Opinión

Coa axuda da inspiración de Curros Enríquez

A verdade é que os tempos que vivimos están cheos de interrogantes. Unha pesadume intermitente abafa a nosa conciencia e conturba o noso ánimo. Sentimos a necesidade de escudriñar sobre o futuro que nos espera, pois os seus indicios están xa no presente que nos inquieta. Temos a certeza de esta crise sanitaria, esta pandemia, e a secuela económico-social e política que perfilan, estar a construír xa, coa sociedade paralizada e amordazada, unha maneira de vivir con menos relación social e máis desigualdades en todos os aspectos. Canto tardaremos en reaxir colectivamente, no caso concreto do pobo galego, con forza para apostar por un modelo económico-social que desenvolva o país para o beneficio da súa maioría social, contando coa condición necesaria do exercicio da soberanía, da capacidade para decidir sobre nós mesmos? Hai quen pensa que o concepto de soberanía está periclitado nestes tempos de globalización. Porén, o termómetro que marca o grao de soberanía con que se conta indica de forma proporcional as condicións de vida e a capacidade para enfrontar situacións como as que estamos a vivir. Tamén posibilita maior dignidade e respecto no escenario internacional, dentro mesmo do contexto da UE, a rexión global na que estamos aferrollados.

Sen dúbida, nesta conxuntura, o proceso de globalización mundial está e recuar. Porén, observamos que se aguza en ámbitos rexionais de distintas orientacións e diferenciadas estratexias. Como se aguza o proceso de centralización do Estado español. Sen dúbida, estamos perante unha oportunidade para cavilar e calibrar se a confesional e cega adhesión a ese Estado e ao espazo occidental, o da trípode UE-USA-OTAN, debe continuar co nivel actual de entusiasmo servil e suicida. É o momento de disentir, para alén da estrutura do Estado español, dunha concepción de Europa que a reduce a unha parte, aínda enriba xerarquizada. Temos unha UE que, debaixo dunha retórica para parvos, agocha simplemente un mercado duro e puro como única realidade. Os máis beneficiados dese mercado único teñen a desvergoña de esixiren sacrificios aos máis desfavorecidos, que se deben contentar con pertencer a ese clube selecto, que ademais presume cinicamente de facer obras de caridade. Sería moi lamentábel que sigamos a facer de comparsas de estratexias de guerra fría ou quente contra a China ou Rusia, argalladas desde núcleo de poder político, económico e militar dos USA ou da UE, renunciando ao intercambio en mutuo beneficio. Ou agrilloados co prexuízo de os islamistas seren incompatíbeis coa nosa cultura, facermos de colaboracionistas en agresións contra Estados islámicos, produto de intereses xeoestratéxicos que non son os nosos. É hora, pode ser a ocasión, para nos liberar de ataduras que nos intoxican como pobo e nos impiden ver o noso país e o mundo real na súa dimensión e posibilidades.

Curros Enríquez, outro dos nosos grandes clásicos, remata a súa terceira edición de Aires da miña terra (1886) cun poema en boca de Mahomet. Loa o profeta o poder da palabra, da predicación a prol da igualdade entre os pobos e a concordia entre as distintas relixións e culturas, a obra do esforzo humano colectivo. Curros considera Mahomet o árabe de Deus. Digamos nós que representou a aparición dunha relixión monoteísta, no espazo árabe, irmá do cristianismo. O mellor da cultura galega, de confesionalidade europea, foi sensibelmente internacionalista, de alento universal. Sexámolo nós tamén nas nosas decisións políticas como pobo.

Comentarios