalía é, en certa maneira, retrato desta opresión, e mesmo revelación da rebeldía latente, máis  ninguén, con capacidade e orientación política galega, a canalizou.  Está claro que se comezou a facer xa moi entrado o século XX. A incapacidade para se producir este contacto ou fusión social e política entre base popular campesiña e minoría dirixente intelectual ten a ver, sen ser o único factor, cun fenómeno constante e secular, que no século XIX medra en magnitude e incidencia social, a contribución galega á burocracia do Estado, á política, e a predisposición/necesidade a procurar fóra o triunfo na literatura, na arte, no xornalismo ou calquera actividade formal culta. Esta drenaxe ou externalización constante ten contribuído á incapacidade resultante para se produciren eclosións socio-políticas internas prendidas ou vinculadas a unha idea de país. Rosalía, moito máis que Murguía, tivo clara a necesidade do retorno e intentou, dentro das súas capacidades e posibilidades,  cumprir  un papel para lograr a conexión entre minorías cultas e masa popular campesiña, intentando convencer aquelas das potencialidades e calidades desta. Podemos valorar o que representaba esta masa campesiña, desde a mirada dun home do século XX, que seguramente sería compartida por Rosalía de Castro: “E coido tamén que Galicia perdeu, infelizmente, unha inmensa parte da súa riqueza psicolóxica coa desaparición ou trituración daquel mundo rural, economicamente subdesenvolvido e certamente precisado de progreso, pero que acubillaba recursos humanos que poderían ser aproveitados e non o foron”  (Pérez-Barreiro Nolla, 2013)

"Rosalía, moito máis que Murguía, tivo clara a necesidade do retorno e intentou cumprir  un papel para lograr a conexión entre minorías cultas e masa popular campesiña, intentando convencer aquelas das potencialidades e calidades desta"

Desde logo non podemos menosprezar o peso que unha educación formal, literaria, a través do emprego do castelán por escrito e oralmente nesta función, e a posterior adicación profesional á literatura, nun marco editorial e cultural español, deberon ter nos usos pragmáticos dos dous idiomas por Rosalía de Castro. A súa formación intelectual en castelán e a súa inmersión exclusiva en literatura escrita, orixinal ou traducida, nesta lingua, ademais do francés, en menor  medida, tivo que producir a interiorización do idioma dominante e de cultura cun alto nivel de competencia, rico e rechamante polo seu estraño arrecendo literario, sen pedantaría, inevitabelmente con sotaque galego. Nunha palabra, as consecuencias desta formación non podían deixar de ser transcendentes no uso oral nunha persoa que, como todas as da súa clase, así como as da pequena burguesía burocrática, mercantil e industrial, estaban sendo atinxidas por un proceso de asimilación, tamén oral, ao español, impulsado por todos os instrumentos do Estado centralista. 

O seu curmán José de la Hermida: unha versión ofuscada polos prexuízos ideolóxicos

Dito isto, non é veraz nin críbel aceitar versións sobre o comportamento lingüístico oral rosaliano que están embafadas xustamente polo seu absolutismo, por non teren presente, mesmo acreditando na súa honestidade, a variabilidade de usos segundo os interlocutores, os ambientes e as funcións, alén de os prexuízos ideolóxicos xogaren na percepción da conduta lingüística, un papel non secundario. Así, o seu curmán, Jose de la Hermida, tan anticlerical e republicano como cosmopolita e españolista, escribía, vinte e catro anos máis tarde de morta Rosalía, nun artigo contra o nacionalismo galego e contra o catalán: “Rosalía de Castro no hablaba apenas la lengua en que escribió Cantares gallegos y Follas novas, y nunca pensaba con ella, según le oí asegurar más de una vez; su acento era perfectamente madrileño” (El Motín, 25, 2, 1909). O uso do adverbio apenas é revelador: quere dicir que algunhas veces o  falaba. Seguramente non con el, por certo tan xeneroso como colonizado na súa visión do pobo galego. É difícil de acreditar nunha versión tan nesgada e parcial. Ten unha certa base empírica, pero fica tamén en media verdade ou en tendenciosidade interesada. Podemos albiscar que é así por outras análises e xuízos que fai. Afirma que na Coruña, Ferrol, Vigo e Pontevedra, en 1909, a burguesía non falaba case nunca galego, é dicir, falábao nalgunhas ocasións. En contraste, en Compostela e Lugo empregábase  invariabelmente o castelán na chamada boa sociedade, isto é, sempre segundo as súas palabras, o galego estaba excluído (ibidem). É imposíbel que, nesta altura, o que el denomina burguesía coruñesa, ferrolá, viguesa ou pontevedresa se distinguise da de Lugo ou Compostela no sentido que el o fai. O galego entón como hoxe estaba, en todos os casos, expulsado da denominada boa sociedade. Por outra parte, nalgunhas ocasións aínda falaban galego algúns segmentos desta clase social en calquera das cidades devanditas. Non se lle pode dar crédito, a non ser todo máis como síntomas ou tendencias, ás súas afirmacións tan absolutas, porque, ademais, alén dunha xenreira desmesurada contra Murguía, a quen denomina  “Mesías del nacionalismo gallego (...) en el cual la sangre euskara domina por completo a la otra” (ibidem), a súa españolía ofúscao: “Sí; la región del Poniente seguirá siendo digna de haber sido la madre de la mil veces gloriosa unidad hispana, de haber sido la cuna de María Pita, de haber sido el último baluarte de España en las últimas guerras continentales americanas en la persona del legendario Rodil, y de haber contribuído poderosamente a vencer el fuerista carlismo en todas las ocasiones que lanzó sus hordas al campo” (ibidem). 

