Opinión

Calvario español

Vimos de coñecer a sentenza dun Tribunal Militar sobre un caso de acoso, burla, humillación e hostilidade constantes, padecidas por un garda civil homosexual no seu traballo no cuartel da Benemérita de Noia. Desde xuño de 2010, en que chegou,  até novembro de 2014, en que foi apartado do servizo, soportou, segundo a sentenza, unha concorrente, conxunta e persistente persecución homófoba por parte dun cabo e tres gardas, compañeiros seus. A súa crecente ansiedade desembocou, tras un incidente cun dos acosadores, que non hai interese en aclarar, nun trastorno mental severo. Chega a sentenza condenatoria sete anos máis tarde da denuncia dos feitos. A tramitación e a tardía e cativa condena final revelan unha condescendencia protectora cos malfeitores, por pertenceren ao corpo, e unha benevolencia só explicábel por se trataren de auténticos machos de España: Arriba España, muerte a los maricones, foi a recepción que lle deron os seus compañeiros, sabedores, como auténtica policía de control social, de que pé coxeaba o seu novo colega. Con efecto, a sentenza e o calvario de catro anos evidencian graves conivencias internas e funcionamentos corporativos que o Tribunal Militar non denuncia, e menos, castiga. Resulta rechamante que o sarxento do cuartel, coñecendo a situación por boca do acosado, non só a tolerou senón que lle recomendou á vítima aturala como se nada pasase. Por tanto, ou ben partillaba, de forma conivente, a actuación dos seus subordinados ou consideraba que era o prezo a pagar pola vítima por mor da súa   inclinación sexual, por certo só previamente coñecida por existir algún informe interno.

A parte expositiva da sentenza revela, coa maior naturalidade, o compadreo dos acosadores fóra e dentro do cuartel, con algúns detidos, por eles coñecidos, para lles facer partícipes do acoso contra o seu colega marica. Esta forma de proceder, indigna dunha policía gobernativa, acabou provocando na contorna social, bares por exemplo, frases en voz alta, en presenza do acusado, humillantes, como a dun camareiro, pedindo a un dos acosadores en relación co acosado de que si se lo quería follar, le arreglasen una cita con él. Na linguaxe cuarteleira era la mujer del puesto. Fica ao descuberto a rede social de delatores e colaboracionistas. Mete medo comprobar como axentes públicos que se xustifican en nome da seguranza poden instrumentalizar a sociedade servindo a causas tenebrosas. No plano laboral, o axente acosado cargaba coa maior parte do traballo e mesmo, para maior inri, os expedientes de casos de violencia de xénero que el desenvolvía, acababan figurando como dos acosadores. Só nunha estrutura autoritaria, despótica e falta de normas transparentes e dereitos e deberes no desempeño do traballo, pode producirse semellante tendenciosa hostilidade ad hominem. Non dubido de que formen parte da Garda Civil persoas respectábeis e dignas, porén nunha policía gobernativa, ao mesmo tempo militar, en fácil e necesario contacto coa sociedade, non poden primar criterios militaristas, escurantistas e de confesionalidade ideolóxica antidemocrática ou contraria aos dereitos humanos. Nos últimos tempos o seu abano de intervencións medrou de forma desconsiderada, como se se tratar dun grupo de presión nos aparatos do Estado, un poder fáctico que ten a vantaxe de aparecer socialmente como protector, á vez que está vinculado ás operacións máis tenebrosas e represivas. Non é casual que o dominio da ideoloxía machista e españolista a caracterice. Pensar que as nosas rías e os seus traballadores e traballadoras, as nosas estradas e o seu tráfico e seguranza viaria, o noso medio ambiente, a seguridade das nosas vilas e aldeas…están en mans dun corpo así, sobre o que non temos ningún tipo de control nen competencia, debera conducirnos á urxencia de a Galiza contar con policía propia.

Comentarios