Opinión

Catalunya e nós

Leo que entre o 60% e o 70%, a nivel estatal, da poboación adulta é contraria á amnistía, e mesmo á concesión dun indulto, para as persoas catalás, presas e exiliadas a raíz do procés. Descoñezo a porcentaxe na Galiza. É rechamante que unha reacción tan desproporcionada, agresiva e falta do mínimo rigor democrático por parte dos aparellos do Estado verbo das institucións de autogoberno catalán non provocase unha resposta solidaria máis significativa fóra de Catalunya. Para alén do carácter imperial intrínseco, para meter medo dentro, da concepción de España, a abafante información mediática hostil co pobo catalán, as campañas de intoxicación e desprestixio contra o independentismo catalán e os seus líderes, a carencia dun debate público plural e con contraste, poden explicalo. As maiores barbaridades antidemocráticas e represivas foron xustificadas e incentivadas co amparo da Xustiza, co entusiasmo desmedido da mediática hexemónica, e coa prepotencia policial e armada do goberno de España, contando co balbordo dos partidos estatais. Hoxe as persoas independentistas catalás presas constatan como a opinión pública maioritaria, agás en Catalunya, se mantén, en maior ou menor medida segundo a diversidade nacional, insensíbel, aliñada cunha política represiva e vingativa, carente mesmo de calquera sentimento de piedade, xa que non de comprensión política racional. Lembremos que estas persoas levan xa tres anos no cárcere e no exilio. Están así simplemente por, como cargos políticos eleitos polo seu pobo, intentaren que este puider opinar, a través de referendo, sobre unha cuestión política.

Co pretexto do meu artigo da semana anterior, Españolismo, alguén, co nome de Lourenzo, inseriu un comentario no que, con certa displicencia, detectaba por aquí moito cuzo faldreiro do circo do procés. Non sei onde ve tal entusiasmo político, nin sequera dentro do independentismo na Galiza, e menos en plan de canciño servil e imitativo. Porén, as súas apreciacións ao respecto expresan o que o oficialismo chamaría “sentidiño”, isto é, sermos adaptados, mansos, submisos, conformistas coa nosa situación colectiva. Postos a descualificar, prefiro un circo aos rituais de falsario amor rendido por Galiza que a nada obrigan, dos que a conducen á indignidade, á irrelevancia e á ruína. Efectivamente, tal e como recomenda o comentarista, non hai que ser ilusos. Así considera os galegos solidarios co independentismo catalán, nestas circunstancias. Segundo el, nada lle importa Galiza, e, ademais, sómoslles tan españois como o resto, desde a súa perspectiva supremacista. Parece obvio que chegamos ao obxectivo interesado: debemos, pois, considerarnos como parte do pobo español ao que eles odiarían. Certamente ningún pobo pode esperar que sexan outros quen o liberen. Sería ilusorio. Cada un depende de si mesmo e das súas circunstancias (diríamos tamén da xeoestratexia e dos intereses en xogo). Endebén, é de ilusos considerar o independentismo catalán inimigo de Galiza, e ser “cuzo faldreiro” dunha españolidade que nos deforma, incapacita e aniquila como pobo. Noutras palabras, non decatármonos de os nosos males teren principal causa nun Estado cuxo centro de poder político, económico, cultural e lingüístico está en Madrid. Sabemos por experiencia onde nos conduce e que papel ocupamos no seu deseño. Non temos o problema con Catalunya nin coas súas reivindicacións. E Lourenzo finaliza cun esconxuro: “Deus nos libre de facer o ridículo que están a facer”. Polo que se ve, é mellor estar resignados, humillados, inertes, sen iniciativa e sen obxectivo colectivo algún. Non é este o “sentidiño” que se nos predica? Non é puro ilusionismo esperar que quen causa os nosos males rectifique o deseño en que sustenta o seu poder e a súa razón de ser?

Comentarios