Opinión

Benemérita

Pasma a facilidade coa que se asimilan sucesos que poñen ao descuberto, non xa a corrupción de cargos relevantes dalgunhas institución do Estado, senón un funcionamento mafioso, derivado da súa matriz autoritaria e antidemocrática. A prudencia extrema e mesmo a delicadeza informativa, próxima á censura, coa que, desde os medios de comunicación, e mesmo nos debates parlamentarios, no caso de se produciren, se trata eses fenómenos, indican que hai institucións que se consideran esencia do réxime e da españolidade, vinculadas a unha tradición histórica de represión e defensa do statu quo. Delicadeza e prudencia caracterizan a información negativa, cando non se pode ocultar, sobre o poder xudicial, as forzas armadas e, moi en particular, a Garda Civil. A propia institución afectada e os medios que informan do acontecido, así asumiron casos de evidente corrupción, por non dicir de natureza criminal, como os descubertos nos últimos meses na forma de proceder de cargos moi relevantes da cúpula da Benemérita. Algo teñen a ver cos mecanismos de funcionamento interno, cunha concepción xerárquica e ideolóxico-política que, se non a favorecen, desde logo non a dificultan. Contrasta o trato informativo, de baixa intensidade, e o escaso seguimento que se lles dispensa, co que, de forma estrondosa, e moitas veces insidiosa, se aplica á chamada corrupción dos políticos. Parece como se os poderes que actúan como aparellos represivos do Estado formasen parte da súa esencia intocábel e da súa estabilidade inmutábel. Hai que blindalos cun prestixio sen chata.

Inquieta, en termos de seguridade democrática, descubrir que o xefe dunha unidade de elite da Garda Civil, condecorado coa medalla ao mérito do Plan Nacional sobre Drogas, é tan conivente cos narcotraficantes no Estreito que foi necesario desmantelar o denominado OCON que el dirixía, aboiando as extorsións internas a outros grazas á súa capacidade para ofrecer atractivos complementos en dietas. Ou o caso do tenente xeral, responsábel dunha misión da UE no Hesel, chea de graves fraudes, máis tarde artífice dun clan para cobrar diñeiro a cambio de favorecer empresas nos contratos de construción ou rehabilitación de cuarteis da Garda Civil en vinte provincias. Ou que o marido da primeira muller, nomeada hai tres anos, directora xeral do Instituto Armado, estea implicado, xa desde antes, na antedita corrupción cuarteleira, véndose ela obrigada a dimitir. A arrogancia e insolencia politizadas manifestáronse co coronel Pérez Cobos desde a comandancia de Madrid, obrigando a quen o tiña designado, o Goberno, a cesalo. O recurso do coronel, após ser tombado na Audiencia Nacional, foi admitido polo Supremo. Debeu ser recolocado no seu cargo. As conexións entre maxistratura, política e Garda Civil non son inocuas. Velaquí o problema: o seu carácter militar e a súa tradición. Moitas das variadas funcións que foi asumindo son antitéticas co seu carácter militar (policía xudicial no relativo á muller e o menor, tráfico, protección da natureza…). Dotárona de máis influencia social e, paradoxalmente, afondouse na súa opacidade e capacidade de control cidadán, e na vinculación aos servizos secretos e ás misións militares. A Benemérita necesita perder canto antes o seu carácter militar. Na Galiza, moitas das súas funcións (seguridade cidadá, tráfico e seguridade viaria, medio ambiente, policía xudicial…) debe desempeñalas unha policía integral galega, dependente do Goberno galego.

Comentarios