Opinión

Bramidos españolizantes

Traducido ao noso idioma o que a denominada Lei Celaá contempla verbo das linguas vehiculares no sistema educativo non universitario, isto é o que di: As Administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e das alumnas a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicábel. Como se ve, recoñécese o dereito  de todas as linguas a seren vehiculares; ao castelán, de forma xeral; ao resto, no seu territorio. En todos os casos dentro da legalidade constitucional, que considera o castelán lingua oficial do Estado, de obrigado coñecemento e con dereito a ser usada en toda parte. A legalidade autonómica e as normativas ao respecto non poden colidir co marco legal constitucional.

A que vén, pois, o balbordo histérico e a histriónica e alporizada sobreactuación do españolismo político, mediático, social e cultural? O ministro Wert, o da LOMCE, que agora se quere substituír pola que está en debate (LOMLOE), afirmou, no seu día, sen andrómenas, que había que españolizar a rapazada catalá, unha das motivacións da súa reforma educativa. Puña así ao descuberto cal é o papel que se lle asigna ao español, como lingua oficial do Estado, identificado coa nación española única, para as nacións negadas que teñen lingua propia. Abandonemos o correcto politicamente. Que é o que se fixo na Galiza, desde que hai escola regrada, cando menos desde hai dous séculos, con perseverante intransixencia e desprezo por nós mesmos como individuos pertencentes a un pobo diferente? Que é o que se está a facer, nestes últimos dez anos, sobre todo, dunha forma cínica, con submisa veneración degradante, coa continua inoculación de desprezos e negacións contra a propia lingua por parte de quen nos goberna? Moi simple, españolizarnos, para nos converter definitivamente nun pobo sen horizontes nin vontade propia algunha. Trátase dunha política de asimilación, de dominio, lenta, pero eficiente para os que dominan, triste e destrutiva para o dominado, que se ve feliz convertido en caricatura de outros. Seguramente os que dirixen a operación están aboados ao discurso dos problemas da identidade, neste saco meten a lingua propia, estaren superados.  Non parece que o estean aplicando á identidade que levan séculos e, agora de forma aínda máis miserábel, forzándonos a imitar, con todos os poderes e artimañas ao seu alcance.

A nova lei de educación, coa modificación devandita, elimina as arestas máis agresivas da política lingüística españolizadora, sen tocar o fundo que a fundamenta. O nivel de agresividade seguirá a depender dos resultados electorais e da marxe de flutuación en tolerancia da endogamia xudicial. Teñamos en conta que, mesmo para Catalunya, con Estatut e Lei de Educación que contemplan o catalán como lingua vehicular normal do sistema educativo, o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo xa sentenciaron que tiña que haber unha porcentaxe en castelán, non só a materia. A LOMLOE é un intento de mitigar a agresión, sen que o asalto desapareza. Simplemente por atemperar a situación provoca os bramidos de quen desexa ver o pobo catalán prostrado e vencido, e o galego, inerme, inerte, morto.  

Para quen aquí padecemos unha política lingüística de apartheid e destrución premeditada, a modificación que nos trae a LOMLOE non dana, porén resulta irrelevante. A nosa legalidade autonómica e a normativa dela derivada esgótase no etéreo, na falta de prescrición e na permisividade da indolencia verbo do noso idioma. Feixóo xa manifestou que seguirá coa súa práctica de campión da españolidade servil, facendo méritos a beneficio do inventario español, en demérito e derrubo do que debera ser normal, sermos galegos e galegas de condición e asunción. A nosa é unha resistencia meritoria. Espero que  logremos librarnos de tanta miseria e dos miserábeis que a promoven a conciencia.

Comentarios