Opinión

Cavilacións patrias

[Lúa Descolorida]

Cando vou no bus camiño de Compostela, acompañado por bos amigos, para asistirmos á celebración do Día da Patria Galega, todos os anos adoito pensar no 25 de xullo de 1983. Este ano, non sei ben por que, se por se cumpriren o próximo 2023 corenta anos desde entón, se polo agravamento da situación económica, se por o BNG estar a celebrar os corenta da súa existencia, fíxeno con maior intensidade. A lembranza do 25 de xullo de 1983 ten para min moito de evocación. Porén, ten pouco de nostalxia. Non deixo de ponderar a importancia que tivo a paciencia, a resistencia e a vontade de confrontar a decisión gobernativa que tiña prohibido ao nacionalismo galego acceder á Praza da Quintana. Ese ano, máis unha vez, con forte dispositivo policial, pretenderon que, chegados á Praza de Galiza, a manifestación volvese para a Alameda. Resistencia pasiva, sentada masiva na praza, cantos, consignas patrióticas durante máis de catro horas. De súpeto, estrondo de disparos con pelotas de goma, carga policial desbocada, vidros quebrados, escorrentada da xente para se protexer, entrando en hoteis e cafetarías… A barafunda represiva, coa súa violenta e súbita actuación, fronte a unha protesta pasiva e pacífica, desatou simpatía, amparo e protección en quen viu o que estaba a pasar. Realmente foi catastrófico e contraproducente para o deseño gobernativo. Tomaron nota. A súa exclusión destrutiva e discriminatoria, a súa pretensión de impedir, un día cargado de simbolismo, a lexítima utilización dun espazo público simbólico para o nacionalismo, topouse cunha oposición lexítima, firme e pacífica. O espazo da cidade non podía quedar reservado só para celebracións oficiais, relixiosas, militares e políticas, totalmente antagónicas da idea de Galiza existir como nación e pobo con dereitos, isto é, na exaltación do españolismo. Pretendelo conducía a un caos garantido que desluciría o día e escorrentaría visitantes, para alén de dar unha imaxe de represión contraria a dereitos cívicos elementais, como o de manifestación e liberdade de expresión. Deberon rectificar. Ao seguinte ano volvemos á Quintana. E logramos ir consolidando o Día da Patria Galega, como algo irreversíbel, única celebración con entidade dese día, malia a súa consideración oficial como Día de Galicia, sempre agochado por festas, fastos protocolarios e botafumeiros españolísimos, nos que o noso país é marxinal ou inexistente.

A miña cavilación este ano tivo algo de premonitoria. Ao baixarmos do bus e camiñar desde a parada de Xoán XXIII, vímonos abafados por policías cada vinte metros, grupos militares con metralletas, impedimento de circular por rúas próximas á Praza do Obradoiro. Para chegarmos á Alameda, debemos optar por baixar até o Pombal. Non era só a preocupación lexítima por garantir a seguridade absoluta do acto oficial: era unha ostentación de prepotencia e intimidación, un acto de forza, que expresa a idea de que mandan e imperan. Que o demais, é unha concesión baixo sospeita, que só é tolerada con vixilancia extrema e desafío provocador. En realidade, visualizamos as dúas orientacións do 25 de xullo: a vontade de sermos pobo, galegos e galegas de nación, expresándonos nesta dimensión; a exaltación da anulación e asimilación de Galiza en nome dun españolismo que nos nega. Non deixo de pensar, no primeiro caso, no Santiago sedente do parteluz do Pórtico da Gloria, orixinario e acolledor. No segundo, no Santiago Matamouros do altar maior, de inspiración imperial española, belicoso e ameazador. No noso, e no deles, que dicía Castelao.

Comentarios