Opinión

Celebración

Leo, e vexo o vídeo demostrativo nun xornal dixital, que unha bandeira española se lle envolveu nas pernas a un paracaidista que a portaba, cando descendía para aterrar, dentro do espectáculo militarista organizado en Madrid co gallo da denominada agora Fiesta Nacional de España (12 de outubro). Non é a primeira vez que pasa un incidente similar con esa bandeira. Nesta ocasión, o afectado debeu facer, seguramente consternado e aflixido, un esforzo titánico para chegar a desenlear o símbolo patrio das súas extremidades. Nada debe alterar a misión sagrada de facelo ondear no ceo, baixando para a terra, coa solemnidade debida, como lábaro de admiración e redención. O incidente levoume a cavilar, máis unha vez, no descarnado e descarado significado dalgunhas datas simbólicas. E en que dirección nos orientan, que visión do pasado e que política no presente avalan e promoven. Segundo o goberno socialista de Felipe González, que estabeleceu a actual designación, substitutiva do Día da Raza, en 1987, simboliza e acompaña "a construción da nación histórica española, a integración dos reinos nunha soia monarquía e a proxección lingüística e cultural extra europea". Representa, pois, "a identidade colectiva nacional", a única existente, que se expresa nun só pobo, nunha soia nación e nunha única lingua e cultura. Todos sabemos cales son. É curioso que se asumise como festa nacional unha data que significou o inicio da expansión colonial da monarquía hispánica no continente americano. Parece como se este espírito colonial e imperialista  perdurase a través do tempo nesta España, hoxe tan intransixente e dominadora para dentro, como servil cos seus amos de fóra. Quizabes conveña lembrar que, independizadas as súas colonias americanas, chegou a participar na agresión imperialista francesa en México para impor o emperador Maximiliano (1862-1867), ocupou Santo Domingo (1861-1865) e interveu no conflito entre Chile e Perú (1865-1866). En fin, que a madre patria non foi benévola coas fillas emancipadas da súa tutela.

Hoxe case todos os estados de América do Sur conciben esta data en clave anticolonial: defensa da diversidade racial, cultural e lingüística, denuncia do que representou a colonización para os pobos indíxenas. Produciuse unha inversión na forma de mirar a súa historia. Nada que celebrar, din. Moito que descubrir, recoñecer e solucionar. Na Galiza experimentáronse polos Reis Católicos moitos dos métodos que se aplicaron, logo, na colonización americana. Desde unha perspectiva galega, esta efeméride resulta un sarcasmo. A nosa emigración a América foi usada para a exaltación do que chaman legado hispano, xustamente o que nos nega como pobo. Nunca esquecerei a cara de satisfacción do embaixador español en Caracas, nun acto de traspaso de poderes da vella directiva (máis ben fraguista) á nova (máis ben aznarista) no Centro Galego, a comezos deste século. Tiña alí un centro neurálxico ao seu servizo. En efecto, bailar sevillanas e representar a cultura española oficial, incluídos os touros, estaban en primeiro plano. Hai símbolos e datas que aos galegas e galegos non é que se nos enleen nas pernas, como ao paracaidista, e que nos obnubilan o cerebro.

Comentarios