Opinión

Castelao e nós

Hai sucesos nesta nosa sociedade galega que marcan, para ben ou para mal, indicadores do que somos e como estamos, no positivo e no negativo. Ben entrado o mes de agosto informouse que en Malpica, no seo dunha comisión para homenaxear as xentes do mar da vila, perseguidas após o alzamento militar fascista en 1936, un dos seus membros, suposto benfeitor da iniciativa, esixía a eliminación do nome de Castelao e unha coñecida auto-caricatura deste, na proa dun barco pesqueiro que un artista plástico, contratado para recrear un símbolo significativo ao respeito, pintara na parede dun edificio, co permiso do seu propietario. Inspirarase nun barco real, con base no porto de Malpica, cuxo nome é Novo Castelao, propiedade dun mariñeiro e logo patrón, para quen a leitura do Sempre en Galiza fora unha revelación. Xa resulta penoso que alguén poda argumentar que Castelao non nos representa a todos para esixir modificar un mural artístico que tiña unha intención simbólica. Semellante conduta é impensábel nunha sociedade que comece por se respeitar a si mesma e teña conciencia do valor e significado dos seus símbolos máis representativos. Só podemos atribuíla a unha mestura de auto-negación arrogante do propio, á ignorancia desprezativa do colonizado ilustrado, con sectarismo ideolóxico-político, isto é, españolismo rampante, agochado en esquerdismo baleiro. É plausíbel que o inquisidor non se identifique como de dereitas, colaborando na restauración da memoria histórica da represión franquista. Parece seguro que todo o que lle ula a galego consciente, aborréceo. 

Desde logo, se Galiza existe politicamente falando é polo esforzo de homes e mulleres como Castelao. Non hai máis que ver como se elaborou, plebiscitou e aprobou, incluídos os trámites parlamentarios, o Estatuto de Autonomía na Segunda República. Se as clases traballadoras do campo e do mar tiveron defensa política, neses tempos, foi grazas a homes e mulleres como Castelao. Mesmo se os problemas da clase obreira galega tiveron eco nas Cortes republicanas foi grazas a persoas como Castelao. Se Galiza, como pobo diferente, apareceu, con vontade e dignidade política, preocupado polos seus intereses e o seu futuro, foi grazas a homes como Castelao. Aliás, resulta que, limitándonos só aos momentos posteriores ao alzamento militar, Castelao puxo toda a súa capacidade artística ao servizo da denuncia da represión das autoridades fascistas na Galiza. “-Queiman, rouban e asasinan no teu nome!”, chora unha muller de xeonllos perante un Cristo nazareno nunha das láminas do seu albume Galicia mártir, editado en 1937 en Valencia. Foi o mellor artista plástico, sempre denunciando o terror na súa patria, Galiza, como mostra da brutalidade fascista, que tivo o Goberno republicano ao seu servizo. Para máis inri dá a casualidade que dúas estampas do seu Atila en Galicia fan referencia explícita aos mariñeiros perseguidos e fuxidos do terror asasino das autoridades fascistas. “No fondo do mar” é a imaxe dun afogado á mantenta cunha pedra atada ao pescozo, rodeado de moitos máis xa medio comestos; “Evasión”, mostra o intento de fuxida por mar nun bote, de seis persoas, catro homes, unha muller e un rapaz, seguramente con destino a un porto asturiano, tal e como informaba a prensa republicana de Valencia e o propio Castelao coñecía por informantes galegos. Estas dúas imaxes por si soas son a mellor expresión plástica do que a comisión pretendía lembrar. Porén, o grave foi que a arrogancia desprezativa fose adiante pola submisión do alcalde, que representa a autoridade pública, e a anuencia apática e forzada do resto da comisión. O nacionalismo organizado, sen presenza nela, reaccionou tarde, mostrando oposición testemuñal. Bótase en falta algunha forma de reacción social, pública. Por Castelao, por nós. 

Comentarios