Opinión

Cautela e necesidade

É inxenuo, e contrario aos síntomas que o comportamento dos Gobernos e dos poderes fácticos expresan, pensar, ou actuar como se así fose, que a única preocupación destes, agora, é dedicarse á tarefa de combater a pandemia. Dáme a impresión de que esta concepción condiciona a actuación institucional e social do nacionalismo, aínda recoñecendo que, con extrema prudencia e bo ton, expresa críticas, desacordos, e fai propostas alternativas, respecto do que se fixo e fai en relación con esta praga, como tardío, errático e condicionado por intereses económicos e políticos. Tamén é verdade que denuncia, con acerto, mesmo co voto negativo, onde se debaten, o Congreso dos Deputados,  as insuficientes e mesmo nada apropiadas medidas económico-sociais en relación coas maiorías sociais afectadas pola crise económica e laboral, aínda máis grave, orixinada. Baixo o meu punto de vista, hai  tendencia  a unha cautela excesiva por medo a que a discrepancia, expresada en voto negativo, respecto de medidas do Goberno central que as toma, tamén nos aspectos referidos á forma de combater a pandemia, poda ser mal entendida socialmente, como pouco construtiva. No debate no Parlamento Galego domina o propositivo, nun contexto onde quen goberna a Xunta é absolutamente desleal co propio país.

Porén, o Goberno español e o da Xunta non están  dedicados con fervor exclusivo ao obxectivo sanitario. Igual que outros poderes que os acompañan ou sustentan, están ao seu: a Banca, as Eléctricas, o Exército, as grandes cadeas de alimentación…Comeza a resultar claro en exceso que se está definindo un deseño para o futuro que non só non abxura das miserias do pasado senón que as vai afondar. Xa saben: recortes, a chamada política de austeridade, endebedamento público no mercado, isto é favorecendo a Banca e outras formas de especulación, máis precarización; e até renda básica para mala subsistencia no contexto dun paro nunca visto. Vaise escoller este camiño, en contraste  con outras zonas do planeta (Rusia, China ou en parte USA…) que, dentro do capitalismo, contan con Banca pública e unha relación diferente entre público e privado. Vaise facer nun contexto onde se vai reducir o comercio internacional, e habería posibilidade de recuperar sectores produtivos para o consumo interno. O retroceso inevitábel do turismo cega calquera posibilidade, sempre con pés de barro, de cifrar nel a recuperación económica, proposta do Presidente da Xunta, evidenciando así a súa concepción de Galiza.

Non podemos estar cegos perante as receitas da Comisión Europea e a posición de España nela; perante a negativa a aceitar que veñan médicos cubanos e chineses a axudar, como se non se puidese pasar unha liña vermella na política internacional, nin en momentos críticos; perante as chamadas a reconstruír España, co tufo da unidade indivisíbel, alentada polos cantos da Lexión, un himno de `pompa e impostura militarista e monárquica e a supremacía do idioma e a cultura únicos. Hai necesidade de asumir que un deseño así significa a anulación de Galiza como pobo con dereitos e vontade política, que nos exclúe a nós, polo mero feito de ser o que somos e pensar como pensamos. E sobre todo, é hora dar o debate público, con claridade e abertamente, só coa cautela de nos facer entender. É a mellor maneira de sermos construtivos.

Comentarios