Opinión

Catecismo para incautos

Por se servir para alertar incautos, sinto a necesidade de puntualizar algunhas obviedades

Por se servir para alertar incautos, sinto a necesidade de puntualizar algunhas obviedades que, polo que se ve e escoita, pasan desapercibidas ou, máis ben, non son obxecto de comentario nin de denuncia como deberan selo, para analizar a situación política actual e tirar algunhas conclusións operativas. Comecemos pola que se presenta como máis natural, incontestábel e lóxica: o deseño a mantenta dun mapa político con catro alternativas estatais no canto das dúas anteriores. Levamos xa moito tempo comprobando como, sen mediar procesos electorais , se deu  por sentada  esta realidade até tal extremo de que non parece existir máis ninguén, aínda estando revalidada polas urnas a súa existencia. Esta anulación, este borrado de golpe de todas as alternativas nacionalistas, indica de que se trata, cais son os obxectivos do novo deseño. Por que catro onde antes había dous? É ben simple: o bipartidismo tradicional xa non garantía a lexitimidade social do réxime. Había que procurar unha ampliación do abano, mantendo dous criterios básicos: españolización e antinacionalismo. Velaí as coincidencias de fondo entre os catro xinetes, certamente cos matices que permitan albergar a ilusión  de que as diferenzas existen. Que medios de comunicación privados e públicos, en mans dos poderes económicos e políticos dominantes, mostraren unha coincidencia tan asombrosa, tamén con matices, na forma de tratar alternativas “emerxentes”, segundo o vocabulario ao uso, sen teren sequera representación nas Cortes do Estado e mesmo  antes de a teren en parlamentos autonómicos e concellos, non é casual. Está claro que se opta, de forma contundente, por unha fotografía da realidade interesada moito antes de se teren producido os resultados electorais que a convertan en veraz. Unha forma de modelación activa do futuro que supera con creces o papel indutivo da opinión pública que cumpren as enquisas electorais.

Había que procurar unha ampliación do abano, mantendo dous criterios básicos: españolización e antinacionalismo. Velaí as coincidencias de fondo entre os catro xinetes

Constatamos entón que, nos últimos anos, o avance da influencia mediática, especialmente televisiva, na conformación da conciencia social, en particular a política, foi espectacular, como correlato da pasividade social e do medre do individualismo, isto é, do desprestixio das organizacións políticas e sindicais e da incubación dun criticismo demagóxico, que a nada obriga, e que sitúa as causas do deplorábel estado económico e social en corrupcións e incapacidades dos individuos gobernantes. Asistimos á  americanización da vida política, enténdase mímese dos USA, loxicamente desde dentro das coordenadas da tradición cultural, iconográfica, simbólica, mental, dun contexto como o noso. A responsabilidade política redúcese ao consumo electoral teledirixido, pois o debate no plató da televisión, reservado ás catro forzas españolas e aos seus líderes, substitúe ao que se produce nas Cortes (os parlamentos autonómicos, en concreto o galego, aínda están máis devaluados e gozan de menor atención informativa), e os problemas a tratar e a forma de facelo obvian, ou minimizan até a máis absoluta marxinalidade, calquera análise de fondo ou calquera posición realmente crítica e alternativa ao que representa a unidade de España, a Unión Europea e a OTAN. A pauliña do dereitista presidente de Portugal, Cavaco Silva, contra calquera desviación dos compromisos de Portugal coas institucións do mundo occidental global, imperial, é aquí tamén  acervo intocábel non só para a “vella” política bipartita, senón tamén para a “nova” ou “emerxente”, que a transmuta duplicándoa. Os que non poden entrar neses platós de grupos mediáticos estatais, españois, non existen politicamente, por moita lexitimidade electoral que obtiveren nas urnas, pois a exclusión funciona como indicación de que non se forma parte do deseño, por atentar  contra unha das súas esteas básicas, a existencia de España como nación única incuestionábel e o Estado español como a súa manifestación xenuína, como instrumento político. É tan escandalosa como exercida con naturalidade a exclusión das alternativas nacionalistas con representación nas Cortes, algunhas delas forzas políticas maioritarias nas súas nacións e mesmo con responsabilidade de goberno.

O avance da influencia mediática, especialmente televisiva, na conformación da conciencia social, en particular a política, foi espectacular, como correlato da pasividade social e do medre do individualismo

É curioso comprobar como as poucas cousas positivas da Constitución española quedaron en papel mollado xa desde o inicio. O sentido claro de democracia parlamentaria que o texto constitucional español asume foi perturbado sempre por unha concepción centralista e caudillista na práctica. O corpo electoral vota maioritariamente pensando que o fai por un cabeza de lista que dá a casualidade que é o dunha candidatura da provincia de Madrid, acreditando que está a votar directamente a un posíbel presidente do goberno español, pois os partidos estatais teñen bo coidado  de colocaren os seus líderes naquela circunscrición. Porén, o  presidente do Goberno español  ten que ser eleito polo Congreso, para o que se necesita unha maioría parlamentar. Non é unha elección directa, pois. Vótanse candidaturas de alternativas políticas, en circunscricións provinciais. Os efectos da centralización política e a construción  dos liderados a través, especialmente, das televisións estatais están a agravar o deterioro da necesaria vinculación e coñecemento directo  dos representantes cos seus electores, e non digamos xa, o desprezo da diversidade nacional, cultural e lingüística do Estado español. Outra cousa é que os eleitos nas circunscricións provinciais por partidos ou alternativas estatais sempre serán dóciles servos do deseño que as súas direccións con sede en Madrid teñan decidido ou acordado. A pouco que se pense, comprenderemos que, sendo un valor a democracia pluripartidaria para a Constitución español en teoría, sempre foron os seus gardiáns coidadosos en establecer xerarquías, exclusións e discriminacións conforme ao criterio de funcionalidade e conformidade ou non co  statu quo a salvagardar. Desde logo, podo asegurar que a actuación do BNG no Congreso padeceu e padece a maior discriminación e anulación informativa. Sen dúbida, a causa está nunha mestura de anulación a mantenta de Galiza cunha manifesta aversión ao nacionalismo galego. 

