Opinión

Clásicos maltratados

Este 15 de setembro fixéronse 170 anos do nacemento de Manuel Curros Enríquez. Houbo algunha pequena lembranza do escritor e da súa poesía no que chaman redes sociais para celebrar a efeméride. En concreto, Acontravento Galiza espallou un poema, sen dúbida significativo da capacidade artística de Curros e da súa intencionalidade e orientación, A Rosalía, publicado o 30 de maio de 1891 en La Patria Gallega, co gallo do traslado dos restos mortais da escritora de Adina a Santo Domingos de Bonaval. Non cabe máis que congratularse e agradecer que alguén, nunhas circunstancias especialmente adversas para a nosa cultura literaria clásica, e para a nosa lingua, se encargase de facelo, Hai moitos indicios de, dentro da marxinación xeral da nosa cultura e da nosa historia no sistema educativo e na formación da conciencia social, os clásicos galegos seren especialmente esquecidos e maltratados, como se se tratase de vetustos e inservíbeis trastes que cómpre arrombar no faiado. Só Rosalía, pola forza simbólica adquirida e grazas tamén ao continuo esforzo extra-oficial por renovar a súa presenza, por descubrila, sálvase dalgunha maneira dun esquecemento e marxinación lesivos para a conciencia do pobo galego sobre si mesmo. Ignorando ou menosprezando Rosalía, Pondal e Curros, ignoramos e desprezamos a revelación poética, máis senlleira, cualitativamente superior á poesía en español do seu momento, que, ademais, nos introduce na visión dun mundo conflitivo e convulsivo, o dos inicios da contemporaneidade, o desenvolvemento do capitalismo industrial e financeiro e as súas secuelas. Foi aquí, na Galiza, e na nosa lingua, denigrada e maltratada, onde tres grandes poetas, moi distintos, expresaron con palabras relevantes, de emoción e racionalidade inusitadas, realidades humanas soterradas, obviadas, desfiguradas, facéndoas aboiar, desde a especificidade do pobo galego, como subordinado e dependente. 

Non foi casual que Pondal e Curros fosen devotos rosalianos. Especialmente rechamante é a devoción de Curros por Rosalía. O poeta era dunha xeración máis nova, inicialmente cunha ideoloxía de pretensións máis universalista, dun progresismo máis elemental e optimista, e mesmo contraditorio entre o apego emocional ao galego e a súa aposta retórica por un idioma universal. Porén, a súa evolución levouno a unha conciencia cada vez máis acusada do papel de Galiza dentro do Estado español centralista, dependencia e subordinación propias da estrutura do capitalismo imperialista, A escala planetaria denunciou os dous polos de dominio superior, USA e Xapón, a comezos do século XX (poema Na tumba de Rosalía, 1904). Entón xa comprendía todo o que Rosalía significaba. O seu primeiro tributo fora o poema agora espallado pola rede, por iniciativa particular benemérita. O texto difundido contén unha manipulación, allea á intención dos divulgadores. Referíndose a Rosalía, Curros di no poema orixinal: "A musa dos pobos/ que vin pasar eu,/ comesta dos lobos,/ comesta morreu". Isto é, Rosalía foi comida, atacada, combatida, escarnecida polos poderosos. Non escribiu "comesta dos lobos,/ comesta se veu", como se Rosalía fose unha paranoica e o seu sufrimento e persecución social, produtos da súa imaxinación e da fantasía. Esta manipulación do poema non se fixo en vida de Curros, nen sequera no franquismo. Que permaneza en fontes de información relevantes é un síntoma de cal é o estado de coñecemento da nosa literatura clásica e a consideración que merece. Chégase a adulterar poemas para desfigurar a realidade histórica que nos revelan, ou denígrase caprichosamente, sen rigor, a persoa e a súa obra, como pasou con Pondal, condenándoo ao ostracismo, por se non abondase xa coa marxinalidade.

Comentarios