Opinión

A Comisión sobre financiación

Veño de saber que no Parlamento Galego se vai constituír unha comisión para estudar que mudanzas lle conveñen a Galiza no sistema de financiación autonómica. Aceitouse, de forma tardía, unha iniciativa do BNG, após Feixóo convocar unha reunión con determinadas comunidades autónomas para manteren unha fronte común. Isto é, sen o Parlamento Galego definir a súa posición previamente, e descoñecermos que defende a Xunta. Evidénciase, como sempre, o interese presidencial por diluír Galiza en conxuntos de marcada inspiración española e españolista. A premisa é sempre a consideración de Galiza como unha rexión, sen capacidade nin vontade para se defender e valer por si, necesitada de solidariedade externa e xenuína defensora da unidade de España como panacea de pobres. Todo o que se mude debe estar dentro da ortodoxia da estrutura dun Estado unitario, unha simple descentralización administrativa, sen admitir nunca que existen, dentro del, entidades políticas diferenciadas. Con este panorama, e tendo presente a falta de estudos no ámbito académico e institucional galegos sobre o tema, substituídos por unha aceptación acrítica de que nos vai moi ben así, os resultados dos traballos da devandita comisión, só terán algo positivo se o BNG toma ese foro como unha oportunidade de debate, contraste, información e interrogación cos comparecentes e as dúas forzas estatais presentes, desde o modelo de concerto que defende, dentro da tradición nacionalista desde Brañas e as Irmandades da Fala até Bóveda. Ten que estar en condicións de manexar con contundencia os dados que fornece o único estudo (da autoría de Xosé Díaz) que se ten feito sobre cal é a capacidade fiscal real de Galiza e cal a que o modelo de financiación autonómica lle recoñece. Só desde esta premisa, e garantindo tamén a presenza de quen desvelou a realidade e non comungou coa ficción,  poderá haber un debate clarificador e útil. Non estaría nada mal, polo demais, intentar que o debate transcendese dalgunha maneira á sociedade. Prevemos que, se non, vai saír fortalecido o apriorismo de que Galiza non é un país rico e que non lle convén nin o concerto nin nada que ula a se responsabilizar de si mesma, porque parece ser que nos vai moi ben dependentes e subordinados en todo, mesmo descoñecendo o que damos de si na realidade actual, sendo tan pobriños.

Precisamente, hai dúas semanas o diario Ara en Catalunya organizou un debate sobre o tema, coa participación de persoas que foran conselleiros de Economía e Facenda da Generalitat nos últimos anos. Con razón falouse da infra-financiación de Catalunya e da reivindicación do concerto. Ao final do coloquio, Pujol, desde o público,  revelou que, no inicio desta democracia, Suárez, Gutiérrez Mellado e Garrigues Walker, lle manifestaran, nunha reunión no Congreso dos Deputados, que o concerto sería só para os vascos, porque a “economía catalá era importante de máis dentro do conxunto de España”. Para Catalunya habería concesións no tema da lingua. Este foi un dos principios fundamentais da transición. A maioría dos partidos cataláns entón non querían saber nada tampouco do concerto porque significaba cobrar os impostos. Porén, cobrar impostos −afirmou o ex president – é exercer o poder político. Un tema substantivo sen o que non hai autonomía real algunha. E para Galiza que se contemplou? Mantela na súa función tradicional, sen concesión algunha, pois, entre outras cousas, ninguén falou por ela nin a defendeu. Politicamente o deseño do réxime foi, e é, a consideración de rexión dentro do noroeste peninsular, aguzando o sentimento de sermos pobres e vivirmos grazas a España.  Constateino en primeira persoa tamén no Congreso dos Deputados.  

Comentarios