Na Galiza xa estamos afeitos, perante calquera inminente proceso electoral, á detención de supostos “terroristas”, que non o son

Os poderes que están ensaiando a reformulación aparente do mapa político bipartito, reforzando a exclusión dos discrepantes co statu quo, son os mesmos que teñen o control dos grandes oligopolios económicos e medios de comunicación. Non son alleos, senón que están imbricados no funcionamento do Estado burocrático, centralista e imperial español. Participan e alentan os seus métodos de intimidación e control social. Na Galiza xa estamos afeitos, perante calquera inminente proceso electoral, á detención de supostos “terroristas”, que non o son. Agora o recurso tamén é que un tribunal excepcional, como a Audiencia Nacional, chame a declarar aos máximos dirixentes orgánicos do BNG, o seu portavoz nacional e o seu secretario de organización, como testemuñas nunha causa, que, alén de ter todos os síntomas dunha argallada máis, nada ten a ver con esta organización política, seis días antes de celebrárense as eleccións xerais. Semellante forma de proceder e coincidencia de datas só é explicábel como produto dunha manipulación política obsesiva na súa hostilidade contra o nacionalismo. Porén, tamén amosa como as súas fobias fainos incorrer ás veces en comportamentos que os descualifican,  provocando reaccións de incredulidade e mesmo de descrédito entre xentes que non tragan rodas de muíño tan enormes. A súa intención de danar, prexudicar, co recurso aos aparatos xudiciais mesmo, indica até que extremo vivimos nun Estado antidemocrático para o que todo vale na súa cruzada ideolóxico-política.

Nun contexto así, aínda se torna máis necesario incardinarse no próximo, termos un sistema de referencias políticas sobre nós mesmos

En todo caso, a desinformación da opinión pública, a presión para a amplos sectores sociais acomodárense ao  deseño oligárquico, inoculando medo e desconfianza perante todo o que considera heterodoxo, é un problema grave nesta democracia “mediática”. É preocupante que se estea a substituír o contacto coa realidade circundante, co máis próximo, mesmo como fonte, en principio, de lexitimidade e fiabilidade dos xuízos políticos, polas imaxes e a fantasmagoría a distancia, a das televisións e o mundo de internet que as repica. Así nunca beberemos nin faremos xuízos sobre a nosa experiencia propia como pobo ou como sociedade, nunca construiremos nada desde nós mesmos e ao noso servizo, que ten que ser a tarefa prioritaria dunha política galega democrática. Non vexo unha representación dos intereses e problemas do pobo galego en dirixentes como Pablo Iglesias ou Albert Rivera. As poucas veces que os escoito dáme a sensación de loros, papagaios, sen a menor emoción, que recitan unha lección aprendida, tan chea de tópicos, oportunismos e españolismo como os da “vella” política  bipartita, superándoa mesmo  en demagoxia infantil. Causoume estupor, hai pouco, escoitar ao líder de Podemos, gozando da anuencia do presentador da Sexta, corroborar que o seu salario eran 1900 euros…Se se pode mentir con tanto descaro sobre feitos obxectivos e concretos (pódese comprobar cal é o seu salario como eurodeputado, alén do que faga con el), que cabe esperar das súas análises políticas e dos seus compromisos?

Todo conduce a unha soia convición: o sistema vale, o réxime tamén, a Constitución, non digamos: só requiren uns retoques, xa se sabe en que sentido, tendo en conta os antecedentes de cómo se xestou o novo deseño. O malo está en que hai corruptos e  ineficaces.   A por eles, para pornos nós. Sobre cataláns e vascos a ver como os enleamos, un discurso alí e outro aquí. Máis tarde, falaremos das cesións dentro da orde estabelecida, pero sobre todo empatía e bo rolo (as cambadelas ao seu momento e por detrás). Aos galegos, como só son “algúns”, a ver se ao resto os mareamos ben coa tese de a patria seren os hospitais, na práctica España, o único importante, Galiza missing…

A santísima trindade da unidade/subordinación de España, o mercado/negocio da Unión Europea e a defensa/agresividade da OTAN dominan o substrato dos discursos vellos e emerxentes que entran no novo/ vello deseño. Teño claro que, nun contexto así, aínda se torna máis necesario incardinarse no próximo, termos un sistema de referencias políticas sobre nós mesmos, o pobo ao que pertencemos obxectivamente, que nos sitúe fronte ao nosa propia realidade e nos faga responsábeis dela, única forma de existir politicamente.

Comentarios