"Non é veraz nin críbel aceitar versións sobre o comportamento lingüístico oral rosaliano que están embafadas xustamente polo seu absolutismo, alén de os prexuízos ideolóxicos xogaren na percepción da conduta lingüística, un papel non secundario". 

Na súa descualificación de Murguía chega a aseverar: “me consta que este señor hablaba castellano hasta con las gentes del campo” (ibidem), evidenciando así que resultaba este comportamento unha anormalidade case monstruosa. Pois ben, o seu propio retrato tendencioso e ideoloxicamente ofuscado pode servirnos para  intuír as tendencias, os problemas, e matizar e albiscar comportamentos, alén  de termos certezas absolutas. Non deixa de ter importancia que, mesmo segundo un fidalgo de pazo tamén ruinoso, démoslle ou non crédito ás súas palabras sobre o comportamento lingüístico de Murguía, o normal era falar cos labregos en galego. Porén, o problema fundamental estaba en que a de la Hermida non lle gustaba nada a intencionalidade patriótica de Murguía, co que non simpatizaba humanamente, nin tampouco a de Rosalia, malia considerala unha ilustre e digna señora, de ideoloxía socialista e librepensadora. Sabía do que falaba, porén, cando establecía un parangón entre Rosalía de Castro e Burns, nestes termos: “En nuestros días, a Burns, que era el Rosalía de Castro de Escocia, nada debieron producirle sus versos, cuanto para poder vivir estrechamente tenía que destripar terrones con su arado” (El Motín, 15, 9, 1910). Como tamén sabía do que falaba, cando nos dá a coñecer como figuraba Rosalía “en mi obra inédita Gallegos notables del librepensamiento” (El Motín, 4, 8, 1900), evidenciando o substrato referencial, especialmente, a influencia de poemas de Follas Novas, e a alta estimación que lle merecía: “Pidiendo esta elevada mujer el beneficio de la muerte voluntaria para los que la existencia es una serie no interrumpida de torturas; autorizando a los que han pedido justicia inútilmente al cielo y a la tierra para realizarla  por el propio esfuerzo; rebelándose con altivez contra lo injusto del perdurable castigo; afligiéndose hasta el llanto por las universales desventuras, y en especial por las que tiene más próximas; y loando en el diapasón sublime la positiva labor científica y a sus impulsadores ¿tendrá algo que ver con el ideal cristiano, que impíamente condena a vivir al que lentamente agoniza en medio de los más crueles sufrimientos; que difiere el cumplimiento de la justicia para un mundo extrasensible; que revela su inextinguible rencor con la espantosa creación del infierno; que divide los hombres en réprobos y en elegidos, y que se declara contra el profano saber por conducto de su más venerable representación histórica? ¿Y habrá algo de común entre la que da nombre a este tan modesto esbozo y la Iglesia Católica, poniendo aquella a su clero en situación repulsiva, enalteciendo la memoria de un héroe protestante en sentidos y admirables versos que consagra a una amiga, inglesa, fervorosa creyente de Reforma, y dedicando la mejor glosa de los Cantares Gallegos a Roberto Robert?¿No pudiera decirse de esta inspirada mujer que, guiada por rumbos positivamente opuestos al cristianismo, ha dedicado lo más noble de su poética musa a encarnar con lo ciertamente humano? Si la grandilocuencia de estos hechos no diera inquebrantable firmeza a Rosalía Castro en este lugar, habría la razón crítico empírica desaparecido del mundo de la verdadera cultura” (ibidem).

"O fidalgo da Torre de Lestrove condena e discrepa da súa, para el, limitación intelectual e comunicativa por empeñarse en escribir en galego, parecéndolle excéntrico e monstruoso que malgastase “sus tan humanas ternuras, que merecían universal resonancia, en un círculo de límites estrechos”.

Podemos discutir a opinión sobre o carácter filosoficamente antitético do pensamento rosaliano co cristianismo. O acordo é absoluto de nos referir á Igrexa Católica. E, desde logo, nada hai que obxectar á tese de Rosalía ser unha librepensadora, non estritamente cinxida aos límites dun empirismo positivista. O fidalgo da Torre de Lestrove non se atreve a formular sospeitas ou dúbidas respecto da mentalidade e o compromiso patriótico de Rosalía. Porén, condena e discrepa da súa, para el, limitación intelectual e comunicativa por empeñarse en escribir en galego, parecéndolle excéntrico e monstruoso que malgastase “sus tan humanas ternuras, que merecían universal resonancia, en un círculo de límites estrechos”. Sentía fobia por “Las lenguas regionales”, como titula outro seu artigo en Las Dominicales del Libre Pensamiento (1,3, 1900), contra o bispo catalán Morgades, onde sentencia: “Sólo al que asó la manteca puede ocurrírsele escribir o hablar en gallego, vasco, etc, en la tierra donde se escribió ese Quijote que admiran aún más los extraños que los propios”. Rosalía rachou coa diglosia cualitativa no terreo da arte, da literatura, da cultura. Na concepción do que debían ser os usos lingüísticos sociais foi tamén algo máis que a expresión das tendencias e liñas dominantes no seu tempo, se ben a súa translación práctica necesitaba dun proxecto colectivo que non callou entón. 


 

Comentarios